Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O polbo do castrapo engulindo o caranguexo galego

jueves, 19 de noviembre de 2020
Hai só poucos días (no día 6 deste mes de Santos) dispoñíame a lles botar unha ollada ás novas do día, unha vez abertas as fiestras pra que o vento con boa sorte levara de alí ese agachado virus do que todo o mundo fala. Empecei por revisar un dos xornais que tiña diante miña, practicamente todo el -como normalmente (máis ben, anormalmente) ocorre- redactado en castelán, e había, si, efectivamente informacións sobre o tan traída e levada pandemia.

Gustaríame, como digo, poder lelo en galego, mais esa lingua miña -aquela da que se di (e din ben) que é a única propia deste noso país- só aparece (tan estraños somos!) de cando en vez e en pequenas doses no xornal que agora tiña nas mans, do que, porén, contan por aí (e todo é posíbel!) que é o más lido nesta nosa Galicia. Desquitaríame logo polo menos na sobremesa con outro xornal, case novo do trinque, que supoño que serían os Reis Magos os que nolo trouxeron como galano deste ano, pois todo el recende a pan novo, a lingua amiga e compañeira desde dourados tempos infantís.

Pois ben, a pouco de empezar a follear nese primeiro xornal, axiña me din de conta dun titular que sen dúbida me interesaba e que rezaba así: "Las normas para el próximo mes en Galicia". E advertín, a pouco de comezar, que alí se falaba de "mayores". Eu son, por graza ou por desgraza, un destes "maiores". Pertenzo a este nobre gremio de xentes que levamos xa algúns anos intentando subsistir nun mundo onde nós, os "maiores", formamos o que por aquí e por alá chaman "grupo de risco", pois polo que parece o virus ese tenas tomado contra nós. Aínda que ó mellor non é só el (o virus) senón outros tamén...

Interesado, pois, no tema, comecei a ler amodiño o que nel se comentaba. Dicíase alí: "Las medidas ya impuestas siguen en vigor aunque ahora se añaden otras a mayores". Pois vaia!, cismei. Máis unha vez meténdose co "grupo de risco", cos "maiores", con nós!... Algo despois había aínda outro subtítulo onde semellaba que se quería concretar un chisco máis a cuestión. Dicíase nel: "Qué se prohibe a mayores en los concellos más afectados"...

Todo semellaba que a xenreira contra os maiores ía a máis! Menos mal, porén, que por fin me decatei de que o redactor desas liñas levaba o castrapo da corda e este ás veces actuaba pola súa conta.

Amigos redactores e meritorios xornalistas que nos escribides en castelán coa idea quizais de ó tempo nos aprenderdes a falarmos correctamente na lingua que empregades: "A mayores" non existe en castelán co significado que lle queredes dar –supoño- de "ademais". É só un sinal que nidiamente delata que, pese a todo, sodes de aquí ó utilizardes unha expresión galega ("a maiores") que non pertence á lingua na que estades a escribir. Évos abondo con consultar o dicionario da RAG pra coñecerdes ese significado do "a maiores" galego ou tamén con que lle botedes unha ollada ó dicionario da RAE pra comprobardes se por rara sorte atopades nel a expresión "a mayores" co significado que lle dades.

En fin, non deixemos que o polbo lingüístico castelán engula o noso modesto, mais digno, libre e saboroso, caranguexo galego. Pois é esa unha das moitas e sutís maneiras de depauperar e facer desaparecer a nosa propia e comunal lingua.
Cabada Castro, Manuel
Cabada Castro, Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES