Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Novembro na cultura e na relixiosidade popular

lunes, 09 de noviembre de 2020
O mes de novembro é coñecido na cultura popular como o mes de Santos ou o mes de San Martiño.

No refraneiro popular galego hai dous refráns que din "Bendito mes que empeza con Santos e remata con San Andrés" e "Bendito mes que empeza con Santos, media con San Uxío e remata con San Andrés".

O día primeiro celébrase a festa de Todos os Santos e o día dous o Día de Difuntos. Son dous días nos que se recorda ós que nos antecederon e que nós quixemos e que nos quixeron. O Catecismo di que a Igrexa, na espera da consumación plena da Historia da Salvación, subsiste en tres estados: a Igrexa que peregrina por este mundo; a Igrexa, que superada a caducidade e a finitude da historia humana, se purifica; e, por último, a Igrexa glorificada.

A liturxia destes días relaciónase coa Igrexa glorificada (día de Santos) e coa igrexa que se purifica para incorporarse definitivamente á Igrexa glorificada (Día de Defuntos) e coa Igrexa que peregrina aínda por este mundo que pide polos seus difuntos. Nestes dous días, visítanse os cemiterios, límpanse as sepulturas e adórnanse con flores e tamén se reza polos antepasados mortos.

O día once de novembro celébrase a festa de San Martiño que tamén dá nome a este mes. San Martiño é un santo moi popular en Galicia. É o patrón de 235 parroquias en toda Galicia, sendo o santo que ocupa o cuarto lugar en número de parroquias baixo a súa advocación, despois da Virxe María (791 parroquias), San Pedro (322) e Santiago (277). A Catedral de Ourense está tamén baixo a súa advocación, sendo a única en España. Na diocese de Mondoñedo-Ferrol é o titular de vinte e dúas parroquias, A súa devoción na nosa terra débese a San Martiño de Dumio. Ambos naceran en Panonia, unha rexión da actual Hungría.

Na iconografía, San Martiño aparece representado coma bispo coa mitra a co báculo. Outra representación moi frecuente é a de San Martiño a cabalo partindo a capa co pobre. Esta imaxe fai referencia a que San Martiño, cando aínda era soldado e catecúmeno, no ano 337 en Amiens (Francia) nun día moi frío un mendigo achegouse a el medio en coiro. Entón San Martiño colleu a espada e partiu a súa capa, dándolle a metade ó pobre. Esa mesma noite, en soños, San Martiño viu a Xesucristo cuberto coa parte da capa que lle dera ó pobre. Xesús díxolle: "Martiño, xa como catecúmeno abrigáchesme coas túas roupas". Por iso a tradición recolle que ó redor da festa de San Martiño (11 de novembro) hai sempre uns días de moi bo tempo. É o que se chama o "verán de San Martiño" que, como di o refrán "dura tres días e un pouquiño".

E remata o mes con Santo André. A súa festa celébrase o día trinta de novembro. Santo André de Teixido, no seu santuario no Cabo Ortegal, é visitado ó longo do ano por milleiros de peregrinos. As peregrinacións a Santo André de lonxe teñen lugar en varios meses do ano, pero as principais son o venres, sábado e domingo de Pentecostés, o vinte e catro de xuño, en agosto e setembro (sobre todo o día oito) e os días anteriores ó trinta de setembro.

Conta unha lenda que Santo André estaba triste porque o seu templo estaba solitario e non viña xente, mentres que Santiago estaba cheo de peregrinos; polo que pediu axuda ó Señor. Un día aparecéuselle Xesús con San Pedro e ó velo tan desanimado fixéronlle a promesa de que ó seu santuario virían todos os mortais e o que non o fixera de vivo, faríao de morto. Por iso, o santuario de Santo André de Teixido é un dos máis populares e visitados de Galicia porque como din os refráns: "A San Andrés de Teixido, vai de morto o que non foi de vivo"; "A San Andrés de Teixido hai que ir morto ou vivo"; "O que de morto non vai a San Andrés é porque foi de vivo". A tradición di que o que non foi de vivo, vai encarnado nun animal que a xente orienta cara ó santuario. Para que quede constancia do cumprimento de ir a Santo André de Teixido hai que deixar unha pedra en calquera dos Milladoiros existentes. Outra lenda fala de como a barca na que viña Santo André embarrancou nos acantilados e converteuse nunha rocha, que é coñecida como a barca de Santo André.
Villares Mouteira, Félix
Villares Mouteira, Félix


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES