Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Pregón do San Froilán 2020

domingo, 04 de octubre de 2020
Pregn do San Froiln 2020 Excma. Alcaldesa, concelleiros, autoridades,veciños, familiares, amigos, e oíntes na distancia: boa tarde.

Cumprimos co costume. Convocados polo Concello, cada 4 de outubro, ábrese o balcón do Consistorio para dar lectura ao pregón que anuncia as festas do Patrón, San Froilán.

Hoxe “recluímonos” no Salón de Plenos, e adiantamos a hora para cumplir coas normas dictadas polas autoridades sanitarias como prevención contra o covid-19. Dixen festas, este ano quedarán en celebración.

Disculpade a miña ousadía ao acudir a esta tribuna tan esplendidamente ocupada por anteriores pregoeiros, posuidores do don da palabra.

Grazas polos dons que tan xenerosamente me outorgades ao invitarme a ser pregoeira. Descoñezo os méritos cos que me adornastes para concederme tal honra.

Grazas, tamén, a cantas persoas me acompañaron nos meus traballos para facer camiño.

O meu Lugo

Segundo os meus recordos da nenez Lugo estaba moi lonxe, por distancia e por tempo. Viviamos en Barcelona e cada verán viñamos a Galicia.

Viaxabamos en tren. Case que dous días, con transbordo e noite de fonda por medio. Viaxes de fume, carbonilla, vagóns ateigados e merenda copiosa, compartida moitas veces con soldados famentos. Historia común a moitos
galegos.

Teño para mín que tomei contacto con Lugo no ano 1959. Viñen ao San Froilán. Recordo as barracas en Quiroga Ballesteros e Santo Domingo, o teatro ou algo similar, na Praza da Soedade, a feira do gando e as mesas protexidas por toldos para comer o “pulpo” no Campo da Feira, hoxe arredores da Estación de Autobuses. Recordo ler en El Progreso o “Pelúdez” que firmaba “Trapacero”, pseudónimo de José Trapero Pardo. Daquela era unha parella formada por Pelúdez e Filomena que viñan da aldea e comentaban ao xornalista a actualidade con certa retranca e alguna crítica.

Co tempo nacería o Peludeciño que casaría coa Vanesa. Agora teñen un grupo escultórico na Praza da Constitución e andan os catro de ruada por Lugo en todas as festas do San Froilán. Igual aparecen por aí en calquera momento. Desde 1908 é páxina que se mantén no xornal cada ano, nos últimos coa firma de Xosé de Cora Paradela.

Tamén lembro as verbenas. Nunha delas unha curmá dixo: “ese que vai aí é Carlos Losada Aizpitarte, un locutor de Radio Lugo”. Sentín un lóstrego!

Pasou por Santo Domingo á Rúa da Raíña ata o templete da Praza Maior. Ía presentar un acto. Un locutor! eu quería ser locutora. Quen me ía dicir que tres anos máis tarde sería quen me ensinase a acender a emisora, a manexar a mesa de control e outros traballos en Radio Lugo.

Cada un de nós ten e conta o seu Lugo (eis o dito “cada un conta a feira segundo lle vaia nela”). Se comparamos seguro que atopamos puntos de coincidencia. O meu Lugo parte do verán do ano 1962 no que empecei a traballar de locutora en Radio Lugo.

Era a única emisora de Lugo, emitía en Onda Media co indicativo de Radio Lugo EAJ-68, de 10:00 a 18:00 e de 20:00 a 24:00 horas. Máis adiante pasaría a emitir as 24 horas. Tiña os equipos emisores e os estudios no quinto piso do número 5 da Praza de Ángel Fernández Gómez (a chamada casa de Antón de Marcos) e terminaba de asociarse á Cadena SER. En 1981 cambiou o domicilio ás Galerías Villamor, na Praza de Santo Domingo. Á OM sumouse a FM.

En 1967 abre Radio Popular de Lugo. Tempo despois RNE, hoxeRadio 5. Máis tarde coa chegada da FM e a concesión de novas licencias ampliaríase o dial de Lugo. Radio Galega, Onda Cero, Radio Voz e as musicais Los 40 Principales, Cadena Dial, Cadena Cien… igual queda algunha.

El Progreso era o único xornal con sede na Rúa do Progreso. Hoxe ten a redacción e administración na rúa Ribadeo e os talleres no Ceao.

En 1966 abre delegación en Lugo La Voz de Galicia. Varios xornais nacionais e galegos tiñan correspondentes en Lugo.

No capítulo de Medios de comunicación non podemos deixar de facer referencia a Televisión Lugo que empeza a emitir precisamente con motivo das festas de San Froilán en 1994, a xeito de ensaio, para fixar logo a programación diaria de seis da tarde a doce da noite. Unha aventura que afrontan Xulio Xiz Ramil e Carlos Rodríguez Arias. Máis adiante El Progreso abre Lugovisión, pasado un tempo absorbe á primeira canle, e pasa a chamarse Telelugo. Despois de estar vencellada a Localia TV e outros avatares botou o peche o 30 de xuño de 2017. Si, houbo un tempo en que Lugo contaba con dúas canles de televisión privada e moitos televidentes.

O Lugo que atopei era chuvioso, neboento e gris. Conta Mª Xosé Queizán no seu libro “A Orella no buraco” que 1962 foi o máis chuvioso do que ía de século. Sábeo ben porque nese ano tamén ela chegou a Lugo para exercer de profesora no Colexio Fingoi.

Percibía a muralla moi negra, en contraste co sol e a luminosidade da muralla de Ávila, onde eu vivira 14 anos. Estaba mal visto subir a partir do anoitecer.

Na ronda circulábase nos dous sentidos e as carreiras de motos do San Froilán tiñan nela o seu circuito. Contaron cun importante número de participantes e espectadores. Agora “andamos a voltas” para peonalizar parte dela.

Noutro momento vimos espir a Muralla na “Operación Muralla Limpa” pola que se librou o paramento exterior de canta casa adosada había (1971) e vimos cubrila de libros no ano 2000, na operación Cúmulum, de Luz Darriba.

Algúns límites de Lugo estaban en José Viador, hoxe Salvador de Madariaga,
na Residencia Sanitaria, despois Materno-Infantil. Nas Casas Sindicais de Domingo Tallo. Para ir de Domingo Tallo ao Cine Paz había que saltar un portelo e atravesar unha leira.

En Ramón Ferreiro instalábase a praza de touros, vencellada ao nome de El Pinturero, un toureiro-paracaidista de Lugo que foi morrer, nunha das súas
actuacións, a Cartagena de Indias, Colombia.

Os cines, espacios para o ocio nos que era difícil ver una película de estrea. Central Cinema, Cine España, Kursal, Paz, Victoria, Gran Teatro, foron pechados para construir vivendas.

Soubemos do cine de autor coas películas do Valle-Inclán, que continúan, e do Cineclube Marcos da Portela, en Peritos.

Cada setembro agardamos A Semana Internacional de Cine de Autor de Fonmiñá. Este ano en novembro.

Morto o Gran Teatro veu o alivio do Auditorio Gustavo Freire. Moito frío temos pasado!.Cántas veces levamos unha manta! Son cousas que pasan en Lugo.

Tiñamos o privilexio de contar con Fusalba e os seus centos de libros de vello, na Rúa da Raíña.

Paseabamos pola Rúa da Raíña, Praza Maior, Parque Rosalía de Castro, A Tolda…

Un regalo: o Caneiro das Illas para pasar as tardes do verán tomando o sol e nadando na piscina natural do río delimitada pola Fábrica da luz.

Manifestámonos en contra da área comercial ás beiras do Miño, polo Gran Teatro, polo Prestige, en contra da guerra de Irak. Perdemos moitas batallas.
Comprabamos os vinilos en Bazar Radio Meilán, Radio Record, Bazar Quico e Radio Labra. Pechadas as catro,Tuset e Don Disco.

El Tren de la Alegría, organizado por Radio Lugo, levaba no verán a centos de socios á praia. Para a celebración do cincuenta aniversario da fundación da emisora, en 1985, organizouse unha viaxe a Cuba. En tres días esgotáronse as prazas e houbo que montar unha segunda expedición. En anos sucesivos París, Punta del Este e Río de Janeiro, Marrocos e Estambul e A Capadocia. Preámbulo das viaxes que hoxe organizan asociacións e institucións varias da nosa cidade.

Escoitabamos á Banda Municipal de Música, dirixida polo Maestro Méndez, despois por Indalecio Fernández Groba e por Rosendo Ivorra. Concertos de música clásica programados por Caixa Galicia, Semana de Música do Corpus, hoxe Festival de Música Cidade de Lugo.

Seguimos a escoitar os concertos da Sociedad Filarmónica de Lugo -que ven de 1947- no Salón Rexio do Círculo das Artes.

No mesmo salón asistimos ás primeiras representacións de obras do novo teatro galego. E a un concerto memorable de Voces Ceibes.

Cita, cada novembro, co “Festival de Jazz” de Escobijazz.

Íamos a conferencias organizadas polo Valle-Inclán no Círculo, Escola de Comercio, Banco Bilbao, Caixa Galicia, a salón cheo.

En 1963 institúese o día das Letras Galegas.
Salientable número de escritores lucenses na nosalingua.
Asistimos a máis dun recital dos nosos poetas.

O 17 de maio de 1967, o Valle-Inclán promove a celebración da primeira misa en galego (epístola, evanxeo e homilía, únicas concesións da xerarquía eclesiástica naquel tempo).

Vimos nacer a Fuxan os Ventos, O Carro, Brath, Doa, Taranis, A Quenlla.
Vimos nacer tamén ao Breogán e partidos co Real Madrid, o Estudiantes, o Aismalibar… Fomos fans de Luyk, Emiliano, Buscató…

Soubemos de piragüismo polo Club Fluvial e Chilares, Pedro Cuesta e
Ramos Misioné.

O Clavi fíxonos saír de noite. Pippers, Iguazú –e os bailes de disfraces de
antroido- Exágono…

O Monterrei, o Verruga, O Portón do Recanto, O Ferreirós, O Neno, O Calvo para confraternizar botando un grolo.

Cando tivemos coche facíamos pequenas escapadas a Portomarín, Rozas, Lagos de Teixeiro, Meira, Sarria, Vilalba… No verán ás praias da Mariña luguesa, a Pontedeume, Sada…

Asistiamos aos cursos de mecánica do automóbil que organizaba a Sección Femenina e impartía o Sr. Rivas, xefe de talleres do Garaxe Villares.

Vimos a desaparición de edificios emblemáticos, o peche de empresas, o
nacemento de O Ceao.
Peonización de rúas, aparcamentos soterrados, protestas. Escavacións, os novos achados vencelláronnos ao mundo romano.

Finalmente premio! A Muralla Patrimonio da Humanidade. Tamén o Camiño Primitivo e a Catedral. Máis visitantes.

Son precedentes para que a cidade siga viva. Igual temos que engadir “daquela maneira”. Un Lugo con máis casas, máis rúas e máis habitantes. Con máis coches. Menos aparcamentos. Máis centros de ensino, o Campus da USC, o Conservatorio. Máis parroquias. Menos curas. Centros comerciais. Máis franquicias. Máis bares, tascas, restaurantes, mesóns e cafeterías. Sigue en pé “E para comer, Lugo”.

Parece que todo cambia e, como di a canción, todo queda.

Ao San Froilán naceulle un irmán que sigue medrando, o Arde Lucus, xa case que adulto.

O novo auditorio aínda non é.

Belas artes e en escena: máxia, danza, teatro… (Recén derrubado o Gran Teatro, Achádego co Valle-Inclán e a colaboración da Concellalía de Cultura do Concello organizou a 1ª Mostra de Teatro Clásico. Ao saír da primeira función, no Auditorio Gustavo Freire, todos os coches tiñan un folio no parabrisas que dicía: “Como se poder facer teatro nunha cidade sen teatro?”. Pois eso, cómo se pode facer un pregón de festas sen festas?

As festas

Debían ter a súa importancia cando, no ano 1754, Fernado VI concede o privilexio real para as Feiras de San Froilán e Lugo é considerada a capital agraria máis importante de Galicia á que acudían non só xentes do arredor senón tamén de Castela, León, Asturias e outros lugares a leguas de distancia.

No século XX recibirá novos apoios ao ser declarado o San Froilán polo Consello da Xunta de 11 de febreiro do ano 2000 Festa de Galicia de Interés Turístico e tamén declarado polo Goberno de España, no ano 2006, Festas de Interés Turístico Nacional.

Desde aquel 1754 ata hoxe as feiras pasaron a feiras e festas para converterse no que hoxe son as Festas do San Froilán, que disfrutan cada ano lucenses e xentes vindas a Lugo de toda a península.

Pregón do San Froilán 2020Festas? Semana cultural? dicíamos hai tempo “chámalle X”. O caso é que desde hoxe e ata o día 12 en seis prazas de barrios de Lugo celebrarase cada día un concerto e os festivos e vísperas dous. Os concertos gratuítos son número forte cada ano nas nosas festas patronáis. Este será o “número”.

Artistas consagrados, artistas de sona e aspirantes a sona nun programa que nos achegará á cultura musical de Galicia.

O patio do Seminario Menor será escenario do San Froilán Miúdo con música, máxia, circo e teatro.

Adolfo de Abel Vilela asina un novo libro da colección “O San Froilán dos devanceiros”, “A Exposición Rexional de 1896” no que narra que a Exposición se inaugurou o día 30 de agosto e se clausurou o día 8 de outubro. Houbo festas desde o 26 de agosto. Edita o Concello, e van xa 17 títulos.

A Asociación de escritoras e escritores en lingua galega organiza“A Letra das Festas”.

Mónica Alonso, artista plástica, fará a tradicional ofrenda a Rosalía de Castro o día 12 no Parque.

E que non falte o “pulpo”. Caldeiros na rúa! Igual recordamos este 2020 como “O San Froilán dos caldeiros”.

Máscaras, distancia, lavado de mans e cumplir coas normas establecidas en cada acto é o único que se esixe para este San Froilán.Protexámonos e disfrutémolo.

O Patrón

Non hai festa sen patrón, o de Lugo San Froilán. Achegarse á vida de quen naceu en 833 terá certezas, medias verdades e lendas. Nacido en Lugo, eremita, predicador, fundador de cenobios, Bispo de León. Os seus restos repousan nunha arca no Altar Maior da Catedral de León. Hai restos espallados por outros mosteiros.

A Catedral de Lugo garda un relicario prateado en forma de brazo, que contén unha tibia de San Froilán. Chegou a nós por unha petición que o Cabido de Lugo fixo ao Papa, no ano 1614, para traer un resto desde o mosteiro de Moreruela. Nunha capela da Catedral venérase a imaxe do santo, tallada en madeira por Francisco Moure. Na cabeceira hai un sepulcro que se cre contén o corpo da súa nai, Santa Froila.

Imos pechando. Que San Froilán interceda:

Pola conservación das nosas tradicións. Pola pervivencia da nosa cultura. Pola transmisión da nosa fala. Pola defensa do noso Patrimonio. Pola paz e pola xustiza. Pola boa gobernanza. Pola boa veciñanza. Polo achado do remedio que erradique esta pandemia. Pola saúde. Por una sanidade pública sen recortes. Pola recuperación da nosa economía. Polo traballo para todos. Pola defensa do planeta Terra. Pola esperanza dunha vida mellor. Polo Cuartel de San Fernando-Museo da Romanización de Galicia. Por un Lugo habitable e habitado.

Longa vida a todos e que San Froilán tarde en darnos pousada aló enriba, no seu Camposanto.

De orde da Sra. Alcaldesa iniciase o San Froilán 2020.

(Pregón do San Froilán 2020, da radiofonista e activista cultural Tonina Gay, lido no Concello de Lugo o 4 de outubro de 2020, ás12:30 horas)
Gay Parga, Tonina
Gay Parga, Tonina


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES