Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Cen mandas cen (1)

jueves, 05 de noviembre de 2020
Cando Alento esbravexo puxo en marcha a iniciativa Unha manda de pezas para Isaac (para conmemorar o centenario de IDP) nunca pensou chegar a cen. Sería suficiente co número que unha por día (publicada no blog, creado a tal efecto) nos levase ata o 22 de agosto no que Díaz Pardo cumpriría cen anos. É certo que algunha de nós fomos insistentes na busca da participación porque non queriamos que el (Isaac), estivese onde estivese, non se sentise querido polo país ao que tanto lle dera.

Chegaron máis de duascentas, sobrepasando tamén as 222 que nos semellaba un número máxico, e o 26 de outubro chegamos ás cen mandas publicadas na páxina. Seguiremos publicando, farémolo ata rematar de mostralas todas, máis alá do ano 2020 e tomando o 2021, coma se tamén fose seu.

Hoxe toca falar destas pezas xa publicadas que van dende a cerámica de Ana Pillado que se enorgullece dos cursos realizados en Sargadelos ás empresas semellantes, que seguen as súas pegadas e se recoñecen nel como Galos, Otero Regal ou Cerámica da Ulla. Todas elas continúan, á súa maneira, o legado que Díaz Pardo encabezou hai décadas e nolo lembran nas pezas, no modelo de tenda ou museo, no afecto con que sempre o teñen presente.

Os debuxantes e pintores comezando por Heitor Picallo (o esbravexo mantedor da páxina e introdutor de cada unha das mandas) que achega a caricatura realizada en técnica mixta, combinando acuarela, tinta chinesa, recortes de xornais e teas de tapizar.

Daniel Santos, un artista pouco coñecido pero que impresiona con dúas imaxes, a clásica e a futuristana que tracexa o superheroe de porcelana sargadelense, tan forte e tan vulnerable.

O escultor, escritor e pintor Manuel Teira que escolle poñer a figura no debuxo e o coloca mirando o azul a través dunha fiestra.

Os colaxes de Angel Utrera traéndonos a súa imaxes e as daquelas pinturas de seu.

Manuel Seoane Trasande que recolle arredor do retrato unha parte do seu mundo, que adquire as tonalidades que formaron parte del.

Paco Casal faise con cabalos e paxaros de Sargadelos para introducilos nunha pintura na que os ceos choran en azul.

Xaquín Marín achega un retrato co seu estilo característico, e a toda cor, sobre o título “Home pequeno – Obra colosal”.

A ilustradora Noemí López crea unha serea tritona en azul cobalto que leva a máquina de coser na cabeza, porque ela como as mulleres, carga co mundo enriba.

Marta Iglesias envía o óleo Folla Paxaro lembrando unha conversa con IDP acerca do estudo das formas e a súa relación coa natureza.

O polifacético Baldo Ramos xunta pintura e escrita na peza que envía baixo o título “Morre o paxaro no aire”.

O ilustrador e creador de banda deseñada, Toni Seijas, remítenos en azul e vermello a un Isaac rodeado dalgunha das súas criaturas, entre as que sobresae Balbino, o rapaz de Neira Vilas.

Os gravados de Remiseiro que reproduce en “Cadeira baleira” a antropomorfa deseñada por IDP, baixo un ceo que semella chover bágoas.

Yolanda Carbajales realiza un Ex Libris con motivo do centenario dese home "que dirixe e protexe".

A fotografía de Xaquín Novoa recolle un recuncho da casa onde os libros do Castro e as cerámicas de Sargadelos ocupan o espazo a modo de altar identitario.

As de Yoshimura Eye reflicten o peche da tenda de Sargadelos en Santiago co escaparate e os andeis baleiros; o que foi casa comunal abandonada.

Ana Gil realiza a fotografía “Lumieira” dunha instalación na que a foto (con marco dourado) de IDP situada sobre un monte queimado é moi significativa.

Carmen Llonín envía unha fotografía estampada sobre lenzo intervida con bordados a man que titula "Mans creadoras".

En dúas dimensións é o que temos publicado ata este momento. Na próxima entrega recolleremos outras expresións artísticas e persoais, porque esta é unha homenaxe da sociedade civil, de artistas pero tamén de cidadáns do común que queren recoñecer o valor de Isaac Díaz Pardo, ese gran home contido nun corpo pequeno, ao que demos en nomear IDP porque el é toda unha institución que pode ser recoñecida con siglas.
Sampedro, Pilar
Sampedro, Pilar


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES