A RAG (Real Academia Galega) define o termo "Postal" (2) como unha "cartolina de forma cuadrangular que se envía por correo, e que nunha das súas caras leva unha fotografía ou debuxo, e na outra, espazo para pór os datos como o nome ou o enderezo, os selos e o texto". Cremos que a poesía é como un debuxo da nosa Galicia, que se pode mandar poñéndolle un selo, mais en vez de fotografía, hai unha poesía de algo propio da nosa terra, dun acontecer común e dunha situación tomada da nosa idiosincrasia e do típico na época do autor, porque as postais sempre tratan de darnos á vista algo propio do lugar que visitamos, e neste caso trátase dunha escena de amor nun escenario paisaxístico tratado en cuartetas octosilábicas asonantadas, concretamente, seis.
ESTRUTURA
Debúxanse claramente dúas partes, como se se tratase dunha narración, empezando

por unha descrición, mais ás veces seméllase a unha obra teatral. A primeira metade compóñena tres cuartetas e a segunda metade outras tres, vindo a ser a metade o eixo divisorio dos contidos.
PARTE PRIMEIRA
Toda ela está formada por unha paisaxe idílica moi parecida a Virxilio nas Églogas (3). Vexamos un fragmento do principio da Égloga I cando Melibeo fala con Títiro e dille "Aquí respirás el frescor de la noche entre los conocidos ríos y las sagradas fuentes; aquí las abejas hibleas, apacentadas en los sauzales del vecino cercado, te adormecerán muchas veces con su blando zumbido... y entretanto no cesarán de arrullar tus amadas palomas ni de gemir la tórtola en el erguido olmo". Este é un espazo virxiliano que Avelino imita na primeira parte desta poesía na que, dunha forma descritiva vai poñendo os elementos necesarios para desenvolver a escena que fai referencia a dous namorados, por iso, o espazo ten que ser acorde para que o amor penetre desde a paisaxe aos personaxes, que son unicamente os dous namorados:
"Somentes a Natureza
puido facer o milagro
d-este paisaxe belido
como un xardín virxiliano".
Así comeza o poema instaurándonos a situación agreste para presentar o amor. Na segunda estrofa empeza a colocar os axentes que irán enchendo a escena pastoril:
"Hai sol, árbores e frores
que son dos ollos regalo.
As abellas zuchan mel
nos conquiños almibarados".
Como vemos, aquí está todo o necesario para o amor: sol, árbores, flores, abellas que van de flor en flor e que o autor exemplifica os seus cálices de pole como "conquiños almibarados", mais, a pesar dos zunidos do voar das abellas, aínda nos queda a orquestra de paxaros que amenizan a escena:
"Unha barafunda louca
no seu ir e vir, cantando,
entr-a mesta ramalleira
fan os inquedos paxaros".
Aquí remata a primeira parte coa presentación do espazo idílico-virxiliano, onde os pastores que tocarían a doce caramela ou frauta pastoril, é sustituída polos cantos dos paxaros na ramalleira, e con todos estes ingredientes de beleza, repouso e mansío vai comezar a
PARTE SEGUNDA
Nada máis facelo, preséntanos aos personaxes camiñando por un retorto carreiro, pero de socato, aparece tamén o motivo que pode traer consigo o remate do amor porque os namorados van "/desenfiando nas contas/ d-un amoroso rosario/" e o rosario ten as contas predeterminadas, son 59 distribuídas en agrupacións de dez bólas que representan a cada un dos misterios, e en acabándose as contas, acabouse o rosario e en consecuencia acabaríase o amor e os misterios. De aí que "vita brevis", "collige virgo rosas", "carpe diem", "tempus fugit" e demais tópicos literarios de inspiración grecolatina.
"Pol-o retorto carreiro
camiñan dous namorados
desenfiando nas contas
d-un amoroso rosario".
Esta é a primeira cuarteta na que se presenta aos personaxes como se dunha novela se tratase, pero parécese tamén a unha obra de teatro, neste caso aínda comedia, pero pode chegar a drama porque a seguinte cuarteta está colocada entre paréntese e parece se dunha anotación escénica ou dun apunte teatral se tratase, no que se ve claramente a opinión do autor que se deixa ver nesta especie de máxima ou pensamento con tratamento de aparte.
"(O amor é cousa cega
alí preto acexa o diaño;
na gaiola dos amores
van os dous engaiolados)".
Esta situación de posíbel desamor complétase na derradeira estrofa nunha conxuntura que nos deixa aos lectores, -aos que xa nos avisou previamente-bastante pensativos, porque onde todo era tan bo, tan idílico, tan marabilloso que os chuchos e as apertas quedan, non no corazón dos amantes mantendo e protexendo o amor en compañía da natureza, senón "pendurados dos ramallos"; é dicir, fóra deles mesmos e con coñecemento do ocorrido por parte doutras persoas que ven eses chuchos e abrazos pendurados dos ramallos, fóra do seu misterio amoroso porque o amor fuxiu
"Doces amores xunguidos
pol-os frolidos atallos.
Hai muitos chuchos i-apertas
pendurados nos ramallos".
NOTAS:
1. Opera cit. Páx.61.
2. REAL ACADEMIA GALEGA. Ed. Dixital
3. VIRGILIO NARÓN.- Publio.- Églogas. Geórgica. Espasa Calpe. Argentina nº 203. Páx, 13.