Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Laicos cristiáns: Sal e luz do mundo

sábado, 10 de mayo de 2008
Hoxe en día, máis ca nunca despois do Vaticano II, estamos a escoitar palabras que
semellan levar lume por dentro só polo feito de nomealas. Sucede coas verbas laico,
laica, laicidade, laicismo... e outras como secular e/ou secularización. Apenas se
sabe (porque non se quere saber) o seu profundo e auténtico significado. Para os
cristiáns radicais están proscritas. Abonda a confusión e o caos, sobre todo, no
mundo da Igrexa e da Política. Cómpre clarificar un pouco as ideas. Pouco a pouco.
Hai erros remediables que cómpre írmolos corrixindo.



Un deles consiste en identificar fe coa relixión e co sagrado. A nosa herdada
cultura cristiá ten moito diso.Ter fe era igual a ser relixioso, cunha relixiosidade
que tiña o "sagrado" como centro de todo, sen se decatar de que "laico" (grego
"laos,"igual a pobo) é "todo o humano, o común", "o non sacro, segregado". Por
iso, sen ter que ir a moi lonxe a observalo, os españois, somos e vivimos, sen
problemas, nun estado laico. Sen vellos ecos e prexuízos.



Algunhas aclaracións elementais. Igrexa somos todos os bautizados. Os homes e as
mulleres que temos recibido o bautismo. Todos e todas, en teoría, con igual
dignidade, dereitos e deberes. ("Os bautizados somos sacerdotes, profetas e reis")
Por razón dos ministerios hai un grupo reducido de dirixentes consagrados: Papa,
bispos, cregos, relixiosos que, de feito, asumen todo; e o constituído polos laicos
e laicas, a gran maioría. Laicos e laicas pasivos/as.. Por inercia e costume e sobre
todo pola pobre formación e escasa (ou nula) participación na Comunidade Igrexa
debido a absurdas neglixencias de ambos grupos en clara contradición co Evanxeo de
Xesús e a evidencia das exemplares primeiras comunidades cristiás.



Cómpre unha seria e forte revisión. De toda a Igrexa, incluída a xerárquica. Non
chega con condenar esta incoherente e anormal situación e botarlle a culpa aos
demais (mesmo aos de fóra) como veñen de manifestar os bispos estes días. Soa a
sarcasmo condenar aos fieis cristiáns e aos medios de comunicación alleos, deixando
aos propios libres de pecado. Parece cumprirse aquí o dito (tamén bíblico) de "ver a
palla no ollo alleo e non ollar a viga no propio". Revisión que temos de facer todos
os membros da Igrexa actual. Que cada quén se poña á escoita da chamada urxente que
se nos fai no día de Pentecoste (Festa do Espírito) deste ano. A Igrexa, Pobo de
Deus (xerarquía e laicos) ten/temos de asumir mergullármonos a fondo e
comprometérmonos con coherencia e responsabilidade na misión que se lles confiou aos
seus seguidores que non é outra máis ca de anunciar o Evanxeo a toda criatura e
mostralo cos feitos. Obras son amores. Fan falla testemuñas. Ao xeito de Xesús e das
primeiras comunidades.
Mato, Xesús
Mato, Xesús


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES