Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Don Manuel Becerra, o noso sobranceiro ministro de ultramar

martes, 20 de octubre de 2020
Din que ninguén é profeta na súa terra porque nin o mesmo Xesuscristo o foi, tampouco Don Manuel Becerra tivo a sorte de selo, a xulgar polo esquecemento no que se atopou e se atopa, pois non hai ningún signo externo que denote a presenza deste ilustre na nosa querida parroquia da Ponte de Outeiro onde os deuses quixeron que vise por primeira vez a luz, por máis que unha rúa leve o seu nome no noso Concello (Castro de Rei) e a pesar da importancia que tivo a súa insigne figura na España de finais do século XIX; tamén no Progreso do 18 de outubro de 2020 con motivo do 200 aniversario do seu nacemento infórmanos de que se colocará unha placa nun monolito conmemorativo no mes de novembro preto da súa casa natal da Ponte de Outeiro.

Hoxe, quero falarvos dun libro de 467 páxinas, cuxo título reza como segue "LA DEMOCRACIA EN EL MINISTERIO DE ULTRAMAR (1869-1870), COLECCIÓN DE LEYES, DECRETOS, ÓRDENES, CIRCULARES Y OTROS DOCUMENTOS EMANADOS DEL MINISTERIO DE ULTRAMAR DURANTE LA ADMINISTRACIÓN DEL EXCMO. SR. D. MANUEL BECERRA" e que foi recollido en Madrid no ano 1870 pola Tipografía de Gregorio Estrada e por un prologuista que obedece ao seguinte epígrafe D.J.C.L e cuxo nome e apelidos descoñecemos.

Pois ben, sendo Ministro de Ultramar o noso parroquiano, Don Manuel Becerra, despois da REVOLUCIÓN DE 1868, significou un raio de luz para aqueles españois que formaban parte do vasto imperio colonial e que tanto sufriran cos reis Austrias e cos Borbóns. Afirmábase así a liberdade fronte ao Despotismo e albiscábase para esta xente -refírome aos escravos- un magnánimo acto de xustiza e de reparación de danos, xa que non podían as persoas tratarse coma greas de bestas dirixidas por látegos e suxeitos a cadeas, sen dereitos, sen nada, coa antiga e arrepiante fórmula do despotismo "sic volo, sic jubeo; sit pro ratione voluntas" e que quere dicir algo así coma "así o quero, así o mando, fágase a miña vontade antes cá razón".

Ao mesmo tempo, nas provincias de Ultramar (Cuba, Puerto-Rico, Filipinas) co advento da Democracia na España de 1868, escomeza en Cuba principalmente unha insurrección na maior parte do seu territorio, mais os conservadores e os reaccionarios, aproveitando a necesidade que deles se tiña por parte do Goberno, piden o aprazamento das reformas nas colonias que Don Manuel Becerra quería implantar, de aí que a ABOLICIÓN DA ESCRAVITUDE tivese que principiar por Puerto-Rico, onde non había ningún tipo de problemas, e onde historicamente se aproveitaron da escravitude que había en África e dándose ocasión a un execrable trafego de negros consentido polos gobernos anteriores (principalmente nas illas de Cuba e Puerto-Rico).

As reformas en Puerto-Rico non podían demorarse e había que acometer un cambio profundo que arrincara dende o Municipio e chegase ao Goberno Supremo para que acabase coa infamia da escravitude; este pensamento desenvólvese por completo no Decreto nº 5, 1ª parte, creando para iso a Xunta Informativa de Puerto-Rico; mais… como se faría?

1º Cambiando o seu sistema político e administrativo.
2º Declarando e garantindo os dereitos da persoa.
3º Abolindo a escravitude e concluíndo cos seus horrores e perigos.
4º Recoñecendo a vida municipal e a vida provincial.

Este deber de xustiza e o solemne compromiso que a Revolución de Setembro adquiriu con todos os españois de alén os mares, tiña que ver con dotar a Puerto-Rico dunha Constitución política e establecendo para a illa unha especie de autonomía provincial que non tiñan o resto das provincias españolas como a nosa Galiza, Cataluña ou Euskadi.

Para iso, D. Manuel Becerra, Ministro de Ultramar, promulgou entre outras a lei municipal, a lei provincial, a lei electoral, a do matrimonio civil, a liberdade relixiosa (Decreto de 20 de setembro do 1869) -e que logo fixo extensiva ás Filipinas-, a lei de ensinanza, a lei de estranxeiría, etc..., e que responden ao pensamento da Revolución do 68.

Indigna sería a tarefa emprendida polo Ministro demócrata outeirino, do gran movemento rexenerador de setembro, se non ofrecese a solución ao gran problema: referímonos ao estado de escravitude, que de feito existía nas Antillas e cuxa abolición era de todo necesaria para salvar a honra da Revolución que declarou por un dos seus máis autorizados órganos a "JUNTA SUPERIOR REVOLUCIONARIA" "que la esclavitud es un ultraje á la naturaleza humana, y una afrenta para la nación que, única en el mundo civilizado, la conserva en toda su integridad". Milleiros de seres que polo feito de ser homes ou mulleres, teñen idéntico dereito á liberdade ca nosoutros, e que estean sometidos como se fosen irracionais á bárbara servidume; esta grande infamia coñecida como ESCRAVITUDE non pasou desapercibida polo noso MINISTRO DE ULTRAMAR, que fixaba como un dos máis grandes cometidos nesta illa, xa que Cuba polo seu estado de insurrección non permitía acometer tan trascendental reforma; porén, acordáronse dúas medidas aplicábeis a Cuba e relativas á escravitude, que foron:
1º Un proxecto de lei declarando libres aos nacidos de nais escravas desde o 29 de setembro, data da Revolución chamada "Gloriosa", e
2º No mesmo proxecto, aos escravos que servían no exército ao que prestaban servizos tamén os eximía da escravitude.

En España e nas nosas provincias que daquela tiñamos alén dos mares, nunca xamais poderá esquecerse que o Excmo. Sr. D. Manuel Becerra foi o primeiro home público que se atreveu a poñer man ao poderoso problema da escravitude, problema do que fuxiran todos os ministros que antes ca el tiveran ao seu cargo a gobernación dos territorios de Ultramar.

Haberá quen atope que o proxecto de abolición presentado por D. Manuel Becerra non satisfacía as aspiracións abolicionistas radicais, e quen opostamente o calificaría de imprudente e perigoso, pero atendendo unicamente á verdade, non pode negarse que o noso grande parroquiano acaba coa escravitude sen esquecer os intereses de todos, pois, xaora, foi unha abolición gradual que tiña como base a organización do traballo, que conviña por unha parte aos intereses dos amos, e moito máis aos intereses dos libertos.

Séxanos grato hoxe, día 20 de outubro, recordar a este noso veciño coma un home dos máis insignes e como corresponde a unha persoa digna de recordo polo que el era e polo que el fixo na consideración de igualdade a todos os seres humanos, e tamén oxalá sexa este artigo a pedra angular que sirva para mover aos nosos queridos parroquianos para renderlle unha afectuosa e cálida homenaxe que ben o merece. Sexa.
Otero Canto, Xosé
Otero Canto, Xosé


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES