Paz López Facal, mestra e cidadá
Sampedro, Pilar - miércoles, 18 de noviembre de 2020
Hai familias que acaban formando parte da paisaxe, como os López Facal. O apelido xónguese ata o punto de non poder separalo, igual que se vinculou a vida de Paz coa de Camilo Nogueira ata o final dos días.
O edificio que hoxe ocupa a libraría Couceiro foi a casa dos López Facal en Compostela (ou iso se di). A outra, a da costa, é orixe e referente. Nove irmáns son moitos e dan para unha saga, sobre todo cando non poden pasar desapercibidos. Na casa, na convivencia, nalgunha coordenada espazo temporal coincidiron e convencéronse de que a vida é algo máis que ir polo rego, por iso as súas cabezas acostuman sobresaír e, cando falan, son escoitados. A última vez que coincidín con Xan, estaba nunha cafetería, nunha mesa distante da miña, cun grupo de compañeir@s de portugués, que o escoitaban encantad@s; as miradas e o silencio que o rodeaba, dicíao todo. El era (co cuñado) unha desas persoas coas que se puido constituír un goberno, unha desas mentes analizadoras e concisas que podían ter feito moito máis polo país, se este lles tivera deixado, pero o noso karma obríganos a perder aos mellores para quedar coa mediocridade perversa.
Dos López Facal, uns son máis coñecidos ca outros, pero aínda así, a maioría garda o aire de familia que os leva e trae a Toba. Fillos dun médico rural, foron testemuñas do franquismo e a transición, coas circunstancias de loita e represión que correspondía a ese momento, e dan fe do sucedido.
Eu quería falar de Paz. Mestra de infantil coa que coincidín en actividades públicas ao principio e final da miña carreira, sempre falando de educación. A primeira vez véxome nunha mesa redonda sobre o ensino con ela, era un lugar do rural, non podo lembrar o nome; eu partía dunha análise dos defectos e as faltas do sistema educativo, instalada na filosofía do non, e cando rematamos, sentín case vergoña porque o seu discurso era crítico pero vital, froito dunha maior experiencia e apertura de miras; ese día, ela ensinoume algo que non esquecerei.
A derradeira foi no Museo do Pobo Galego, nun deses cafés da memoria, no que eu coordinaba unha mesa na que participaban tres mulleres profesoras: Paz por Infantil, Chus Fernández por Primaria (substituíndo a Carmela, que nos confesou que lle escapaban as palabras) e María Ester Losada por Secundaria. Nesta ocasión, Paz estaba locuaz, comezou con certa timidez pero entrou en tema e dixo o que sempre deberiamos poder escoitar: que se divertía moito coa rapazada, especialmente nos últimos anos cando a escola se parecía algo máis á soñada. Alí estaban os seus, acompañándoa: Camilo e Alba, pero tamén creo lembrar a Calo, porque nesa familia as parellas teñen, igualmente, a pegada do compromiso. Logo, acostumabamos vela da man de Camilo en diferentes presentacións, actos no Museo do Pobo Galego e do Ateneo. Sempre xuntos e coa alegría que desbordan os que poden seguir compartindo.
Paz era unha referencia en educación Infantil, dicíano as voces; ademais, tiña realizado materiais didácticos para esta etapa e os primeiros cursos de Primaria. Gustaba do seu traballo e sentía afecto pola rapazada. Ter sensibilidades sociais axuda moito a iso. A súa foi unha traxectoria profesional que se podería coser coa de outras que axudaron a abrir fiestras pola que entrara a lingua e a cultura de noso, os aires da escola nova e a realidade, pero que tamén sacaron a escola á sociedade para que a comunidade a tivera presente.
Elas, foron mulleres e homes que construíron ensino dende a silencio mesto dunha ditadura que non só parou a historia senón que a levou a camiñar cara atrás. A través do Panoraula da Revista Galega de Educación vexo que nestes meses tamén nos deixou Xosé Mª Méndez Domenech, o gran impulsor da revista infantil e xuvenil galega Vagalume entre os anos 1975 e 1978; unha revista que nos acompañou nos primeiros anos de docencia e que tiña ben merecido un recoñecemento en forma de exposición con actividades nas que puideran participar os seus artífices, pero non foi posible, o MUPEGA nunca chegou a acadar a finalidade que ten que ter un museo pedagóxico galego e esqueceu estes fitos cando era preciso recollelos.
Contar a historia de Paz había ser ben interesante, para iso deberían servir os velorios, para lembrar entre todos e todas quen foi a persoa que despedimos. Coa dela contaríase a de Camilo, unha biografía que parte do pai escultor e galeguista, para seguir no político que acadou a cadeira de primeiro eurodiputado do BNG e que tanto fixo polo país en Europa e no Hórreo e seguir coa xeración seguinte.
Sempre ata onde se pode, ese podería ser o lema das persoas de ben que, coma Paz, nos acompañaron nos camiños da profesión, da cidade, do país...

Sampedro, Pilar