Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Destrución creativa e pandemia

viernes, 09 de octubre de 2020
Nalgunha colaboración, e con motivo de tratar sobre as innovacións das novas xeracións cando destrúen irreflexivamente os logros das que as precederon, e incluso aniquilan, a veces, os valores estéticos, froito, xeralmente, de brillantes capacidades artísticas, fixen alusión á destrución creativa de Schumpeter, e prometín abordar esta temática, que agora aproveito aquí para relacionala coa pandemia da covid-19. Creo que vale a pena de deterse un pouco nesta exposición, e así o vou facer, consciente das miñas limitacións nas disciplinas económicas.

Joseph Alois Schumpeter foi un destacado economista austro–estadounidense, que impartiu esta materia na Universidade de Harvard, na que orientou varios estudos mediante a análise do que denominou DESTRUCIÓN CREATIVA, que definiu como o proceso polo cal unha innovación cambia o MODELO DE NEGOCIO predominante dunha industria. Isto implica a transformación das técnicas de produción ou de comercialización, e incluso pode modificarse a mesma mercancía final.

A gran dificultade que eu, aos meus anos, vexo a tal recurso económico é que non se cumpra o obxectivo principal: DESTRUÍR ALGO PARA CREAR ALGO MELLOR. Substituír o inservible é completamente necesario e indiscutible; pero facelo sen sopesar as consecuencias de varrer o que aínda é aproveitable e ten unha razoable utilidade, para introducir unha innovación de consecuencias imprevisibles, abre o camiño aos grandes riscos, sobre todo se realmente se ve implicado o que coloquialmente se chama pan de cada día. Hai, neste caso, bastantes exemplos de negocios innovados por os herdeiros dos propietarios fundadores que acabaron, en pouco tempo, na ruína .

Non obstante, os que saben moito de todo isto, chegan incluso a afirmar que unha mesma quebra pode ter un lado positivo, e que son propias da dinámica do capitalismo. Non me atrevo a negar todo iso; pero creo que o razoamento non se leva con rigor dentro das canles delimitadas da categoría da dinámica económica que trato nesta colaboración. Pensemos que aquí xogan dous conceptos, DESTRUCIÓN e CREACIÓN, e que se destrúe para poder crear no lugar dos despoxos algo MELLOR, e non para levar o negocio á QUEBRA, abríndoo ás intervencións xudiciais. Aínda que tampouco hai que perder de vista que esta categoría económica soe extrapolarse a outros campos, e que aí os criterios de valoración tamén cambian.

Non obstante, segundo afirman os documentados estudosos da expresión sintagmática de Schumpeter, este recolleu a idea da teoría económica marxiana que se refire aos procesos enlazados de acumulación e ANIQUILACIÓN da RIQUEZA no capitalismo, aínda que non se deduce da tradución do alemán, pola súa sinxela literalidade ao español, e aquí ao galego, a posibilidade de introducir matizacións que o xustifiquen, ao respecto. En alemán, schöpferische Zerstörung tradúcese por DESTRUCIÓN CREATIVA, e aniquilación, ao alemán, por Vernichtung. Así de sinxelo.

Pero nestes casos sempre se encontran enlaces cun precedente algo análogo ó que levou a prestixiar ao autor presuntamente creador dunha certa orixinalidade. Así non falta quen encontre na obra de Darwin, a “Orixe das especies”, que este xa escribiu sobre a EXTINCIÓN DAS FORMAS ANTIGAS, que presenta como a consecuencia inevitable da aparición doutras novas, e soe traer aquí unha cita exemplar do mesmo Darwin na que afirma que a extinción dos dinosauros facilitou a adaptación dos mamíferos. Incluso se leva o enlace a algo moi anterior, ao deus Shiva, na India, que destrúe e crea ao mesmo tempo. E non podía quedar fora tampouco Nietzsche, co seu Dionisos como destrutor creativo.

Coas ideas fundamentais de todos estes antecedentes, calquera está xustificado para extrapolar a idea de Schumpeter ás actuais construcións de cemento e outras materias, como o chapapote das estradas, que destrúen a natureza para crear novos servizos públicos. En fin…, toda unha profusión de xenialidades!. Pero talvez, con estes conceptos elementais, xa podamos comprender que a destrución á que aquí se ven facendo referencia está moi lonxe de xustificar actitudes aparentemente aceptadas polo mero feito de que leven consigo beneficios a intereses singularizados, e que podan entrar en colisión con outros máis xerais e de matiz público. Por iso, non cabe vacilar en que é mester vincular o termo interese a unha escala de valores ben definida no ámbito global da Humanidade: Destruír grandes superficies da Selva Amazónica, por exemplo, apoiándose en que esta operación resulta creativa para unha empresa da madeira, ou para favorecer outros intereses de menor rango na escala de valores, en prexuízo das condicións climatolóxicas, debe ser rexeitado.

Así pois, tampouco está excluído considerar ata que punto a pandemia do coroavirus pode abrir horizontes de clara aplicación desta categoría económica que naceu cunha finalidade de mellorar perspectivas en negocios particulares e aquí esixe, ética e loxicamente, adaptala para dar resposta ao interese mundial de encontrar algúns medios eficaces (léase creativos) na extinción dese microorganismo patóxeno que ameaza a vida de moitas persoas, sobre todo envellecidas ou afectadas doutras patoloxías.

E, sen dúbida, a mesma sanidade terá que introducir novos procesos e formas de atender enfermos con certas doenzas, paliando os efectos do illamento, e desacougo debido a incerteza, que, conseguintemente, provocan non poucos danos, e xeran, nos seus familiares angustias e, incluso, molestos trastornos psicóticos. (Prescindir de – destruír – hábitos, ou decisións manifestamente equivocadas, introducindo outras adecuadas, comporta crear novas situacións, que as destruídas obstaculizaban).

A todo isto hai que engadir que os científicos que traballan ansiosamente nos laboratorios teñen que soportar que o acadado en moitas horas de traballo haxa que consideralo, total ou parcialmente, destruído, creando outro para substituílo, porque non cubre os obxectivos perseguidos. E non se descartan, tampouco, os comportamentos competitivos da política económica das grandes empresas farmacéuticas, impulsando a actividade no campo fármaco–cinético, para poder levar ao mercado, canto antes posible, os produtos cunha garantía na eficacia terapéutica, e, por suposto, na económica, con pingües ingresos.

Igualmente, a nivel social, poderían introducirse, forzando as extrapolacións, unha serie de cuestións de escasa importancia actual, pero que, incorporadas ás dinámicas sociais, poden adquirir relevancia. Por exemplo, hai que esperar que as persoas reaccionen dando á saúde o valor que lle corresponde, reducindo os ataques que grupos moi definidos da sociedade soen darlle: tal vez deberían introducirse cambios en certos negocios que, pese a que se presentan como lugares de ocio, adecuados para descansar doutras tarefas, non sempre responden a isto. Esperamos tamén, que certas formalidades da vida social como o abrazo, as visitas, etc., esperten sentimentos de boa convivencia e sincera amizade, e non se manteñan en meros parabéns protocolarios, evitando que estes hábitos se convertan en transmisores de patoloxías microbianas.

Por conseguinte, se as limitacións nestas prácticas habituais, e as restricións noutros ámbitos da convivencia, debidas a pandemia, introducidas como razoables coaccións externas, melloran os comportamentos cidadáns, a modificación destes hábitos pode encaixar no principio de Schumpeter, porque o que se destrúe encontra substitución nunha ideación creadora adecuada e mellorada, froito do eloxiable esforzo da cooperación das novas e das precedentes xeracións no campo da medicina.

Finalmente, así mesmo é de esperar algo que sería de indiscutible relevancia: cambiar os sentimentos de insolidariedade polos da entrega e solidariedade cos nosos semellantes; elixir para gobernar persoas dotadas de sentido común e criterios serios, con actitudes que favorezan as aperturas que favorezan a clarividencia, con vontade de entrega ao pobo, para que non se poida dubidar xamais se a vaidade e as intrigas dunha baixa política ousan substituír os obrigados obxectivos de cubrir as necesidades sanitarias dos cidadáns con oportunidade e presteza, e para evitar gravísimas consecuencias persoais e desprestixio do propio país. Aquí, polo tanto, xogan tamén os conceptos de destrución e creatividade, e, se o prefiren, de renovación de todo o que se evidencie ao pobo como de dubidosa eficacia, sen prexuízo do respecto a que podan ser acredores os cadros ideolóxicos, pero tamén sen escatimar a censura electoral a quen pretende utilizalos para solapar os complexos das propias incompetencias, desvirtuándoos. Tamén hai que destruír os gregarismos que conducen á irreflexión electoral: Creo que non deberíamos dubidar en cambiar os despoxos das caducidades materiais e algúns hábitos nas relacións sociais pola innovación creativa.
Rubal, Pedro
Rubal, Pedro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES