Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A poesía de Avelino Díaz en Debezos (26): 'Paisaxe' (1)

viernes, 09 de octubre de 2020
Ao ler este poema parece como se tomaramos un grolo ou una barafunda de vento dos recendos de Noriega Varela (2) "Dos toxos as tenues froliñas/ que sorrín, a medo, entre espiñas/" do poema "As froliñas dos toxos", ou
A poesía de Avelino Díaz en Debezos (26): 'Paisaxe' (1)
"É de prata a folerpiña,
de ouro vello a frol da xesta:
ben pode rumbar o monte,
señor de tanta riqueza"

ou incluso esta do poema "Leite fresco":...
"víanse fatos de ovellas
e tamén algunhas cabras,
depenicando a carqueixa"

e nós temos co mesmo tratamento do monte a Avelino en tres octavillas construídas con versos octosílabos e tetrasílabos, de rima asonante nos pares e quedando libres os impares.

A estrutura do poema sería tripartita con contidos diversos:

1ª OCTAVILLA - 2º OCTAVILLA - 3ª OCTAVILLA
Rima: 8-,8a,8-,8a/4-,8a,4-,8a (Nas tres)
Contidos: Paisaxe/Paxaros - Rapaza/Sol - Arumes/Dozura

Como vemos, a rima das tres octavillas é a mesma (-a-a-a-a) rimando os versos pares e quedando libres os impares: O número de sílabas tamén é o mesmo nas tres (8,8,8,8,4,8,4,8), mais o contido do poema é moi curioso e sorprendente. Nótase como o autor o traballou bastante antes de escribilo, facendo nun papel ou mentalmente o discorrer do poema nun esbozo que foi construíndo a partir duns presupostos predeterminados por seis palabras, e ademais, estes vocábulos tiñan que ser substantivos que foi colocando dunha maneira concibida cada catro versos. Se o poema son 24 versos, dunha maneira matemática, son 6 os significados base, comezando pola primeira palabra que aparece no texto, "Un Paisaxe"; logo, a primeira do verso cinco, "os paxaros"; despois, a primeira do verso nove, "unha rapaza"; logo, do verso trece, "o sol"; a seguinte, do verso dezasete, "arume"; e para finalizar, o verso vinte e un coa palabra "i-a dozura".

Como podemos apreciar, o termo corresponde sempre contando catro versos a partir do primeiro cun significado catriversal, é dicir, o significado de cada unha destas palabras vese ampliado nos catro versos seguintes. É máis, a primeira palabra de cada octavilla é un substantivo cun significado totémico de cada unha; na primeira é "paisaxe"; na segunda, "rapaza" e na terceira octavilla, "arume". Estes tres conceptos substantivos polo contido son o eixo do poema, pero logo aparecen uns significados secundarios na metade xusta de cada octavilla, e ese significado abrangue os catro últimos versos de cada unha comezando sempre no verso cinco de cada estrofa. Curioso!, na primeira, "paxaros"; na segunda, "sol" e na terceira, "dozura".

PRIMEIROS SIGNIFICADOS. (Primeira parte das octavillas)
Comprobemos a primeira octavilla que se desenvolve nunha paisaxe idílica, bucólica ou virxiliana:
"Un paisaxe verdecente,
árbres, toxos e fientos;
un fatado de ovelliñas
herbas e brotos pacendo"...

A palabra máis importante é "paisaxe", que o autor vai ampliando, como se fose unha acuarela con "árbres, toxos, fientos, ovelliñas, herbas" etc...
Na segunda octavilla ocorre o mesmo:
"Unha rapaza garrida
fía, na roca, unhos cerros
i-aloumiña un año branco
que veu bicarll-o mantelo"...

Tamén é a palabra máis importante "a rapaza", que nun óleo podemos ir pintando a escea cunha serie de atributos: "está fiando unhs cerros de liño e ao mesmo tempo aloumiñando un año branco que lle veu bicar o mantelo". Evidentemente que é un cadro de pintura realista e bucólica, pero neste caso é un cadro feito ao óleo, non nunha acuarela paisaxística como é a primeira.
Na terceira octavilla volvemos ao mesmo:

"Arume de xesta e uces,
de carpazas e codesos,
e choridas, sementadas
a feixes pol-o tarreo" ...

A verba máis importante é "arume", e neste caso este concepto non é visíbel, mais si se pode captar polo olfacto, porque esta octavilla, que é a última, ten esa particularidade, a de ser moito máis ideal que as dúas anteriores, máis invisíbel, como logo veremos.
Diciamos que "arume" era o significado "princex", que corresponde a "xestas, uces, carpazas e codesos".

SEGUNDOS SIGNIFICADOS (Segunda parte das octavillas)
Na primeira estrofa:
"Os paxaros
nas ponlas, cantando ledos
as cantigas
que leva o sereo vento".

A palabra de maior significado volve ser a primeira "paxaros" que nas pólas cantan trinos que leva o vento; para explicitar este significado xa non nos vale a pintura e temos que recorrir ao mundo da cinematografía para captar todas as sensacións.
Na segunda octavilla:
"O sol craro
baixa reito dend-o ceio
para espellarse
nas limpas augas do rego".

Tamén aquí é a palabra "sol" a máis importante, que baixa desde o ceo e reflíctese na auga dun rego. Estes conceptos pódense representar cunha fotografía a cores.
Mais se vemos a terceira octavilla, observaremos algo moi distinto e que xa apreciaramos na primeira parte:
"I-a dozura
d-este paisaxe galego
pon na ialma
paz e tranquío sosego".

A palabra principal é "dozura", nunha paisaxe nosa, e esta "dozura" dálle á alma a paz, a tranquilidade e o sosego que non podemos expresar por ningún outro medio de representación, nin pola acuarela, nin polo óleo, nin polo cine, nin pola fotografía, senón pola poesía, porque a poesía é a expresión do pensamento, do sentimento e da alma que non se pode reflectir a non ser mediante verbas adecuadas e entregadas aos lectores cun xeito especial para acadar os significados que, doutra maneira , serían imposibeis. A palabra segue sendo aínda a maior forma de expresión do ser humano e, de momento, non apareceu aínda un mecanismo superior, por ser o espello do pensamento e dos sentimentos; de aí que esta octavilla é a propia do "arume" e a "dozura", a da "paz" e do "sosego"; sentimentos da "poiesis" grega, da beleza (da palabra) con maiúsculas.

NOTAS:
1.- Opera cit. Páx,60
2.- NORIEGA VARELA, A.-Do Ermo.Ed. Galaxia, Vigo 1982. Páxs, 65, 121.
Otero Canto, Xosé
Otero Canto, Xosé


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES