Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

De Castromil a Nueva Pescanova, os avances da lingua

viernes, 20 de noviembre de 2020
A publicidade en galego ten como primeiro fito histórico o anuncio da máquina de coser da "Compañía Fabril Singer" publicado nos derradeiros anos do século XX na revista A Monteira. Por aquel entón a editada na Habana e dirixida por Curros Enríquez "Terra Galega", anunciaba tres marcas de viños galegos "Salto do Can", "Enxebre" e "Veira do Miño".

Moitos anos despois o xornal "A Nosa Terra" publicitaría xa anuncios no noso idioma. Pero a máis cualificada seria a revista "Nós". Eran anuncios con deseño de Castelao para publicitar as Augas de Mondariz. O director-xerente, Enrique Peinador Lines, militante do Partido Galeguista, rescatouna dunha posible desaparición por falta de recursos financieiros coa publicación dos referidos anuncios, incluídos os do Balneario. Non sei se a mostra organizada para celebrar o centenario recolle este feito que non é máis que anecdótico.

Despois dun longo período de proscrición a publicidade en lingua galega volve emerxer coa aparición de "ZZ Almanaque Agrícola", editado polos laboratorios Zeltia Agraria, S.A., grazas aos empresarios Ramón Obella Vidal e Antonio Fernández López que pertenceran ao Partido Galeguista. Este libriño de 80/90 páxinas, distribuíase por milleiros a través das tendas de distribución dos produtos elaborados polos laboratorios porriñeses. Podemos afirmar que a maior parte das veces foi a única publicación en lingua galega que estaba nas casas labregas pola utilidade práctica dos seus contidos. O seu director foi Ricardo García Suárez, médico e investigador dos laboratorios, labor que simultaneou deseñando os libros da editorial Galaxia co seudónimo "Xohán Ledo", tamén vello militante do Partido Galeguista.

En 1989 a proposta da Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística de Galicia galeguizouse a empresa de transporte público "Castromil", ben coñecida porque se distinguía das desmais "liñas" de autobuses, pola súa frota moderna, hixiénica, puntual nos seus horarios que vertebraban as provincias da Coruña e Pontevedra. Aquela galeguización foi feita en tres meses, aproximadamente, grazas a que o seu director-xerente e copropietario, don Ramón Castromil, que venceu todos os prexuizos lingüísticos desgrazadamente raizados no empresariado galego. Na memoria de todos nós están os nomes de escritores galegos que identificaban os autobuses, e a edición dos "Contos do Castromil" que se lle entregaban aos usuarios xunto co billete en galego.

Por eses anos, Larsa, a maior empresa leiteira de Galicia, rexeitaba o uso da lingua galega mentres en Catalunya facía publicidade en catalán. O mesmo que agora fai a cervexeira "Estrella de Galicia". Condutas que evidencian eses complexos lingüísticos que tollen por igual a empresarios e creativos de imaxe corpotativa. Lembro que por entón puxérase en contacto comigo Aina Moll, titular da Dirección General de Política Lingüística da Generalitat de Catalunya para que lle procurase o contacto do máximo nivel en Larsa para felicitalos porque estaban poñendo publivías en catalán. Cumprín coa encomenda falando co director-xerente da leiteira. Axiña llo dixen reloucou de contento. Como non daba creto a tal estado de anímo, pregunteille cando farían o mesmo en Galicia. A súa resposta foi antolóxica: "Aqui nunca, porque los gallegos no servimos más que para andar con las "vaquiñas"". Estaba visto que aquel señor tiña unha visión moi curta para dirixir o seu negocio, como quedou demostrado posteriormente.

Unha vez que unha empresa radicada na normandía francesa se fixo coa totalidade do accionariado nomeu conselleiro delegado a un madrileño, Antonio Arenas. Entrevistámonos con el para propoñer algunhas pautas de galeguización e velaí que aceptounas de contado. Pasados os anos aída hoxe o convenio colectivo da empresa, redactado en galego e ratificado varias veces, recolle no seu texto un artigo titulado "Dereitos lingüísticos dos traballadores" (primeiro no ámbito das empresas privadas) que garante a liberdade do uso da lingua galega nas relacións coa empresa. Naquel tempo fora un paso transcendental. Froito daqueles inicios galeguizadores é a etiquetaxe en galego dos envases do leite que comercializan.

Con eles, Larsa e Castromil, trenzamos un grupo de empresas importantes - Construcións Malvar, Covsa, Seguros La Fe, etc…- que mesmo programaron cursos de lingua galega para os seus traballadores e traballadoras de oficinas en horas laborais. Habían sumarse a este proceso Astilleros Barreras, Celtic Estores, Egatel, Itelsis, Progando, etc… E moitas máis con cadansúa escenificación de "Investidura de Galeguidade Empresarial". Recentemente fíxose na empresa ourensá Autos Rodríguez López, a carroceira de ambulancias máis importante de España. A pandemia obrigounos a adiar o acto de investidura de Aceites Abril e doutras máis que racharán co mito do imposible no ámbito da normalización lingüística no eido empresarial.

Unha desas empresas é NUEVA PESCANOVA que vén de dar os primeiros pasos coa versión galega da páxina web. Don Ignacio González Hernández, conselleiro delegado está polo labor de iniciar a galeguización empresarial. O Foro E. Peinador e a Secretaría Xeral de Política Lingüística estaremos ao seu carón.

(Xosé González Martínez é Presidente do Foro E. Peinador)
González Martínez, Xosé
González Martínez, Xosé


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
ACTUALIDAD FONMIÑÁ
Blog Fonmiñá
PROMOCIÓN
PUBLICACIONES
Publicaciones
Publicaciones Amencer
Revista Egap
Obradoiro de Artesania