Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Contos da miña lareira (5)

martes, 20 de octubre de 2020
Contos, ou non tanto
-I-

A foto é de onte, pero o oficio é de antonte. ¿Que foron primeiro, as fías ou as lareiras? Meu avó, quero dicir, o meu mestre, pois se tal non fose o avó mal podería chegar a ter Contos da miña lareira (5)meu pai aquela mestría herdada, (¡que pouco agradecemos as herdanzas; meu pai, si; eu tamén, pero…, outros?!), sostiña que o invento das lareiras foi inmediato ao do fogo…, para illarse do lume, para que non lles ardesen as peles das camas contiguas! Nestas, alguén se decatou do quentiña que resultaba a lá das peles das ovellas, e matinou coller unha sílex para cortárllelas, para librarse daquelas táboas das peles resecas, pero nisto, a muller do patriarca, alí presente, colleu un garabullo e deu en estirar a lá, intuíndo que sería máis flexible que aqueles cordóns da propia pel cos que as ataban aos pés. ¡Tate: dun garabullo pasouse á roca, pero iso foi máis tarde, moito despois, que primeiro tiveron que inventar o torno, o torno de tornear a madeira!

¿Onde fiaron? ¿Onde ía ser: Cabe da lareira, coa luz da leña, pois de día había que cazar, e subirse ás árbores para coller a froita, pero tamén atusmar na porta da caverna agardando pola aproximación dos rapaces, ou o retorno dos maridos, sucesivamente! ¡Benditas lareiras, e para iso poucos museos as conservan!

A muller máis fiadora de cantas coñecín foi a señora Xosefa de Xerbolés, tamén coñecida como Xosefa de Brais, que, desde que lle morreu o fillo, aquel Roxelio , do que dicía que lle puxera así para acollelo á protección divina daquel famoso Roxerio, que fora abade de Meira, con festa os oito de cada Agosto, precisamente o día natal do seu fillo, entretíñase fiando para os sobriños, tantos que tiña, e tantas medias que gastaban! Tanto se preocupou del o beato Roxerio que intercedeu para que o levase Deus antes de chegar á idade dos pecados, en plena puberdade, que así o entendeu ela, outra santa!

Esta historia de lareira, aínda que a conte como conto, conto non foi, que dela dou fe, posto que a cometín eu! Era tan cariñosa a señora Josefa que case me criei tanto con ela, ao redor da súa lareira, como na da miña casa. ¡A culpa era súa, pola cantidade de lambetadas que, como casa rica, almacenaba naquela artesa do pan! Primeiro mandábame atizar, para quitar o frío, e a continuación, como pouco, unha onza de chocolate! Pero, un día…

O día estaba frío, e fora chovía coma quen a tira con un caldeiro; leña xa quedaba pouca; así que, para non saír a buscala, nin ela nin eu, no intre en que rematara de fiar unha rocada, ¡a enésima!, alargoume a roca e díxome:

-Para que non se apague o lume, achega eses tizóns; e para non queimarte, faino coa miña roca.

Facer, fíxeno, pero con tanta torpeza que lle queimei a roca. Por suposto que din en chorar, pero ela perdooume, consolándome no seu regazo, que ata me dixo, na súa excelsa bondade:

-Alédome ben de que che pasase iso, pois esa roca facíaseme curta, e así o meu Manuel mercarame outra, na feira. ¡Se merca a roca, menos diñeiro lle queda para viño, así que hoxe fixemos unha obra de caridade!

Lembrándome do feito, á vez que dela, teño que recoñecer que non só hai santas nos altares, que tamén as tiñamos xunto das lareiras!
-.-

-II-

Contos da miña lareira (5)Onte, onte mesmo, era totalmente distinto. Hoxe son espectáculo; onte foron Nosopai, ¡pan noso de cada día, e que non faltase! ¿Antonte? ¡Antonte, sala de espera, de seguro que a máis grata delas!

Na Lei de Dereito Civil de Galicia fíase fino, pero xa tardío: Artigo 18: Son muíños de herdeiros os de propiedade común indivisible dedicados a moer grans para consumo familiar e alimentación do gando dos seus copropietarios. Artigo 19: 1. O aproveitamento da cota indivisa na propiedade farase por pezas ou grupos de horas que acorden os copartícipes e nos días que establezan; no seu defecto, polo que fose costume, sendo exclusiva de cada herdeiro a cota asignada e, polo tanto, susceptible de permuta, alleamento ou arrendo, facendo seus os froitos ou utilidades que produza. 2. Os copropietarios contribuirán proporcionalmente ós custos de conservación e reparación do edificio, da maquinaria e do aproveitamento da auga, sen que entre eles haxa que pagar maquía. 3. Os copropietarios poderán exercita-lo dereito de retracto, no caso de transmisión inter vivos, da peza ou parte da peza da que outro partícipe dispuxese. Artigo 20: 1. Calquera modificación no uso e aproveitamento respectará o dereito de cada partícipe e requirirá o voto favorable da maioría que posúa a meirande parte do uso e aproveitamento. 2. Os acordos da maioría que modifiquen o uso e aproveitamento serán executivos, pero impugnables nos trinta días seguintes ó acordo ou á notificación”.

Esta é a parte seria, pero tamén tiñamos a festiva, a pícara: Ao muíño do meu amigo / xa lle collín o tempero: / Cando está alto, baixalo; / cando está baixo, erguelo!

Como o meu Montecubeiro tiña tantos, e cada un con dez lendas ou contos, aínda que cheguei a coñecer moitos, do que mellor me lembro é deste:

Muíño do Escouredo. Sempre ía moer o señor Ramón; claro que, nos seus días, ata que aquela tarde…; aínda que primeiro direi como o souben, que non foi precisamente na lareira:

Ía con meu pai, de mañá cedo, levar as vacas ao prado da Faladoira, dúas delas xunguidas porque, mentres pacían, nós cargaríamos un carro de folla daqueles castiñeiros, follas, ourizos e demais maleza, para mesturar coa palla e coas xestas da corte, que así lográbase un abono, un mantillo excelente. No cruce do Pacio vimos que se achegaba a señora María Manuela do Escouredo, que xa de lonxe lle berrou a meu pai:

-Xosé María, agarda por min…; unha palabriña…

A palabriña foi tan grande que comprometeu a meu pai para que, á volta, nada máis descargar o carro nos currais, saísemos para o Zarro Novo onde agardarían por el a propia María Manuela e mailo señor Constantino de Cabanela. Querían permutar unhas tenzas daqueles montes…, e eu, que comezaba a facer de axudante de perito, fun testemuña do relato:

-María Manuela, ti colles unha estaca destas, e o señor Constante a outra, e achantádelas onde vos vaia dicindo, pois para medir estas figuras irregulares hai que triangular; mentres, o meu fillo e máis eu, imos tirando de cinta e anotando as medicións.

Desde que medimos e remedimos, que había que axustar pois naqueles tempos un pé de terra era un diamante, díxolle meu pai á do Escouredo:

-Á noite xa podedes ir á miña casa para firmar os papeis da permuta, que os terei redactados, pero ten que firmar o teu home, pois este monte é parafernal seu, e ti, co lista que es, o único que podes facer é acompañalo…, por se o enganamos, Constantino, ou eu mesmo. Por certo, que xa debera estar aquí, no monte, para presenciar as medidas…

-Vai no muíño…, que agora sempre vai cedo para que non se lle bote a noite enriba…, polo medo que lles colleu aos leiróns!

Meu pai, sempre ben pensado, contestoulle:

-Muller, nestes muíños de herdeiros, poucos leiróns pode haber porque, dun para o outro, pouca fariña deixamos restrebada…, pola conta que nos ten!

-¡Ai, xa, ti ben falas, pero no noso muíño, no do Escouredo, os leiróns dese río, do Ribón, sonche moi grandes, coma homes!

-Non esaxeres, que este neno é algo crédulo, e vindo de persoas da súa confianza, sempre cre canto lle din, ou canto lles oe.

María Manuela, poñendo os dedos en cruz, e bicándoos:

-¡Por estas, que son cruces! Cando volveu Ramón, xa á noitiña, para ensacar e traer a fariña, observou que estaba levantada a trapela de baixar ao rodicio; daquela baixou pola escada, para comprobar se se atrancara cun ramallo deses que por veces leva o río, e…, ¡case se desmaia, pois, augas abaixo, viu tres leiróns, mouros e grandísimos, a todo correr, e para iso, levantándose nas patas traseiras! ¡O nunca visto!

Meu pai calou, seguramente decatándose de que, por ser gordísima a chufa, eu non corría perigo, por crédulo que fose, pero á noite, cando viñeron firmar, o propio Ramón insistiu no seu relato, feito, episodio, que nos confirmou o Antonio de Mariano, despois, na lareira, que fora unha das testemuñas do contrato, xunto con outro veciño do lugar.

-Iso que contaron os do Escouredo é certo, que tamén mo dixo meu irmán Xosé, que lle ensinou o propio Ramón, cando volveu do muíño, unha peza de pan e unha ducia de troitas, que seica as deixaron esquecidas, cabe da moxega, aqueles leiróns…

Así quedou a cousa, ata que un día, moitos anos despois, que entrou na nosa cociña o primo Daniel, daquela xa licenciado de Regulares, onde o tiveran recargado, por desertor indultado, con un impermeable larguísimo e mouro.

-A onde vas así, tan abrigado? –Preguntoulle meu padriño, que era seu tío; Daniel, fillo de moza, de súa irmá María, co pai…, ausente?

-Vou ao Escouredo, que seica vende unha vaca o señor Ramón, e as dúas que temos están senlleiras…

-Leva este paraugas, e deixa aquí o impermeable…, por se esperta Ramón!

-Ata será mellor, e agradézolle o consello, aínda que agora…, como xa non me perseguen…!

Alí mesmo, ao pé da lareira, repetiron o caso: Daniel, con outros dous fuxidos, ao anoitecer saían das chousas do Ribón e metíanse no muíño, entrando precisamente pola trapela do rodicio, para que ninguén os vise desde o camiño de arriba. Alí tiñan o pan que lles levara José de Mariano, que as troitas colléranas eles mesmos, á man, no mesmo río, y ían acender algo de lume para asalas precisamente no intre en que Ramón metía a chave na pechadura para recoller a súa fornada. ¡Daquela tiráronse ao rodicio, os tres, tal que tres leiróns, e despois diso, correndo polo río abaixo, quedáronse quediños debaixo da ponte do camiño de San Cibrao, co cal Ramón convenceuse de que aqueles tres…, ¿animais?, era leiróns xigantes, do tamaño dun home!

¡Canto fixeron discorrer aqueles fascistas, e con eles, os gardas daquel cuarteliño de Montecubeiro!
.../...
Gómez Vilabella, Xosé M.
Gómez Vilabella, Xosé M.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES