Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

As situacións límite na pandemia do Covid-19

viernes, 20 de noviembre de 2020
Nun artigo anterior fixemos referencia ao medo no Covid-19; pero pensamos que talvez conviña ampliar un pouco máis os contidos da colaboración, xa que o medo é unha manifestación, con outras, do que Karl Jaspers, psiquiatra e filósofo alemán, que desembocou no EXISTENCIALISMO, definiu como SITUACIÓN LÍMITE, os sentimentos de culpabilidade, de insatisfacción e da morte. Talvez sexa interesante abordar esta temática, á luz da cal pode clarificarse a comprensión dalgúns estados máis ou menos angustiosos aos que nos está levando a pandemia. Temos que intentar, sobre todo nestas situacións, coñecernos un pouco máis a nosoutros mesmos. Non é fácil, porque o que aproximamos moito os ollos vémolo mal, e nada hai máis cerca de nosoutros que nosoutros mesmos.

Digamos, pois, que se entende por "situación límite", e aínda que foi Jaspers o que popularizou na filosofía esta expresión como as formas que adoptan os límites da nosa existencia espiritual, máis aló dos cales esténdese a nada, en tradución do termo composto en alemán GRENZSITUATION, seguramente poderíamos entendela como a percepción clara da nosa insignificancia nesas situacións de medo, sufrimento, loita, insatisfacción…, e talvez sería pertinente engadir que xustamente cando ocorre iso sentimos no noso interior a ausencia dun vivir a autenticidade persoal.

Neses estraños e inesperados momentos da nosa vida, caemos na abulia e todo nos sorprende como fortemente desagradable, precisamente dentro duns marcos que nos delimitan o que, sen entrar en precisións, coñecemos vulgarmente como "vida espiritual do home", con resonancias que afectan tamén a nosa dinámica estrutural fisiolóxica, e con especial incidencia cerebral. Por isto, na vida ordinaria non só fuximos fisicamente desas situacións, senón tamén mentalmente: Esforzámonos en esquecer o desagradable, e, cando xa transcorreu algún tempo, incluso adoitamos restarlle importancia pasándoo á categoría de anécdota, é dicir, abandonamos o sentido da propia autenticidade para non perturbar a habitual inmersión no non–auténtico, remitindo a nosa realidade persoal á máis absoluta opacidade dos ambientes habituais dunha vida competitiva. Enganámonos?. Por suposto que si, na medida na que pelexamos co pesimismo acusador dunha vida con máis condicionantes fantásticos que reais.

E cómo reaccionamos no sufrimento presente dunha situación como a da pandemia do Covid-19?. Depende da singularidade das persoas. O comportamento dalgunhas é o de conducirse como se non pasara nada; o de outras, caer en desesperación, e o de aquelas que poden valerse da serenidade e tranquilidade persoal da que gozan, asumir a situación: Son, á vez, modos distintos de responder á nosa precariedade persoal e limitacións. Os mesmos confinamentos a que nos encontramos sometidos pola pandemia do Coroavirus, non se pode negar que, reflexionando sobre a situación, lévannos tamén a descubrir o que somos nosoutros mesmos, porque adquirimos coñecemento dos límites, e esa arrogancia que tanto escurece a nosa auténtica realidade persoal, como as chularías, soberbias e o mesmo sentimento de superioridade tan inutilmente disimulado desde as esferas do poder, evidencian que aí o ego e a ignorancia necesitan correccións.

Nalgúns casos a pandemia, ademais de ser letal, saca á palestra do comportamento humano diferentes graos de irresponsabilidade, e de insolidariedade; pero o que máis chama a atención é a falta de humildade daqueles que son vítima dunha ignorancia incualificable, incluso pola apatía e pereza para acadar informacións fidedignas e actuar consecuentemente. Estamos no século XXI, e este momento histórico ten esixencias que non se compatibilizan coa indiferenza ostentosa de certos grupos de persoas irreflexivamente discordantes coa eloxiosa entrega dos seus coetáneos ao interese xeral nas diferentes sociedades, reaccionando como escépticos e considerando as restricións como unha esaxeración hipocondríaca, actitude que se ve correspondida, en oposición á mesma, coas estridencias apocalípticas. Son actitudes que se acentúan excesivamente nas situacións límite. Pero no que respecta á información tampouco se debería caer no que a OMS chama INFODEMIA, esa aceptación sen a debida crítica na que se cae cando nos inflamos de noticias falsas, o que hoxe se designa, como FAKE NEWS, unha maneira de introducir no noso idioma termos doutros, que non tardarán en ser cataláns, grazas a certas boubas gobernamentais.

Sobra arrogancia no mundo, sóbranos a todos, por iso xa Einstein parece que dixo nunha ocasión algo así como que a estupidez humana era tan infinita como o mesmo universo. É que nestes momentos de profundas e lacerantes angustias resulta más incomprensible a falta dunha apertura persoal sincera cara a, e cos, semellantes, escoitándolles as razóns e motivos aducidos do seu entender e proceder, e sobre todo evitando esa tendencia, que tanto nos afecta, de falar antes que escoitar, como se sempre fóramos os únicos portadores da razón. E apunto algo no seguinte parágrafo, por si vale e apoia a coherencia disto co contido enunciado da colaboración.

Na nosa referencia a Jaspers evitamos dicir que exerceu unha indiscutible influencia na Teoloxía. Sen entrar noutros aspectos, quero aproveitalo para facer unha suxestión, que inicio coa seguinte pregunta: Acaso non lles di nada o estado de SITUACIÓN LÍMITE?. O que está limitado outea, MÁIS ALÓ DOS SEUS LÍMITES, a existencia de algo que o transcende, espertando nel a percepción da existencia dun poder que o supera. E isto non creo que poda considerarse unha teoría, sen máis e per se, senón un feito, sobre o cal, por suposto, poden articularse teorías de matiz teolóxico. Os feitos teñen a condición de ser, en si mesmos, indiscutibles; pero as teorías aceptan posturas, e aquí, os que falamos máis que escoitamos, temos un espazo para discutir e presumir da nosa autoridade na materia, cerrándonos ao fundamental.

En España talvez haxa que engadir que non é nada fácil afastar os sentimentos que deixan as situacións límite dunha certa percepción de desarticulación e desharmonía na necesaria estabilidade no proceso de unificación e coherencia social, debido aos outros diferentes procesos nos que xorden intentos de organizarse entorno a calquera charlatán, a os nexos cambiantes entre os elementos constitutivos básicos do Estado, as nacionalidades e a falta de categoría e altura política dos órganos de coordinación a nivel nacional, ata o estremo de intentar colapsar institucións públicas, para substituír o que algúns sociólogos chaman o "niño da seguridade social do estado de benestar, agudizando as crises económicas". Todo isto crea unha inseguridade no cidadán que o leva a debilitar a esperanza necesaria para afrontar o impacto das situacións límite e reflexionar serenamente verbo dos horizontes que nos permiten non perder o rumbo dun sentido socio–político adecuado á IDADE HISTÓRICA do país no que convivimos.
Rubal, Pedro
Rubal, Pedro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES