Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A carón da Pastoriza con Díaz Castro ao fondo

martes, 17 de noviembre de 2020
Meditación persoal e íntima na outonía.

Pasei estes días da outonía
pola miña PASTORIZA
no Santuario do Sant’Alberte de Parga.

A carón da Pastoriza con Díaz Castro ao fondoE alí,
paseniño,
no silencio,
fun debullando de novo
os primeiros anos da miña vida
que gardaba as nosas vacas
nestes mesmos prados,
daquela cheos de herba,
desorballados.
Hoxe,
mestos de toxizas
e arborados.

Lembrei a orfandade materna
recén estreada.
Ben amarga!

E agora,
xa de grande,
descubro que hai disciplinas pendentes
que xa nunca se van aprobar.
Fican aí.
Suspensas.
Deben saberse integrar,
saudavelmente.
Pero, nunca,
xa nunca se han esquecer.
Nin se van recuperar.

Sentei demoradamente.
Na procura íntima da paz.
Tranquilo
Amodiño.
Sen présas.
Alí.
E de vagar,
repasei paseniño os meus andares.
O misterio dos meus oitenta e tres anos
nunha vida que se vai facendo longa.
Na que houbo alegrías.
Moitas.
E tamén pesares.

E escoitei resoar en min as verbas do poeta peregrino:
Diaz Castro en Romaría!
Alí, onde coma el,
tantas veces eu recei
ao pé da Nai Santiña:

"Desorballando os prados como sono,
Vaise enterrando, suco a suco, o Outono".
E, ao ir declinando en cada solpor
o meu outono,
o Tempo tamén vén de Parga á Pastoriza.

"Sinto ás veces as horas nos meus ombros
E digo que me pesan coma un reino."

"¡Galiza en min, meu Deus, pan que me deron,
leite e centeo e soño e lus da aurora!"
"Longa rúa da mar, fogar da terra,
Ancho herdo meu,
o mundo que me deron."

E ollo cara as augas do Parga
lentamente corredío.
"E o Tempo non sei que anda rente del remexendo.
Ai!,
como está de bágoas de nenos feito o río!"

E ollo, outra volta,
cara os ollos da Virxe Pastoriza.
E, coma cando era neno,
"A Virxe pasa a man polo lombo do río..."
E paro de chorar.
E río.

E agora que xa teño ben pertiño o devalar
"Coma o río eu quixera ser:
E, coma o río,
cantar,
con estrelas no lombo cara ó mar,
deixando unha chorima en cada pedra,
e unha bágoa de Deus en cada herba."

"Que o meu carro se entorne cheo de lume e soño".
"E que a Deus me encomenden os ventos vagabundos."

Cantas veces como esa herbiña Esmeralda,
vin nacer e morrer o sol
nestas paraxes
sobre o mundo.
E sentinme orfo
e inmensamente pequeniño.

Porén,
naquela fe infantil
aprendín dos meus,
como dixo o poeta,
"que o Universo enteiro sería
máis pequeno sen min."

E, coma el,
que fixo esta mesma romaxe tantas veces
e puña tanta fe nos seus pedidos, ...,
si!,
coma el,
eu "quero morrer de música nunha tarde de pinos".
Porque "tódolos ríos pasan pola miña alma,
cheos de Deus, música e lapas".
E "unha estrela cai no río
da miña vida e quédame chamando".
E, daquela,
"a beleza feriume para sempre"

Grazas poeta, Díaz Castro,
meu paisano.
Grazas, Xosé María.

Cos teus Nimbos ao meu lado,
fun acalando moitas bágoas.
E, coma Gonzalo de Berceo,
achegáchesme hoxe máis aínda
ao colo de María
á tenra Pastoriza.

E recobrei azos.
E deixeime confiado,
coma tantas veces,
no agarimoso berce
dos seus brazos.
Campo Freire, Xaquín
Campo Freire, Xaquín


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES