Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

No Día Internacional da Nena

domingo, 11 de octubre de 2020
Con motivo do Día Internacional da Nena, que se conmemora o 11 de outubro, o Goberno galego reafirma o seu compromiso cos dereitos das nenas de todo o mundo, independentemente da súa orixe, cultura ou relixión, para que todas elas poidan aprender, liderar, decidir e prosperar no mundo e nas súas vidas.

O 19 de decembro de 2011, a Asemblea Xeral das Nacións Unidas declaraba o 11 de outubro como Día Internacional da Nena para recoñecer os seus dereitos e os desafíos únicos aos que se enfrontan en todo o mundo, así como promover o seu apoderamento e o cumprimento dos seus dereitos humanos.

Con anterioridade, hai 25 anos, en 1995 celebrouse en Beijing a Cuarta Conferencia Mundial sobre a Muller na cal se aprobou a Declaración e Plataforma de Acción de Beijing que constitúe o plan máis progresista xamais realizado para promover os dereitos non só das mulleres senón tamén das nenas. A Declaración de Beijing é a primeira en chamar especificamente aos dereitos das nenas.

Aínda que podemos celebrar logros acadados dende a aprobación da Convención sobre os Dereitos do Neno en 1990 e coa Declaración de Beijing, moitos dos compromisos contraídos coas nenas están aínda por cumprir.

130 millóns de nenas seguen fóra das escolas en todo o mundo; 15 millóns de rapazas adolescentes de 15 a 19 anos víronse obrigadas a manter relacións sexuais; 140 millóns de nenas e mulleres sufriron a mutilación feminina; cada ano casan 12 millóns de nenas menores de 18 anos e o embarazo adolescente é a primeira causa de morte de nenas en países en desenvolvemento.

Na actualidade hai 1.100 millóns de nenas en todo o mundo e urxe cumprir os compromisos asumidos hai 25 anos. Reivindicamos un mundo en que cada nena e cada muller poidan gozar de todos os seus dereitos, por exemplo, vivir libres de violencia, asistir á escola e rematar os seus estudos, elixir cando e con quen casar e recibir unha remuneración equitativa por un traballo equitativo.

Constitúen un poderoso grupo que pode dar forma a un mundo sustentable e mellor para todas as persoas: millóns de nenas talentosas e creativas. Con todo, os seus soños e o seu potencial poden verse frustrados pola discriminación, a violencia e a falta de oportunidades.

O Goberno galego pretende visibilizar e concienciar sobre a situación que viven millóns de nenas de todo o mundo que, polo mero feito de seren nenas, sofren unha dobre discriminación por xénero e por idade e, tal e como recollen os Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable da Axenda 2030 adoptada por Nacións Unidas, concretamente o seu Obxectivo 5: Lograr a igualdade entre os xéneros e apoderar todas as mulleres e as nenas.

Deixemos que as nenas sexan nenas. Nenas, adolescentes e mulleres deben ter un papel crucial no desenvolvemento económico e social das próximas décadas. Como emprendedoras, innovadoras e iniciadoras de movementos globais, as nenas están a crear un mundo que é relevante para elas e as xeracións futuras.

Hoxe máis que nunca o Goberno galego apoia a participación das nenas nas decisións que afectan as súas vidas e que lles facilitan novas oportunidades de desenvolvemento en igualdade de condicións. E así reafirmamos o noso compromiso para seguir impulsando políticas que garantan os dereitos das nenas, co obxectivo de conseguir unha sociedade xusta, libre e igualitaria.

O Goberno galego manifesta ou seu apoio a todas as nenas, nomeadamente ás galegas, que inspiran, revolucionan e reivindican o seu poder como impulsoras do cambio.

As nenas forman parte dunha gran e vibrante xeración mundial preparada para asumir o futuro. Polo tanto, o seu progreso non só é bo para elas; tamén o é para as súas familias, as súas comunidades, as nacións e o mundo.

As nenas sempre cambiaron o mundo e esta xeración ha facelo aínda mellor.

(Declaración Institucional da Xunta de Galicia no Día Internacional da Nena)
Xunta de Galicia
Xunta de Galicia


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES