Déixate de leiriñas
Santalla, Iago - miércoles, 21 de octubre de 2020
Moitas veces e moi a miúdo, aos que amamos á terra e tiramos pola memoria, acúsasenos de localistas e pouco menos que trasnoitados. Claro que estamos afeitos a poñer en marcha unha actitude quixotesca pola que mentres ladran seguimos ao noso. Agora, con todo o que estamos a vivir coa pandemia, vemos que todos os que parecían puxar pola unión e unha suposta igualdade empezan a turrar cada un para onde lle convén e non teñen en conta nada máis que a propia interese.
Cando escoito "temos que saír xuntos", pregúntome quen é ese nós xa que a miúdo vexo colectivos esquecidos reclamar o seu espazo; sobre todo, estoume a referir á cultura e ao ocio, que son vitais para unha existencia tan libre como digna. Entendo que nun momento crítico como o que vivimos, non son esenciais pero creo que hai que empezar a planificar con seguridade de forma que se creen espazos seguros de distensión. Necesitámolos, sobre todo, psicoloxicamente e non podemos obviar esta necesidade humana.
Témola que cubrir con toda a seguridade posible pero témola que cubrir.
Os problemas graves como a pandemia acostuman a ser complexos esixindo múltiples solucións que deben ser priorizadas. Agora ben, non poden quedarse só nunha leira porque por moi ben atendida que estea se ten que monte ao redor, a ameaza é constante. Crear distensións con seguridade é imprescindible.

Santalla, Iago
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora