Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Carvalho Calero, III. A memoria histórica, o telúrico e o exilio interior

viernes, 23 de octubre de 2020
Remata o poema de Pimentel "Docemente chove", acudindo ao telúrico, a aquilo que está aí oculto dende sempre:

"Eu ben sei que hai un misterio na nosa terra,
máis alá da néboa,
máis alá do mar,
máis alá da chuvia,
máis alá do bosque"

Esta parte vén do máis antergo, do que non está ao alcance do noso entendemento. Sabemos que hai un misterio inaprehensible, un arcano que está detrás da néboa, máis alá do mar, da chuvia e do bosque de Novoneyra, aquel que sempre foi bosque dende antes do primeiro antepasado.

Porque sabemos que hai algo que non nos é dado e queda velado pola néboa. Sabemos que detrás do horizonte -que nos debuxa o mar en línea recta- hai algo sempre máis alá, máis alá máis alá, porque a utopía nunca está a onde chegas. Sabemos que cando entramos no bosque antigo, no espazo da carballeira ou do souto, os sentidos perciben só parte do que está aí, os arrecendos da humidade, a vista dos meus ollos, a humildade que envolve a pel sen mollala, a respiración que non é só nosa, o aire que percorre a natureza deténdose nos espazos máxicos. Sabemos que cando chove sentimos unha tristeza antiga que nos molla por dentro e nos une con todos os que a sentiron dende o principio dos tempos, cando viron chover.

E cando chove mainamente, estamos en Galicia. "Docemente chove" e a chuvia mestúrase co choro, como cando te estás a bañar e chove, como cando choras baixo a chuvia e sabes que hai algo que une esa auga.

Dicíao tamén Díaz Castro, porque o noso país é verde, ten mil ríos e a chuvia é o diezmo que levamos pagando por toda a eternidade

"Aran os bois e chove
(…)
Pro ti envólveste en sabas de mil anos,
i en sonos volves a escoitar a chuva"

E, para rematar, outro poema de Carvalho Calero, no que queda retratado o exilio interior como eu non vira antes:

"Como pudemos
viver? Os olhos múltiplos e insones
de Medusa fixos em nós à espreita.
As bocas das metralhetas
apontando-nos. A censura
postal -fatídico agoireiro-
lendo as nossas entranhas.
Os sacristaos passando lista
às portas das igrejas. Nos cafés,
os contertúlios anotando
as nossas reacçons perante
as notícias do rádio.
Clitemnestra na cama.
Na escola, os nossos filhos aprendendo
a condenar-nos, a
desprezar-nos, a
denunciar-nos, a falarem na língua
com que insultados fomos e julgados
réprobos, e na qual foi estendida
a acta que nos levou
ao paredom, ao cárcere, ao desterro;
a língua com que nos indultaron
para nos inserir arrependidos
no mundo que quigéramos
substituir. Muitos morrerom, mas
nom falo agora desses mortos; falo
dos que tiverom que viver morrendo
entre os seus matadores, lendo a imprensa
que de lama os enchera, saudando
as insígnias contra as quais militaram.
Como pudemos
viver? E mais vivêmos.
E comêmos, dormímos, engendrámos"

A pregunta coa que comeza, acaba sendo contestada ao final. A resiliencia, a capacidade de adaptación e resistencia, fixo que incluso puideran enxendrar e reproducir a vida.

Coa dignidade, mantida no silencio escuro, dunha noite da que non se vía fin. Mentres todos che vixiaban e Medusa miraba disposta a converterte en pedra, Clitemnestra ocupaba a túa cama disposta á venganza. Os eternos mitos volvendo, unha e outra vez, para acompañar os días.

O papel da escola formando aos fillos contra os seus propios pais, converténdoos en denunciantes (como en 1984 e todas as antiutopías). O significado da lingua na que a escola lles ensinou a eses fillos, a mesma lingua na que sobre eles exerceron a represión total. Viviron si, morrendo cada día, rodeados da crueldade e a bobería, mentres sostiñan a chama da autoridade moral, alá, no fondo das arterias, respirando a cultura da terra e a natureza, que ía máis alá da realidade visible.
Sampedro, Pilar
Sampedro, Pilar


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES