Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Sen amor a treu non hai amor a Deus

domingo, 25 de octubre de 2020
Aproveitándose das trapelas que lle preparaban os representantes da relixión xudía do seu tempo, Xesús segue a nos ofrecer a súa visión sobre temas importantes que afectan a nosa vida. É o froito da súa íntima e inimaxinábel relación con Deus-Pai. O que el nos di ou comenta non é senón o que Deus Pai, pai seu e pai noso, nos quere comunicar a nós e ó mundo.

“Mestre, cal é na Lei o gran mandamento?”. Tal é a pregunta que lle fai un doutor da lei de entre os fariseos. Cuestión en principio doada de responder. Deus é o primeiro de todo, a nosa orixe, o que nos deu vida, o que nola sostén e que quere que esa nosa vida perdure por toda unha eternidade. Deus creador non tiña necesidade de nós para nada. Por iso, se nos creou é porque nos quere, porque desexa facernos partícipes a todos da súa vida e do seu amor. A consecuencia é que deberiamos agradecerllo e amalo. Iso si, el vai insistir na súa resposta en que ese amor a Deus, que tan gratuitamente nos quere, haberá de realizarse “con todo o corazón, con toda a alma e con todo o entendemento”. É unha maneira de nos dicir que o noso amor a Deus non debería ter límite ningún a pesar da nosa propia e humana limitación. Por iso, para que tal amor se realice fará falla toda unha vida e mais toda unha eternidade.

Mais na súa resposta irá alén da pregunta formulada polo doutor da lei. Porque el quere darlles a entender ós seus interrogadores que as cousas que se refiren a Deus e a este primeiro mandamento cambiaron radicalmente dende que Deus se converteu con Xesús en “Deus connosco”, en Deus encarnado, en compañeiro e irmán noso. O Deus do Antigo Testamento é agora -coa aparición entre nós de Xesús- un Deus humanizado, un Deus que lle dá importancia infinita a tódalas persoas, a nós e mais a tódolos seres humanos de toda a historia humana. Todos somos agora fillos de Deus e irmáns-irmás do seu Fillo.

Polo tanto, dende que Deus se quixo facer presente entre nós, de maneira inimaxinábel e insospeitada, en Xesús, non é abondo xa con dicir que amar a Deus é o primeiro mandamento. Non. Hai que lle engadir de contado a tal mandamento que hai outro segundo sen o cal o cumprimento do primeiro non resulta suficiente e nin sequera chega a se cumprir de verdade.

É por isto precisamente polo que Xesús dirá que o segundo mandamento é “semellante” ó primeiro. Un segundo mandamento que na súa formulación é moi breve, mais de longos e amplos horizontes e esixencias: “Amarás o teu próximo como a ti mesmo”. En definitiva, non se pode dicir xa que un cumpre co primeiro mandamento se non cumpre co segundo. Ninguén pode dicir, xa que logo, que ama a Deus se non ama o seu próximo, o seu irmán, a súa irmá. A mutua irmandade aféctanos a todos e cada un de nós.

Hai incluso unha medida dese noso amor mutuo. Trátase dunha medida de moi doada comprensión. A diferenza do primeiro mandamento, sobre o que se nos di que o debemos realizar ou cumprir “con todo o corazón, alma e entendemento” (e que nos pode resultar unha medida incomprensíbel e inalcanzábel), as cousas cambian ben no que se refire ó segundo. ¿Ou é que non sabemos como nos queremos ou amamos a nós mesmos? Máis que sabelo, vivímolo en todo intre e en calquera circunstancia. Procuramos que non nos falle o aire para respirar, os alimentos para comer, a casiña ou o pisiño que nos protexan e defendan, etc. etc. Iso de amármonos a nós mesmos facémolo coa meirande espontaneidade e naturalidade do mundo e sen que nolo mande ninguén. Se a cousa non fose así, dende hai moito tería xa desaparecido a humanidade e nin sequera estariamos xa aquí.

Pois ben, esa é a medida que nos pon Xesús para cumprirmos o segundo mandamento: amar os demais como cada un se ama a si mesmo. Unha medida que, por comprensíbel e doada de entender que sexa, non deixa de ser moi alta e esixente.

Como vedes, o quererse a si mesmos, o “egoísmo” ben entendido, é algo que se converte en esencial para sabérmonos orientar no amor a Deus e ó próximo. Neste sentido poderiamos dicir que se alguén non se quixera realmente a si mesmo, tampouco sería capaz de querer os demais ou mesmo a Deus.

En relación con isto, nalgún sitio lin algunha vez que na vida cristiá deberiamos ocuparnos de tres cousas esenciais, que teñen todas elas relación co amor. O amor é unha única realidade con tres caras diversas: amor a Deus, amor ó próximo e amor a si mesmo. Desde nenos aprendemos, en relación co misterio da Santísima Trindade, que hai “tres persoas distintas e un só Deus verdadeiro”. Agora ben, en relación co amor, poderiamos dicir algo semellante: hai tres amores distintos e un só amor verdadeiro. Eses tres amores distintos son o amor a Deus, o amor ó próximo e o amor a si mesmo. Tres amores nos que se amosa de distintas formas o mesmo e único amor que debería presidir a cotío as nosas vidas.

Xa vedes como Xesús nos fai doado ou sinxelo o noso modo de proceder e de actuar na vida, reducindo a multitude de mandados e prohibicións que tiñan os xudeus a só dous mandados ou, se queredes, a tres: amar a Deus, amar o próximo e amarse si mesmo. O último, amármonos a nós mesmos, resúltanos cousa doada. O problema está só no segundo mandamento, o de amar o próximo, porque se o cumprimos podemos dicir tamén que cumprimos xa fundamentalmente co primeiro.

Os coñecedores das prácticas relixiosas dos xudeus e dos rabinos que os instruían no tempo de Xesús infórmannos de que se podían contar, nada máis e nada menos, que 613 mandamentos, dos cales 248 eran preceptos e 365 prohibicións. Todos eles tiñan, ademais, o mesmo nivel de esixencia.

Podemos dicir que Xesús nos liberou verdadeiramente deste complicado mundo normativo antigo para centrármonos nunha soa dirección: a do amor. En realidade, se, como proclamaba Xoán, Deus é “amor”, entón Xesús, o Fillo benquerido de Deus, non podía mandarnos facer outra cousa có que o mesmo Deus Pai fai: amar, amar o seu fillo e amarnos a todos nós. Amar, esa é palabra que non pasa.

Unha tarefa que en calquera caso non remata no curto proceso da nosa vida e que precisa de toda unha eternidade, aquela que Deus mesmo nos garante coa promesa da resurrección.
Cabada Castro, Manuel
Cabada Castro, Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES