Laura e Pablo
Xiz, Xulio - miércoles, 14 de mayo de 2008
Entre os dous, suman hoxe catorce meses, pero cronoloxicamente gaña Pablo por goleada: Catorce a cero. Desde que chegaron, acabouse a paz como sinónimo de tranquilidade. Pero, ¿Quen quere a paz tranquila?.
Están rodeados -sitiados- por dous pais, dúas nais e cinco avós. Pero ese rodeo ten moito máis de pleitesía que de control, de devoción máis que obriga. Tontiños todos.
Dicíase en tempos, e miña nai repetíao sempre, que ¡nunca un tolo tivo un neno!" para simbolizar o entusiasmo paterno diante da seguinte xeneración. Pero observando detidamente no contorno contemplo moita tolería afortunada porque os nenos con pan ou sen pan debaixo do brazo- seguen a provocar entusiasmo nas casas ás que chegan.
A min, pola rúa, as rubias ou morenas de tres ou catro anos seguen a provocarme e obríganme a dala volta. E os menudos rebuliceiros desa avanzada idade provócanme unha irresistible tentación de ofrecerlles un sorriso.
Pero todo o mundo comprende a tolería dos avós... E se a miña muller me chama a atencións ás veces porque se me nota demasiado a fachenda, posiblemente só sexa para evidenciar que tamén neso ela me gaña.
¡Mira que levo importunado pedindo un neto!. ¡Pois xa van dous!. Ou sexa, que a vida xa chegou a netos. Pero como ninguén se conforma nunca co que ten, e considerando que se teño dous xa son bis-avó, vou poñer todo o empeño posible en chegar a coñecer alomenos ó primeiro bisneto.

Xiz, Xulio
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora