Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Polo san Martiño...

miércoles, 11 de noviembre de 2020
”Polo san Martiño peóns ao camiño”. Estamos a vivir unha celebración que xa reborda de ledicia na súa véspera, coma en todas as festas maiores, porque mañá é o San Martiño, o patrono de varias das nosas parroquias. Este convite a non esquecernos dos xogos tradicionais marca no calendario a chegada dun “veroño”, neste outono algo mollado, para desfrutar deles xunto coas tabletas que tanto están a amarrarnos nas nosas casas e vivir dalgún xeito os magostos, arestora coas medidas sanitarias que condicionan o noso existir cotián, aínda que endexamais choveu que non escampara.

Mesmo as tradicións destas xornadas volven a lembrarnos a sabedoría da Nai Terra que está a agasallarnos coas súas froitas, ainda recoñecendo co planeta está enfermo pola desidia e ambición dos humanos. Grazas á estima das e dos nosos devanceiros que protexeron e conservaron esta natureza estamos a aproveitarnos dos seus dons abondosos: cogomelos, noces, castañas..., e temos que serlles agradecidos por unha xenerosidade que segue contaxiando saúde. Emocionoume ver coma un mozo recollía ao comezo desta tempada unha castaña e gardábaa no peto coma unha xoia ou amuleto para ter sorte e liberarse dos andacios, tal coma invocou naquela andaina en común. outro sinal da cultura sanadora das e dos nosos avós, que imaxinaban e utilizaban tódolos recursos para afastarse dos males e buscar remedios caseiros a prol da saúde. Pero, sen dúbida, o leito máis rigoroso desta busca de ben foi a súa observación e estudo das leis da natureza sen interferencias mercantilistas.

O San Martiño que coñecemos na imaxinería das nosas parroquias, é un cabaleiro que racha a súa túnica á metade para partillala cun pobre espido e cheo de frio co que se cruza no seu camiño. Outra proba da xenerosidade coma fonte de saúde e igoaldade a carón de todas e todos, tamén neste momento no que inzan as emerxencias sociais. Pero esta comuñón con todas as criaturas non se reduce a un beneficio particular, estoupa en ritos comunitarios a través de magostos e xogos colectivos que expresan os vencellos que nos unen no comunal porque estamos a falar da creatividade máis xenuina da alma do noso pobo, ao xeito da paisaxe que está a vestirse de festa coas cores máis rechamantes ao ritmo da mísica dos ourizos e landras que están a caer e sonar ao abeiro das nosas carballeiras.
Blanco Torrado, Alfonso
Blanco Torrado, Alfonso


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES