Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A poesía de Avelino Díaz en Debezos (28): 'Compostela' (1)

viernes, 23 de octubre de 2020
É un longo poema de doce cuartetas con rima consonante (-a-a) nos versos pares e sen rima nos impares. A forma estrófica é moi adecuada para a expresión do contido porque se lle roubamos os espazos interestróficos, como xa dixemos noutro poema, estariamos diante dunha forma poética moi popular, o romance, neste caso de seis sílabas ou romancillo, con rima aguda nos versos pares que teñen cinco sílabas e aos que hai que engadir unha sílaba máis por ser aguda; mais non é este o caso de ser romance, senón cuartetas continuadas que teñen o mesmo efecto.

Todo o poema está conformado nunha sola unidade que non podemos dividir en partes, -aínda que cada cuarteta é independente-, por ser unha descrición da historia de Compostela, como se se tratase dun poema que nos pretende ensinar todo o histórico que ten a cidade a grandes trazos.

Na primeira cuarteta fálanos da barca de pedra que vén de Sión, monte de Xerusalén, aínda que hoxe emprégase o termo para referirse a Israel. Nesta barca de pedra na que arriba Santiago, o poeta considérao, evidentemente, unha ficción
"A barca de pedra
que ven de Sión
con Sant-Iago morto,
secular ficción".

Na segunda cuarteta volve incidir na súa condición lendaria que vén de Prisciliano cando nos convertemos ao cristianismo, deixándose entrever que sexa Prisciliano, dunha maneira escondida, o que está no sartego do Apóstolo. Prisciliano foi un bispo ao que acusaron de bruxería e gnosticismo no ano 385 en Tréveris, pero un home moi conectado coa natureza e cos sentimentos do home celta co que se vinculaba a súa pastoral. Dinos Ramón Villares (2) que o priscilianismo é o desenvolvemento dun movemento relixioso que campou por Galicia adiante no derradeiro terzo do século IV, mesmo, ata a época sueva.
"O Sant-Iago, lenda
realidade, non,
ven de Prisciliano
nosa conversión".

As tres estrofas seguintes tratan o lugar como "campo de estrelas", do que segundo algúns procede o nome aínda que outros o derivan de "Terra ben posta", "Composita Tella", lugar de peregrinación e devoción que o poeta compara coa Meca e con Xerusalén, pero non con Roma, o que nos parece curioso. Non se esquece tampouco do Mestre Mateo de "santa inspiración" referida ao Pórtico da Gloria, tan precioso e "daquela columniña chamada a árbore de David, tan fráxil que parece esculpida en espirito e en verbo inmortal" en verbas de Otero Pedraio.
"Campo das estrelas,
mística visión;"
(...)
"Meca d-Oucidente
pelegrinación
e Mateu, o méstre,
santa inspiración".

Se as tres cuartetas anteriores estaban referidas ao orixe, as dúas seguintes tratan da peregrinación para todas as clases sociais, o porqué se realiza, como se fai, e aludindo aos símbolos propios desta tradición.
"Pastores e reises,
sandalia e bordón;
rezos e promesas
e meditación".

Nas dúas seguintes aparécenos Fonseca, ao que adxectiva como sabio, porque "o apelido Fonseca ensálzase co plateresco galego, coas Cortes de Carlos V en Santiago e tamén como comezo da Galicia provincial" nos refire Otero Pedraio (3). Aparece tamén Xelmírez como persoa apaixonada que pretende a creación dun Reino de Galicia, "puro guerreiro e político que non atoparía a posibilidade da creación dun reino, por moito que o intentou, pero entendeu a Galicia e amouna e fíxoa entrar en Europa" en palabras de Otero.
"Somas esvaídas
cencia, tradición.
Fonseca, sabencia.
Xelmírez, pasión".

Nas seguintes estrofas menciona a situación da Universidade e volve incidir en Faraldo, "guerreiro da revolución", -do que xa tratamos noutro poema- dos Mártires de Carral.

O poema remata con outras dúas cuartetas, a primeira referida á "Casa da Troya" de Pérez Lugín, unha obra que reflicte a sociedade compostelá e os seus costumes na segunda metade do século XIX nun clima xuvenil e amoroso (4)
"Na casa da Troya
trasnadas, leución;
pol-a Ferradura
mesto pelotón".

Da Ferradura dinos Varela Jácome "Por el Paseo de la Herradura, bajo el umbroso y fresco dosel de la enramada de los robles, se puede pasear despaciosamente, contemplando el más maravilloso retablo de piedra del mundo" (5).

Xa a derradeira cuarteta remata cunha alusión a Compostela e á súa eternidade e importancia como guía de Galicia.
"Onte, hoxe, mañán,
en toda ocasión
Compostela faro
da nosa Nación".


NOTAS:
1. Opera cit. Páxs-62-63.
2. VILLARES, Ramón.A Historia. EdGalaxia, 3º ed. Vigo. 1988. Páx 57.
3. OTERO PEDRAIO, R.-Ensaio sobre a cultura galega. Galaxia, Vigo 1982. Páxs 127, 186.
4. PÉREZ LUGÍN, A.- La casa de la Troya. Gali. Santiago, ed 87. Coruña 1977
5. VARELA JÁCOME.- Santiago de Compostela. Ed Everest. León 1971 Páx 153.
Otero Canto, Xosé
Otero Canto, Xosé


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
ACTUALIDAD FONMIÑÁ
Blog Fonmiñá
PROMOCIÓN
PUBLICACIONES
Publicaciones
Publicaciones Amencer
Revista Egap
Obradoiro de Artesania