Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Un polisón ferrolán en Montevideo

martes, 06 de octubre de 2020
Os anos de Vicente no cárcere de Ferrol dóenlle moito a Xosefa. Hai que marchar axiña para esquecer sete anos de longo sufrimento. Ten unha irmá en Montevideo que lles abre a porta para entrar na República Oriental do Uruguai. O seu único fillo, Paco, négase ao embarque xa que non quere deixar a moza que ten en Sada. No peirao, o sobriño Pepe move os brazos e berra que despois de facer o servizo militar vai facerlles unha visita a Montevideo. O barco vaise afastando. Vicente despídese da Marola sen dicir ningunha palabra pois a súa vella amiga de Oleiros sabe que non se volverán ver.

Uns meses despois, Pepe volve ao mesmo porto para despedir aos tíos de Miño que van camiño de Bos Aires. Non ten billete pero ninguén repara nel xa que pensan é fillo do matrimonio emigrante. Hai unha semana que vendeu a bicicleta e puido xuntar algo máis de mil pesetas que leva nunha saqueta de tea que coseu a súa nai por dentro do pantalón. Cando os tíos baixan a seu camarote quedan abraiados. Alí está o sobriño que moi sorrinte di que vai con eles ata Montevideo. Cando o barco faga a súa escala na capital uruguaia baixará coma un emigrante máis para apertarse a Xosefa e Vicente que estarán no peirao para recoller unha botella de coñac que envía Celia de Santa Mariña.

Hai que organizarse con xeito para que o polisón non sexa descuberto. Deciden que o mellor é que polo día estea no camarote e que pola noite suba a estiralas pernas na cuberta. A comida non foi problema. Os abondantes mareos fixeron que os tíos comesen só o primeiro prato polo que o segundo e a sobremesa ían para o sobriño. Unha noite que ía de paseo pola cuberta quedou petrificado diante dun membro da tripulación que o chama para que lle bote unha man coa pantalla do cine. A partir dese sobresalto, foi todas as noites a axudarlle coa proxección da película. Nunca pisou o comedor xa que supoñía que o número de comensais estaba contabilizado.

A terra uruguaia necesita de brazos honrados para empurrar e desde Galicia veñen centos de ilusións que achegarán o seu suor solidario na beira riopratense. O barco amarra perto dun edificio no que ondea unha bandeira con raias horizontais azuis e brancas e cun sol no seu ángulo superior esquerdo. O polisón sorrí. Sinte que o sol da bandeira afastará calquera escuridade que se lle poña diante no seu roteiro emigrante. A casa onde vive cos seus tíos está na rúa Cufré. Alí ten o seu pequeno espazo privado nun cuarto na azotea. Está moi perto da avenida Garibaldi e do cine Ateneo onde os sábados pola tarde a sesión é de tres películas. Non perde ningún filme dos seus actores preferidos: Burt Lancaster e Kirk Douglas.

O tío traballa na fundición de metais “Nervión” no barrio de La Teja e a tía coida de media ducia de galiñas que cría nun curruncho xa que unha boa tortilla faise con ovos caseiros. Os domingos ao mediodía, agás en dous meses escasos de inverno, xantan na azotea escoitando Glorias de España pois Sempre en Galicia hai varias horas que rematou. Cando Pepe Guillén, o locutor, anuncia un pasodobre hai que bailar coa tía xa que así o demanda a voz de Juanito Valderrama. Na tempada de pesca, a grella énchese de corvinas que morderon o anzol na desembocadura do río Santa Lucía.

Os domingos de verán vai ao baile a “Quinta” da Casa de Galicia e o resto do ano vai camiñando por xeneral Flores ata a rúa Aréchaga (unha empedrada paralela) para bailar no Sassi. Aínda que iste clube social foi fundado por emigrantes italianos sempre está cheo de galegos. Aquí coñece a unha emigrante que traballa de empregada doméstica nunha casa de Carrasco. Aproveita o seu día libre para vir a casa dos tíos que viven moi perto, a poucas “cuadras” do Sassi, en Propios case Carabelas.

Casan na igrexa do Cerrito de la Victoria. O padriño é o tío de Vimianzo e a madriña a tía de Miño que foi quen o acubillou na súa moi especial singradura de polisón. A noiva vai a cerimonia na “Fordson” do padriño que é da cor que en Montevideo lle chaman “verde inglés” e a festa ten lugar debaixo dunha gran parra de uva “frutilla” que se estendía pola fronte da casa. O que máis lembro da festa do casamento da miña curmá da Valiña é o sabor dunhas moi saborosas “pildoritas” que non sei se eran de “Cattivelli” ou de “Ottonello”.
Suárez Suárez, Manuel
Suárez Suárez, Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES