Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Contos da miña lareira (9)

martes, 17 de noviembre de 2020
-X-

Personaxes míticos, fabulosos, excelsos, notables, extraordinarios polas súas virtudes e/ou circunstancias, da miña bisbarra, que se quentaron na nosa lareira, deixando motivo para comentarios que impresionaron ao cativo. Algúns:

Leiteiro de Veiga.- O último dos carlistas, exércente, de Montecubeiro, que así se proclamaba o bo do señor. Era tan alto e tan rexo, que, de cumpridos os cen anos, viña a pé para charlar con meu avó, e iso que sempre se metía con el dicíndolle: “Leiteiro, a ver cando morres, que estás dando mal exemplo!”. A súa resposta era invariable: “Xa que non tiven mando de tropas, aquí na Terra, quéroo no Ceo, así que, chamaranme cando amplíen a plantilla!”. ¡Aquilo era humor, pois os de hoxe, se teñen tataranetos, que non o sei, se fosen humoristas famosos coma el terían saído nos periódicos! ¡Aquilo era humor, aquilo era vigor, e sen penicilina, que tardou en habela!

Benita de Xuárez.- Ten vido á nosa casa, aínda que non lembro a que; o que si teño claro é que, en certa ocasión, pola Santa Olalla, na casa dos tíos de Vaílle, fixo unha aposta con meu avó e padriño a ver quen resistía de pé, con non sei cantos litros de viño, e…, cando se cansou o noso de darlle ao xerro, Benita seguía bailando muiñeiras, coma se tal cousa! ¡Se daquela houbese competicións deportivas, aquela vella…, campioa olímpica, do que fose!

Isidro Freire, caseiro de Brais.- Nunca esquecerei a súa forma de pasar os carros desde a eira ao curral, alí por entre as casas: Metíase debaixo, e, arriba! Levábaos trinta ou corenta metros, ao lombo, ata onde o esperase a muller, coas vacas xunguidas. Tan forzudo como boa persoa; e chistoso? ¡Facía rir as pedras! Un dos mellores competidores que tivo meu avó, ganándolle en chistes verdes, pero…, ben ditos; se non benditos, si ben ditos, sen o menor taco! O fillo tamén saíu forzudo, menos nunha cousa: que non tivo a forza de vontade suficiente para deixar de fumar, así que, aos corenta, máis ou menos, foise para xunto de seus pais. ¡Igual o chamaron para recriminarlle aquel vicio, adquirido que non herdado!

Santa María Manuela de Candal, a señora que acendía o lume para que nos Contos da miña lareira (9)quentásemos no recreo.- Non me lembro que visitase a nosa lareira, pero eu si, a súa, tantas veces como días fríos tivésemos no período escolar. Santa era miña avoa e madriña, pero a María Manuela aí que se ía, así que dou por seguro que agora, día a día, están acordándose dos netos respectivos na lareira do Ceo, esa lareira de estrelas de Aló Arriba; ¡de estrelas, que non de muxicas!

Alfonso da Cordeira, que sempre paraba pouco nas súas visitas: “¡Aínda me queda moito que recadar, e o señor Cura, xa saben, do que canta, manxa!”. Andaba polas casas da parroquia recollendo o gran que se lle daba, anualmente, ao Párroco, para que nos esconxurase o trono. ¡Non facía falta, pois, como Alfonso tamén tocaba as campás da nosa torre, el mesmo dicía, -a súa única contradición-, que coa campá grande non había trono, chispa, que se achegase! Xa teño dito que enterrou tres esposas, pero a cuarta sobreviviulle. ¿Estará, agora, con Alá, nese sétimo dos musulmáns, nese das virxes que recuperan, día a día, a súa virxindade? ¡Merecer, meréceo!

De chegado aquí decátome de que a miña lista é practicamente infinita, así que, pídolles perdón aos omitidos; a ver se noutra ocasión...!

Pegado a esta torre estivo o cemiterio vello de Montecubeiro; antes enterrábase dentro da igrexa, e os residuos ían parar ao soto da torre; hoxe entérrase no Cemiterio Novo. Por certo que cando se lle fixo a súa cerrume este servidor axudou a face-las paredes, ata que un día..., ¡e non é conto!, un dos rapaces foi a taberna, e alí atopouse cos mozos..., ¡xogando e bebendo! Dixérannos que estaban na louseira, arrincando pedra... Cando descubrimos o engano, ¡fixemos folga! Folgamos, si, que de alí en diante o que faltaba das paredes tiveron que facelo..., aqueles mozos da taberna!
-.-

-XI-
Xudeus e maragatos

¡Que pronto esquecemos as lareiras, e con elas, a cultura delas dimanante! Meu padriño, desde a súa cátedra lareiril, moito leva falado, ¡e seguro que xa está esquecido!, dos seus admirados amigos, tanto xudeus como maragatos, ambos pobos, ambas razas, notables benfeitores do condado de Chamoso. ¿Que tamén foron ben Contos da miña lareira (9)recibidos e ben aceptados? ¡Iso é certo, cousa, circunstancia, que souberon agradecer, que non sempre pasa!

Dos xudeus contaba que chegaron ás terras do actual Corgo expulsados, fuxindo, daquela raíña que falsificou unha bula papal para casarse aceleradamente con seu primo, aquel Fernando de Aragón…; non lle urxía o matrimonio pero si montarse no resto de España, que ata se inventou un lema inexacto: “Tanto monta, monta tanto, Isabel como Fernando”. ¡Mentira cochina pois os que a coñecían deixaron testemuño de que, por riba, ela, sempre ela! Para non pagar as débedas contraídas cos xudeus, e de paso aferrollar á clerecía, outro invento: ¡Expulsar da península aos xudeus! Claro que, como a Península é moi grande, e daquela estaba incomunicada, os xudeus, ¡listos eles!, agocháronse na distancia, tal que en Ribadavia, no Corgo, etcétera.

Os do Corgo pronto destacaron no comercio e na ciencia, que en definitiva era o seu, a súa herdanza. Lonxe das montañas, esa barreira que nos une, ¡ou separa!, con León, ao chegar ao que é hoxe a legua dereita, deron en dicir que viñan retirados das guerras de Granada, das hostes da propia raíña, ou que foran besteiros…, co cal a xente creunos e acolleunos, dando orixe, incluso, a un prolífico apelido “Besteiro”, derivado do ¿seu? oficio. Con esta picardía déronse a valer, e foron moi respectados, polos séculos dos séculos, en particular ese Julián Besteiro, ese que tanto sae no corredor do Congreso, ¡o seu busto!, nado en Franqueán (Corgo) o día 21-9-1870, pero inscrito en Madrid, (para disimular que era xudeu e galego, orixes entón deostadas); pero a verdadeira sabedoría dos xudeus estaba na medicina, que deles, dos seus descendentes, contaba meu avó que aprendera o básico dos seus coñecementos de albeite. Aínda hoxe perdura no Corgo, entre outros, o apelido Jacob, que o ostenta en Madrid, actualmente, un médico de fama peninsular, ao que coñecín e tratei.

En canto aos maragatos, deben a súa historia mercantil á circunstancia de asentarse en Astorga, punto notable do segundo Camiño Francés, do Interior, que se abriu, competindo co Vello, co de Asturias, cando deixou de ser perigoso cruzar polas terras de León. Hoxe discútese se a orixe dos maragatos é árabe ou asturiana. ¿Árabes ou asturianos? ¡Tamén pode vir de galegos retirados, daqueles que interviñeron na toma de León, pagados con terras en Astorga, segundo viña de costume desde os tempos romanos!

O caso foi que, sen mouros no camiño, os franceses deron en vir por Astorga, aforrándose as montañas cántabras, e naquelas circunstancias os fillos dos guerreiros, cambiando de oficio, deron en carga-las mulas; ¡os camiños de carro viñeron despois, máis tarde, que incluso xurdiu o apelido “Carro” que tomaron para si os do “carro”, boa parte deles hoxe asentados en Lugo; igual que se dicía no pasado século, “Bonifacio, o do Coche”!, en carga-las mulas para abastece-los peregrinos, que xa lles tiñan o camiño aló por Castela, e seguían tras deles, coas recuas, ata o mesmísimo Santiago. Á volta cargaban peixe salgado, maiormente bacallau, que de aí vén o de que as principais salgaduras coruñesas fosen dos Arredondo, Bonjoch, Salafranca… Tamén se especializaron en recoller ultramarinos no porto da Coruña, azucre, café, especias, que despois distribuían por media España; nesta actividade descolaron os De la Puente e os Nieto.
-.-

A trafulca da mula

Foi en Castroverde, un día de feira, na taberna do Escardel, que como viñera do Corgo era alí onde paraba a xente desa parte do condado de Chamoso. E foi trifulca, que non trafulca, pois o debate foi tripartito: un xudeu do Corgo, un maragato, e Brais de Bergland. Verbo: unha mula; suxeito, o Brais; do predicado, alternativo, encargáronse o xudeu e mailo maragato.

Segundo Brais, a mula vendéralla ao xudeu, pero, en vista de que se acababa a feira, e o Besteiro non pasaba a pagala, e por tanto a recollela, Brais ofreceulla a un maragato que viñera traer uns pelellos de viño de Rueda ao Escardel; por certo que en dúas pesetas máis do que acordara co xudeu.

-¡Prior in tempore, potior in iure! ¡O que é primeiro no tempo, é o mellor no dereito! –Argumentaba o xudeu. Pero Brais:

-A entrega da mercadoría faise en tempo e forma, e nunca máis tarde da posta do sol, pois, de noite, séxase, entre lusco e fusco, xa non é día de feira! ¡Eu tiña a mula libre, ou máis exactamente, desprezada!

O maragato:

-A mercadoría que non está marcada non está vendida; ¡eu cheguei a tempo, que a mula aínda non está marcada, e ofrecín…, o que ofrecín, así que, Valenti non fit injuria, non se lle fai inxustiza a quen consentiu, e aquí o consentimento estivo en quen non tivo a palabra de volver! ¿Estamos?

Aquilo foi precioso, un auténtico preito entre romanos.

-¿En que rematou a cousa? –Pregunteille ao meu padriño.

-¿En que rematou? ¡En que o Brais tivo que volver para a casa coa egua e maila cría, que se lle fixo de noite, e unha discusión entre xudeus e maragatos soe durar, como pouco, unha semana, así que as ganancias foron para o Escardel, que lle pagaron a cea, e tamén a cama!
.../...
Gómez Vilabella, Xosé M.
Gómez Vilabella, Xosé M.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES