Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A modo de despedida. Genovés.

viernes, 20 de noviembre de 2020
Hai horas tristes, días que nos traen perdas que sentimos moi próximas, aínda que nunca nos atopáramos con esa xente directamente, aínda que só as coñeceramos a través das súas obras. Obras que van permanecer, o que nos fai pensar que non deberíamos sentir a desaparición dos seus creadores. En realidade, eles viñeron, fixeron e deixaron marca. Pero, aínda así, sentimos pena.

Sempre gustei dese aplauso de enterro. Desa ovación final, cando a persoa fica e queremos agradecer que tivera estado entre nós, que nos teña deixado ese regusto amargo de alegría por compartir o tempo con el, con ela, e o agradecemento por ese legado que nos foi entregando.

Todo isto vén a conto pola tristeza que sentimos ante certas personalidades que nos deixaron nos últimos tempos. Tiña pensado escribir algo sobre Genovés e agora cando se vai Quino, o creador de Mafalda, xa non podo agardar máis.

Genovés será sempre o autor de "El abrazo" esa imaxe de reencontro entre uns e outros/as, entre os que estaban presos/as e os que agardaban fóra; a icona da Transición, da amnistía que con tanta insistencia se reclamaba. Eran eses tempos, de saída (pola porta de dentro ou de fóra) dunha ditadura (dura, dura porque quen ditaba –sempre no nome dos grandes poderes que están por riba de calquera- era militar e da peor ralea), e Genovés creou esta imaxe en 1976.

No 66 e no 72 fóranos deixando obra gráfica onde a desesperanza era total, porque nesas obras viamos como caían os que non daban fuxido. O seu era un pop que se relacionaba co Equipo Crónica, un pop crítico e non decorativo como acabaríamos asumindo máis tarde da man dos anglosaxóns Warhol e Lichenstein entre outros.

El abrazo, esa obra pola que sempre será lembrado, foi antes que nada un cartel para Amnistía Internacional, que pasou a formar parte da decoración dos pisos da esquerda española. Unha pintura que agora podemos ver, no Congreso dos Deputados onde o seu autor sempre quixo que estivera. Posteriormente, a imaxe pasou tamén a converterse en escultura pública situada na proximidade ao lugar onde foron asasinados os avogados de Atocha.

Ese abrazo sempre simbolizou o encontro cos presos políticos aínda que alguén tente dicir que representaba o encontro das dúas españas. Había unha que non tiña que reencontrarse con ninguén porque sempre mantivo o poder e os dereitos e, por riba, por aqueles días andaba a conseguir a amnistía para os delitos cometidos durante a guerra, posguerra e ditadura, tal como a lei de punto final das repúblicas que quixeran chamar bananeiras. A nosa ditadura foi como as que relataban os do boom latinoamericano, así de surreal, e o seu final deixou unha sociedade maquillada que cando chove mostra a súa cara verdadeira co rímel corrido. Sempre busquei as mulleres en El abrazo, e só vía unha de saia, tal vez as outras levaban pantalón porque naqueles tempos as mulleres de esquerda vestían case de uniforme: pantalón de pana e trenca; as dos vestidos floxos andaban máis próximas ao hippismo e a herba. Unha imaxe emblemática de xentes de costas, sen rostro, vestidas con gabardinas de cor marrón, que corren cos brazos abertos a abrazarse.

A última vez que moitas de nós puidemos ver unha exposición de Genovés foi no extinto MACUF, onde as paredes se cubriron con multitudes de seres diminutos, figuras humanas como el sempre pintou, que cando te acercabas vías que eran só pegotes de pintura. Unha obra emblemática, chea de masas anónimas que se moven, e que resulta moi recoñecible. Unha produción que ilustra perfectamente unha vida: a primeira época dende o realismo político e esta última caracterizada por unha figuración humana que case se percibe coma paisaxe.

Genovés, que obtivo o Premio da Crítica na Bienal de Venecia de 1966, o Premio Nacional de Artes Plásticas de España (1984), o Premio de Artes Plásticas da Generalitat Valenciana (2002) e a Medalla de Ouro ao Mérito nas Bellas Artes, concedido polo Ministerio de Cultura en 2005, foi o primeiro artista español que formou parte da galería Marlborough.

Si, a pesar do éxito, Genovés foi sempre un home de esquerdas, comprometido coa liberdade e a democracia, ata o punto de ter que pasar pola comisaría franquista; desa experiencia relataba con certa ironía como nos interrogatorios se empeñaban en chamarlle Veronés coma ao pintor veneciano do XVI. Conservou a ideoloxía ata o final dos días, asinando o manifesto Con orgullo, con modestia y con gratitud, en 2006, para conmemorar a República. O título do manifesto serviríanos perfectamente para lembralo porque con toda modestia estamos orgullosas e agradecidas a Genovés por retratar os nosos días.
Sampedro, Pilar
Sampedro, Pilar


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES