Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Cen mandas Cen (IV)

lunes, 16 de noviembre de 2020
Houbo mandas singulares como a do xeólogo Francisco Díaz Fierros que nos trae a memoria do caolín galego situando a nosa civilización no Sargadeliense porque así terá que ser recordada, a era na que comemos neses pratos elaborados na factoría de IDP.

Outra foi a de Xosé Díaz que pode representar a familia. El acude ao chamado para falar do papel de Carmen Arias, Mimina, a muller que lle serve de sostén no persoal e na empresa a Isaac, a que organiza o obradoiro de xoiería xunto con outra dona da familia, María Ripoll.

Algunhas que chegan de moi lonxe. Dende Cuba, Manuel Álvarez Fuentes, escribe en galego, un poema para Isaac.

Dende Nova Zelandia, a investigadora rusa Ekaterina Volkova, envía nunha imaxe "A Galicia que Isaac leva na cabeza"".

Da terra onde nace o sol, da universidade Tsuda, chega a manda de Takekazu Asaka, un poema para aquel que realizou a cuberta do seu libro Vocabulario básico da lingua galega.

Outras que proveñen de diferentes campos...

A xornalista Tareixa Navaza lembra a peza Santiago Matarratas deseñada por IDP para os premios Santiago e o tempo no que coincidiron.

O historiador Amancio Liñares remite un artigo doutrora co título "Con Isaac, sempre" referíndose ao momento no que IDP é expulsado do IGI.

A política Encarna Otero fotografa pezas de Sargadelos que hai na súa casa, cada unha delas vaille dar pé para falar desa empresa que nos situou no mapa.

Dende o baloncesto chega a manda de Nuria Gómez.

Elixio Vieites explica o valor de transformar a arxila da terra en cultura, identidade e riqueza.

Carmen Sánchez Camino que, a partir dunha foto, o lembra dende a veciñanza e a reivindicación.

Uns versos que non son versos, pero servirán para falar de derrotas, da man de Pilar Sampedro (outra esbravexa).

Un lugar sobranceiro tiveron as mandas colectivas, algunhas son de institucións, outras de parellas ou grupiños. Así podemos ver a da Fundación Neira Vilas que nos fala da amizade que uniu a ambos persoeiros por medio dunha imaxe que recolle a cadeira antropomórfica agasallo de Isaac, a fotografía que os recolle e o libro coa súa correspondencia.

A Asociación Galega de Editoras lembra cando recoñeceron a IDP como presidente de honra desta asociación en 2006, o único que ata hoxe ten recibido estea distinción.

A editorial Alvarellos, no voz de Henrique, o seu director, rememora a lección de Isaac... porque ás veces hai que publicar un libro do que non vas vender máis de sete exemplares.

A Plataforma Galeras achega unha manda coa porcelana de Sargadelos e apunta á personalidade poliédrica do homenaxeado ao tempo que conta a súa iniciativa de "Unha tapa para Isaac" na que colaboraron bares e restaurantes da zona na que el naceu.

O Movemento Cooperativo da Escola Popular Galega recorda a súa xenerosidade e apoio ás causas filantrópicas.

A editorial Kalandraka fala de como nas Campañas de Animación á Lectura que se desenvolvían na galería Sargadelos de Santiago, era común que aparecera IDP e se incorporara á sesión escoitando, mirando e tomando algunha foto, pero sobre todo, como a rapazada dou por recoñecelo coma "o Señor Sargadelos".

Dende a AELG, o seu presidente Cesáreo Sánchez, envía o texto que lera na homenaxe a IDP o 6 de decembro de 2011, acolléndose á súa sombra protectora.

TíteresCachirulo presenta os versos de Jorge Rei para falar da xenerosidade deste home que define como "tan grande / tan pequeno".

Maca Arca e Ana Mª Mosquera ofrecen a exposición "Isaac Díaz Pardo: luz e compromiso" organizada en 2012 e que pasou por varios centros educativos galegos; dúas profesoras recoñecendo.

Emeneira e Gena Borrajo traen as súas cores e a lembranza dunha entrevista, plasmadas na palabra e a pintura.

Aloia e Mami vinculan a Isaac coa lingua de sinos por medio dun debuxo, a modo de figas, no que as mans de ambas xogan co título "Man, manciña, tan, tan".

Adela Figueroa e Celsa Sánchez ofrecen o recordo dun encontro con Isaac baixo o título "A derradeira conversa".

E quedan moitas máis do dobre agardando o seu día, máis de dentro e de fóra de Galicia, máis de cada unha das expresións que se mostraron. Todas elas aí, na recámara, para mostrar o seu apoio a IDP.
Sampedro, Pilar
Sampedro, Pilar


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES