Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

De 'traballar como chinos' a 'O traballo vos fará libres'

miércoles, 14 de octubre de 2020
Alcoa. Un nome que esta tempada está na boca de toda a Mariña. Algúns aínda din, tentan lembrar, ‘Aluminio Español’, a empresa do INI que se estableceu en S. Cibrao, procurando a saída na nacionalización. No fondo, o traballo como medio de subsistencia, case máis ben como medio de ser, de vida, cun significado máis amplo co da procura de cartos para vivir.

En tempos, dicíase ‘traballar como chinos’ por facer un traballo duro de xeito continuado e asumilo sen queixa, con naturalidade. Polo que parece, tiña o seu sentido, pola necesidade de traballo continuado e minucioso, coidado, dos campos de arroz, ou pola organización -anterior á europea e continuada no tempo- do traballo dos súbditos imperiais. De feito, houbo un momento no que a confrontación do traballo ‘como chino’ enfrontado ó traballo ‘como occidental’ quedou patente coa goleada a favor de oriente na construción do ferrocarril atravesando os EEUU. Avanzou máis rápido polo oeste cos chinos como man de obra... polo camiño perdeuse o comentario das condicións de escravitude, a cantidade de xente ou a proximidade ás subministracións para a construción, e así quedou no imaxinario e se fortaleceu aínda máis a idea. Hoxe, coa emerxencia china, non está claro que no futuro o dito se manteña e non pasen a ser os occidentais os que necesitemos/nos forcen a traballar máis -de novo, obviando sistema sociopolítico, financiamento, etc.-

Outro dito sobre o traballo, ‘O traballo vos fará libres’, é unha frase que rematou como eufemismo sarcástico á entrada do campo de concentración de Auschwitz: traballo arreo, do que a liberación significaba a morte, única saída. Aí chegou despois dun recorrido como título de novela ou como lema nunha República de Weimar enxalzando os efectos da súa política de impulso de grandes obras públicas para combater o desemprego...

Ó longo da historia, téñense sucedido ditos e refráns mantendo ideas diversas sobre o traballo, mesmo contraditorias en aparencia. Valla como exemplo máis próximo a nós o ‘Deus axuda a quen cedo madruga’ contra ‘Nin por moito madrugar amence máis cedo’. Pero non, non hai contradición entre estas dúas sentencias: a primeira indica a axuda do factor disciplina e traballo no desenvolvemento e expectativas da propia vida, mentes a segunda indica que hai que traballar, si, pero con xuízo, no momento e xeito debidos. En calquera caso, en ambos, aínda que non aparece o traballo como tal, está presente no seu significado. E é que o traballo hai moito tempo que no noso entorno se leva imbricando no desenvolver da propia vida.

Volvamos a Alcoa, como verba indicativa do problema de centeas de persoas na Mariña. Deixemos aparte o que significa e significou non ter actuado a tempo fronte a un problema que se podía ver hai anos -e que foi sinalado en moitos lugares como este-. Deixemos a unha beira o problema ambiental da balsa de lodos ou as enormes necesidade enerxéticas subvencionadas -quizais menos que noutros lugares con menos imperio das eléctricas-. Poñamos fóra do campo de visión tamén a venda dunha industria concibida en clave de desenvolvemento estatal guiado pola razón pública a unha entidade de capital privado estranxeiro, ou a inexplicable ausencia de diversificación industrial ó seu arredor. Si, e centrémonos nun detalle que moitos desbotarán como accesorio ou irrelevante: ‘traballadores’ ou ‘empregados’, asalariados? Si, xa sei, ambos. Pero o sentido non é o mesmo. E, á fin, coido que tampouco irrelevante aínda que se trate con urxencia doutras cousas.

Co primeiro concepto, traballadores, pódese discutir sobre o traballo e o seu sentido na vida. Co segundo, empregados, sobre a submisión (ou non), dependencia dun xeito de vida subordinado a un poder externo, sen interdependencia, como estamos tristemente a ver.

Co primeiro, pódese falar de equilibrio do traballo dentro da vida, de compensacións, de cousas como a prestación por vivir ou mesmo da capitalista renda básica. Co segundo, só dun traballo a cambio de submisión e algo máis que permita non tanto vivir como sobrevivir -aínda que se pretenda ‘sobrevivir’ moi ben-.

Co primeiro, pódese continuar cunha variación consensuada, acordada, colaborativa, do xeito de vida. Co segundo, o que se está é a pedir -e polo tanto, de xeito asimétrico- algún tipo de continuación da dependencia. Do sistema. Dun sistema que está amosando a súa incapacidade para manternos con xeito sobre a Terra, despois de esquilmala e esmagarnos.
Gregorio Montes, Antonio
Gregorio Montes, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES