Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A poesía de Avelino Díaz en Debezos (30): 'O Faro D-Hércules' (1)

viernes, 06 de noviembre de 2020
Antes de nada, un pouco de historia e de lenda necesarias para afrontar esta lectura. O faro de Hércules ou torre de Hércules é un faro-torre que mide 55 m. de altura e data do século I, é o único faro romano e o máis antigo, en funcionamento, do mundo.

Sobre do faro hai varias lendas. Unha delas conta que Hércules chegou en barca e foi alí onde enterrou a cabeza do seu inimigo, o xigante Xerión. Outros historiadores pensan que pode ser o lugar onde estivo situada a torre de Breogán, desde a que o seu fillo Ith avistara as costas de Irlanda.

O poema está axeitado por un soneto hendecasílabo, formado por dous cuartetos de rima consonante ABBA - ABBA e dous tercetos que riman CDC EDE.

Por que Avelino Díaz escolle un soneto? Puidera parecernos que foi porque lle gustaba o soneto ou sinxelamente porque lle "petou" facelo, mais non é así, detrás de todo isto hai un poeta, Avelino Díaz, cuns grandes coñecementos de métrica e de preceptiva poética e literaria. Xa viramos anteriormente por que empregaba a décima, os versos octosílabos ou a cuarteta asonantada, entre outros. O poeta era un home culto e sen dúbida coñecía El arte nuevo de hacer comedias de Lope de Vega, onde se fai un estudo da métrica e da versificación; pois ben, o autor quería aproveitar a presenza do faro para falar da emigración e sabía por Lope de Vega que o soneto é unha composición que "está bien para los que aguardan"; é dicir, para os que agardan a chegada dos emigrantes e por iso emprega esta estrofa, ideal para expresar algo para as persoas que agardan algo doutra, normalmente o amor ou a chegada dos seres queridos.

CONTIDO
O contido resúmese e resólvese en catro substantivos que se van expoñendo e aclarando sucesivamente e van ligados ás diferentes estrofas:

SONETO ..................................... SUBSTANTIVOS
-Primeiro CUARTETO........................ Fachico
-Segundo CUARTETO........................ Irmán e amigo
-Primeiro TERCETO........................... Xigante
-Segundo TERCETO........................ Xigante (continuidade do primeiro terceto)

No primeiro cuarteto, o faro está tratado como un "fachico" de luz que a nosa nai ten na súa man para alumar as tristuras dos fillos que se van do seu colo, por tanto, a temática principal é a da EMIGRACIÓN, tan abondosamente tratada polo autor.
A poesía de Avelino Díaz en Debezos (30): 'O Faro D-Hércules' (1)
"E o fachico de luz inmorredoiro
que nosa nai doida, ten na man,
pr-alumar as tristuras do vieiro
dos fillos que do colo se lle van".

O segundo cuarteto ten dúas ideas: a do "irmán" que sae ao camiño cando o outro retorna á patria, é a figura do faro metaforizado, que sae a recibilo desde o momento en que se ve ao lonxe a citada torre. A seguinte idea tamén é unha metáfora ao comparar o faro como un "amigo" dos mariñeiros.
"O irmán que o camiño sae pirmeiro
do que retorna pr-ó nativo chan;
o amigo leial do mariñeiro
que xoga a súa vida polo pan".

Os dous tercetos son a continuidade un do outro, facendo referencia “in absentia” a Xerión, porque parte do concepto metaforizado en “xigante” ao que o mar lle quere roubar os seus secretos ou, (xa no seguinte terceto) o faro-torre quere ter namoradas as ondas e impoñerlles obediencia desde a súa altura. Que bonito! Tratándoas coma seres vivos personificados en servas propias da Idade Media e recordándonos toda a historia deste faro como guía e como testemuño dos nosos ancestros.

"Xigante no curuto do rochedo
semella que, das ondas azuadas,
o mar lle quer furtar algún segredo...".

"ou, quizabes con soia sua persencia
quere ter ás ondiñas namoradas
e imporlles ás olas obediencia".

Ata aquí a primeira parte de Debezos chamada Terra a Nosa e que podería considerarse ela sola como unha obra que comprende 32 poemas.

NOTAS:
1.- Opera cit. Páx.65.
Otero Canto, Xosé
Otero Canto, Xosé


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES