Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O liño e a manufactura téxtil na Terra Chá

viernes, 20 de noviembre de 2020
Ao igual que Domingo de Río, meu avó paterno e padriño, sempre me gustou ter en conta a historia para ollar o futuro, pois, como dicía Tony Judt: Se tes nas túas mans o poder da interpretación do que pasou antes, o presente e o futuro están á túa disposición. Eu non tiven a oportunidade de estudala, porque naqueles tempos de penuria era necesario gastar o mínimo e gañar cartos o antes posible. Por iso me mandaron á escola de Mestría Industrial de Lugo, escola que, ao rematar e non haber industria no país, converteume en carne de emigración.

Dicía Plinio o Vello que a historia ten o privilexio de agradar, aínda cando careza das dotes necesarias en calquera outro traballo literario e o gran Manuel Murguía afirmaba que o pasado ten para o home un encanto infinito, pois considérao cousa súa.

Digo isto porque remato de ler o libro "As mulleres de Insua e o liño: Dez anos de proxecto e recuperación etnográfica" editado polo "Instituto de Estudios Chairegos", ao que me xunguiu o amigo Manuel C. Santamariña, e escrito pola historiadora chairega, Miriam Fernández Otero, colaboradora tamén nas páxinas deste periódico e que todos os meses vainos descubrindo na súa columna o patrimonio material e inmaterial da nosa chaira. O libro é un traballo moi documentado, interesante e agradable, pero ademais conta de sobra coas dotes necesarias que requiría Plinio.

Fermosas, emocionantes e certeiras, son as conclusións que saca ao final do libro, porque o noso idioma e a nosa historia non lle restan nada á cultura universal, senón que, como dixo Isabel Risco, sumámoslle a hostia!

Nesta obra danos a coñecer un deses feitos que constitúen a historia do noso pobo, as súas costumes e relacións sociais na cultura do liño, que, como tamén dicía Murguía, é o que debe de facer un historiador.

Esta cultura estivo moi arraigada na Terra Chá e incluso na miña parroquia dos Vilares hai unha aldea co nome de Liñarede, pero eu, a pesar da miña avanzada idade, apenas lembro sementalo. So me acordo que sendo neno, sementouno nunha cortiña, por debaixo da nosa casa, a madriña de meu pai, unha das trapeiras mais famosas da parroquia, María Antonia de Rato, da Tiñaz, que ademais de trapeira era tamén tecelá e tiña un precioso tear de madeira de cerdeira, daqueles que marabillaban a Díaz Castro, porque dicía que eran un dos enxeños incribles que nos deixou a cultura popular e que, cando morreu María Antonia, foi parar á lareira, por non saber darlle o valor correspondente a nosa riqueza patrimonial e a nosa cultura, nin saber respectarnos a nós mesmos.

Nese libro aprendín moitas cousas sobre esa planta que tivo tanta importancia na vestimenta e tanta influencia no modo de vida dos nosos labregos e labregas. Souben tamén do valor que tivo como moeda de cambio e da súa aportación ao noso cancioneiro popular, ó refraneiro e a influencia na cohesión social que creaban as súas labores, nas que se xuntaban os veciños para facer o traballo en comunidade, aínda que os que non entenden nin coñecen a nosas costumes sociais sempre utilizaron o tópico de que os galegos somos pouco amigos das parcerías. Non saben que nós facíamos case todos os traballos entre todos os veciños: As rogas, as mallas, os carretos e outras moitas tarefas. Tamén estas do liño se facían colectivamente entre todos e, malia a ser unhas tarefas duras, os nosos campesiños convertíanas en festas e así, ás tascas e os fiadeiros eran mais agradables; unha especie de salas de festas ós que levaban un grupo de música e nos que cantaban e bailaban; onde moceaban os mozos e as mozas, ou onde se atopaban coas súas parellas. Iso facía que houbera moito menos individualismo e mais relacións sociais que na sociedade actual, a pesar da gran cantidade de medios tecnolóxicos, pero que crean menos sociabilidade; unha sociedade virtual deshumanizada, na que non se estreitan verdadeiros lazos de amizade e falta de cohesión social.

Na nosa comarca sementábase case todo para consumo propio, xa que vivíamos nunha economía de subsistencia, por non ter unha burguesía propia que puidera crear unha industria téxtil ao redor dos produtos desta planta, como fixeron noutros pobos. A súa produción era moi laboriosa; desde preparar a terra para a sementeira; o ripado, para quitarlle as malas herbas; o arrincado e o enlagado, para que fermentase e macerase. Despois viñan o mazado e o tascado; o arrestrelado, o fiado e ensarillado e, por último, o branqueado do fío antes de tecelo, para despois facer camisas e outras prendas de vestir de gran calidade e de incalculable valor, porque o lenzo de liño galego tiña un alto prestixio e era unha peza fundamental dentro da alta costura española, prestixio que se perdeu polo empobrecemento e abandono, debido á política económica aplicada polos distintos gobernos españois.

Non quixera rematar sen lembrar o gran traballo que está a facer a Asociación de Mulleres Rurais de San Bartolomeu de Insua, pola súa labor de recuperación deste patrimonio inmaterial tan arraigado noutros tempos nesta chaira que cantou Manuel María e tan necesario para saber de onde vimos e a onde queremos chegar.
Río, Raúl
Río, Raúl


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
ACTUALIDAD FONMIÑÁ
Blog Fonmiñá
PROMOCIÓN
PUBLICACIONES
Publicaciones
Publicaciones Amencer
Revista Egap
Obradoiro de Artesania