Antiuniformidade
Santalla, Iago - miércoles, 25 de noviembre de 2020
Un xa empeza a estar farto do macaquismo dun país que se quere unido pola forza ao mesmo tempo que se refuxia en tópicos obscenos e agresivos contra as súas partes, un país obsesionado co seu embigo que non é capaz de ver toda a riqueza que ten ao seu redor que lle pertence e que quizais teña tanto ou máis valor que o propio embigo; pero resulta que ao levantar os ollos do embigo dálle por ver paletismo onde hai culturas tan dignas ou máis que aquela que se adxudicou como propia.
Fronte a isto, coido que convén unha postura ética e ao mesmo tempo de férrea militancia da diversidade. Colaborarei sempre que poida con a loita polo benestar e polos dereitos da cidadanía. Agora ben, culturalmente son quen son e reivindico o meu dereito a desenvolverme como ser diferenciado no mosaico común da humanidade.
En definitiva, reivindico a diferenza cultural e lingüística e avogo pola unión para conseguir a igualdade de oportunidades e o benestar. Eles dividen no social e no cultural procuran castrar a diferenza para construír o país delirante que teñen nos miolos. Velaquí a diferenza.

Santalla, Iago
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora