Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Pobre bagaxe cultural

lunes, 26 de octubre de 2020
Pobre bagaxe cultural Falar outra semana máis do coronavirus faise un pouco pesado, e máis cando, ó mellor, no momento en que se estea a ler este Recuncho, volvamos estar encerrados nas nosas casas, o que significaría que imos de mal en peor, ou tamén o que xa se intuía e quizais nos merecemos. Mais como non quero volver ó mesmo tema, vou falar doutro que, no fondo, tamén está influenciado por ese bicho que nos encerrou: o asunto das televisións ou, aínda mellor, o asunto das películas que, no meu caso, é o que máis me chama a atención. Porque, no primeiro encerro e en toda a pandemia, as televisións, que era cando deberían proxectar as mellores películas ou os mellores programas -por aquilo de que case tiñamos que ver a tele á forza-, seguiron ó seu, e a calidade dunhas e doutros quedou agardando no baúl dos recordos.

Porque, que mellor ocasión que botar man desas obras mestras cinematográficas que, aínda que pareza raro, hainas a darlle cun sacho. Pero tan só a segunda canle se salva un pouco da queima, aínda que tamén é verdade que, por exemplo, os clásicos que proxectan, están máis que vistos.

Nisto de estar máis que vistos lévanse a palma as demais canles televisivas
-que hai unhas cantas-, xa que, a maiores de botar autenticas trapalladas, repítenas unha e outra vez.

Que mellor ocasión de darlle a coñecer á xuventude de agora aquel cine clásico dos anos 40 e 50, por exemplo, onde só nesas dúas décadas hai unha cantidade inmensa de obras mestras. Aínda que quizais me dá máis rabia que as xeracións de agora non saiban moi ben quen foron Charles Chaplin (o famoso "Charlot"), Harold Lloyd, Stan Laurel e Oliver Hardy (o Gordo e o Fraco), Fatty Arbuckle ou o inmenso Buster Keaton, o actor que non se ría nunca, pero como o pasabas coas súas películas!

Lembro cando tan só había unha canle televisiva, ou sexa, a primeira, e tiñan tempo de botar ciclos cinematográficos de todas as épocas; ben fosen de directores ou ben fosen de actores; pero grazas a eles conseguimos ver toda a historia do cine. E agora, que hai un montón e máis de canles, vemos os X-Men cada dous por tres, os Rockys ata o aburrimento, os Resident Evil en varias cadeas e os Fast & Furious que non os cre ninguén. Pobre bagaxe cultural.
Rivas Delgado, Antonio
Rivas Delgado, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES