Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Carvalho Calero, I. A infancia, ese territorio

martes, 13 de octubre de 2020
Uns poemas de Carvalho Calero (CC), tráennos, a modo de cata, esa mirada cara os días afastados, que quedaron nalgún lugar, dun tempo que se foi.

Un deles comeza "Cinco duros pagábamos de aluguer". Nel, preséntanos a casa que habitaban naquela época, para pasar logo a falar da familia, comezando coa tía aboa que tiña un cuarto cheo de paxaros disecados; ao paso, coma quen non quere parar en tristezas, "Ainda vivía a minha mãe / e todos os meus irmaos vivian", xustapoñendo esa información a outras que non teñen apenas valor, como dicir que o latoeiro vivía enfronte e había tamén unha tenda de efectos navais, seguindo con ese xogo relativizador, despois de contar que tiñan pombas e un gato mouro, "e o meu pai era novo ainda / e no mar do mundo cada dia descobria eu unha ilha."

A penúltima estrofa é entrañable, o pensamento mítico do neno:
"Eu tinha un pacto con Deus:
que ninguén dos meus morreria.
E o pacto era observado,
e eu confiaba na perenidade do pacto."

Para rematar, na derradeira estrofa, confirmando que todo iso fica moi lonxe,
tanto, que de non escribilo, quedaría esquecido para sempre.

Lembrar a infancia, cando o noso pensamento era máxico e podiamos pactar con deuses ou contar os sucedidos máis nimios ao lado dos asuntos máis tráxicos. Lembrar aqueles días, nos que a felicidade ía aparellada á rutina; xornadas luminosas que permanecen na retina.

O outro poema, que comeza "Cruzando a ria pola ponte das Pias / se os obreiros de Astano nom cortarom o tráfico, / entrarei em Ferrol, a minha terra."

Despois do camiño por unha ou outra ruta, dun xeito ou outro entra na cidade
"para ver se tropeço
numha rua qualquer do Ferrol Velho"
-será a de Sam Francisco, a do Socorro?
com o neno que fum e que foi outro;
aquel que fum e que nom fum entom,
quando eu nom era o velho que boje som.”

Volver ao lugar onde vivimos, fomos no pasado e buscarnos polas rúas, tal como éramos. Como cando volvemos á casa doutros días, na que permanecen os mobles, e nos parece ver -nun relumbre- a imaxe que tiñamos daquela, no espello. Porque nalgún lugar tería que permanecer a nena, a moza que habitou eses espazos.

Non perder o meniño que foi tivo que ser un empeño para CC. Recordalo para que non se fora. A pesar de todos os traballos e batallas perdidas, manter ese vínculo coa inocencia. E crear outros mundos que viñan do mito e el recreaba, as illas que vai descubrindo como Avalón, a illa das fadas e as mazáns.

Un terceiro poema, "Evocazón da infáncia perdida" recolle esa relembranza para preguntar:

"¿En que recanto do tempo
está soterrado o cadáver da miña infancia?
(…)
Eu, neno, matei a miña infancia
no coitelo da miña gravidade.
No relógio adiantado da miña vida,
a agulla da miña vontade
asinalaba a hora da colleita
cando inda non era a hora da sementeira;
asinalaba a hora do roibo amor
cando era a hora do branco jogar;
e ateigado cedo da ciencia da dor
o meu rouxiñol
puxo-se a cantar
aínda antes de aprender a voar.
(…)
¿Cómo tornar a corrente do rio
polo quenlle enriba?".

Como volver atrás, aos días que foron? Como regresar ao pasado? Como recuperar o neno que perdemos? Porque avanzamos moito sen aproveitar a luz daquelas primeiras mañás. Porque a vida obriga a medrar con demasiada présa aos que castiga con responsabilidades, aos que deberían chegar máis tarde… á súa hora. Os orfos, aqueles que van sentindo ao baleiro das perdas, dende novos, medran a demasiada velocidade e extravían a infancia. Logo, sempre será tarde para volver atrás e recuperala, a auga do río non sube aínda que o faga o salmón.

Aínda así, manteremos viva esa lembranza da infancia e esperaremos contra toda esperanza seguindo ao escritor.
Sampedro, Pilar
Sampedro, Pilar


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES