Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Cen mandas Cen (III)

jueves, 12 de noviembre de 2020
Ademais de chegar pezas de pintura, fotografía, gravado, escultura, artesanía, audiovisuais e música, a Alento esbravexo tamén arribaron moitas outras mandas de moi diversas realizacións. Por exemplo, a literaria.

Os poetas e as poetas acudiron á chamada sempre dispostas a poñer a súa palabra ao servizo dos afectos e o compromiso.

Salvador García Bodaño trae os seus versos na memoria para dicirlle "construtor de soños debuxados / e exemplo de resistencia na creatividade / para restaurar a nosa patria asoballada".

Eva Veiga que o describe abríndolle as portas á luz.

David Otero (un dos esbravexos) opta pola poesía para falarlle "Porque ti... / Sempre recoñecendo / Sempre restaurando".

Miro Villar que lle escribe un soneto ás súas mans.

Ovidio Villar Marcos detén os versos en cada engurra da cara de Isaac.

Ana María Fernández confirma "O que habías dicir / ben o dixeches".

Versos tamén lle escribe o arqueólogo Mateo Fontán.

Faino Domingo Tabuyo, nunha caixa de viño, para acompañar o debuxo que Isaac realizara para a cuberta de Memorias dun neno labrego.

Helena Villar defineo como memoria e fonte.

Dores Lobato lava os ollos nos seus soños azuis.

Xesús Rábade que pasa á prosa cando escribe sobre a inmensidade e o abraio nos ollos de Isaac.

Henrique Neira compón palíndromos porque se mire dende onde se mire IDP é digno de toda creación.

Xoán Xosé Fernández Abella envía un poema dos varios que ten escrito para Isaac, poesía celebratoria para un home xenial.

Marica Campo escolle a prosa para describir o derrube do edificio ideolóxico da fábrica nas mans do filisteísmo cultural e barbárico.

"Irradiar a luz na estrema da terra!" é o primeiro verso do poema que envía Ramiro Torres.

María Canosa crea un caligrama co azul das cerámicas de Sargadelos, para repetir en espiral "non o esquezamos" porque hai que evitar caer no labirinto do desamor.

Julio Montes (en galego, a pesar de non ser de aquí) escríbelle un soneto que acompaña a pomba azul e branca que podería definir a súa factoría; el, Julio Montes é a nosa primeira baixa ao finar na véspera de defuntos.

A prosa de Fernando Salgado traéndonos dende a desmemoria franquista a recuperación da lembranza histórica da man de Isaac.

Carlos Labraña recordando cando Isaac foi á festa do Samaín en Cedeira.

Xaime Subiela, o ensaísta que analiza a vida e sinal de Isaac.

Ramón Nicolás, o maior especialista en Celso Emilio Ferreiro achega unha carta que Isaac lle enviara a este, en 1970, con motivo da publicación do cartel de cego Paco Pixiñas.

Carlos Valle rememora o seu empeño por recuperar os orixinais do "Álbum Nós" de Castelao.

O artista e profesor Juan Fernando de la Iglesia envíalle unha carta de agradecemento.

Mero fuxe da música e do verso e vaise á prosa para falarnos da sorte de telo coñecido.

AlfonsoBlanco Torrado, o crego comprometido, defíneo como austero e xeneroso, e lembra cando o declararon chairego de honra.

A crítica de arte, Mercedes Rozas, entrega un texto sobre o compromiso na obra de IDP, dende a defensa da identidade e a recuperación da memoria.

Concha Blanco comeza a súa peza agradecendo: "Isaac Díaz Pardo foi quen puxo a primeira pedra nos alicerces da miña obra literaria".

O crítico de arte Carlos L. Bernárdez achega unha análise da súa obra máis alá dos postulados pictóricos, no seu empeño de "reconstrución do tecido cultural galego".

E tamén, dous escaparates, dous. Moi próximos.

Na praza de Cervantes a libraría Couceiro dedícalle unha das súas fiestras homenaxeando ao home que foi editor e escritor pero tamén creador de agasallos (moitas veces moeda de pago á xente da cultura) ou inventor das tendas múltiples, ao estilo das antigas, con libraría, galería de arte, venda de porcelana, sala de conferencias...

Na rúa da Troia a xoiería Acivro, sempre singular, que dedica o seu escaparate a quen cómpre en cada momento, recollendo non só os produtos da casa senón tamén aqueles outros que alí non se venden; rexentada por Chus Iglesias, enche agosto con Sargadelos, retratos de Isaac por parte de diferentes artistas, libros do Castro e a xoia “Máscara brazalete” que ela mesma creou para o homenaxeado, en base a unha das súas máscaras.
Máscaras que han de librarnos de todo mal, como amuletos que nos salven dos que foron quen de traizoar a Isaac.
Sampedro, Pilar
Sampedro, Pilar


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES