Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Maruxa Seoane

miércoles, 07 de octubre de 2020
Maruxa Seoane A exposición Maruxa Seoane. Achegamento a Mª Elvira Fernández López, comisariada polo artista e profesor de arte Juan de la Colina, ofrécenos a ocasión para coñecer algo máis desta muller e do seu inseparable compañeiro, Luís Seoane.

As mulleres, ás veces (ou máis ben, moitas veces) pasan desapercibidas nun mundo deseñado por homes, e máis cando están ao lado dunha persoa moi destacable. Pásalles tamén a outros que andan preto, de forma que poderiamos pensar que esas árbores non deixan medrar nada baixo o seu influxo, pero seriamos inxustas se o tomaramos ao pé da letra, porque seguramente o que sucede é que esas persoas fan que as outras poidan medrar, abrirse a mundos aos que non terían acceso e colaborar con causas que tamén as realizan.

Maruxa pasou con Seoane case toda a súa vida, coñecéronse de pequenos (pois eran curmáns) e xa non se separaron; acompañouno ao exilio e volveu con el. Estivo en todas as súas empresas, “"evando a contabilidade, a axenda do artista, exercendo de interlocutora con galerías, museos e coleccionistas, encargándose do mantemento de materiais, da montaxe dos lenzos de pequeno e mediano formato e da imprimación das teas, traballa como correctora de probas de todos os proxectos editoriais nos que intervén Luís pasando a ser a súa colaboradora imprescindible e participando activamente nalgunhas das iniciativas máis importantes de Seoane no seu labor de dinamizador da cultura galega no exilio, como a revista Galicia emigrante, editada no seu domicilio, á que contribúe con pequenos textos críticos e receitas de cociña, que tamén aparecerán na revista Correo literario".

Maruxa SeoaneO nome de Seoane vai ligado ao de Maruxa, igual que o de Ánxel Casal se acompaña do de María Miramontes, o de Dieste de Carmen Muñoz, o de Díaz Pardo de Carmen Arias ou o de Neira Vilas de Anisia Miranda. Son parellas que comparten vida e ideais, en tempos nos que lles era moito máis doado sobresaír a eles, pero nos que ademais eles levaban unha estrela na fronte ou unha misión que cumprir e elas compartírona, ou foron alternando mundos e ámbitos, pois ninguén pode negar que a muller de Dieste asume o posto de inspectora de educación á volta do exilio ou que a de Neira Vilas tiña postos de moita responsabilidade en Cuba que abandona para acompañalo de volta á casa porque como ela dicía... tamén el o fixera nos anos cubanos. Ningunha destas mulleres é un adorno (dos que poden acompañar a algún nóbel para vergonza do premio) senón que teñen unha vida propia ao lado deles e non desaparecen a pesar de estar ao par de estrelas fulgurantes.

Agora queriámonos centrar en Maruxa e Juan de la Colina, o artífice da exposición, do libro e do documental arredor desta muller. En canto á mostra, agradecín moito, ese ir e vir do transcendente ao cotián, como ver a carta que o irmán de Maruxa lle dirixe antes de ser fusilado nos meses seguintes ao golpe de estado (un recordatorio da memoria histórica que nos arrebataron e só vai reaparecendo aos poucos) ao lado dunha lista de regalos de voda bastante heterodoxa, a recreación da vivenda con gravados, debuxos e fotografías do seu entorno ou pezas dedicadas ou inspiradas nela.

El, quere deterse especialmente no papel de Maruxa despois da morte de Seoane en 1979, cando toma "o empeño de reagrupar física e conceptualmente todo o legado de Seoane, reconstruíndo á persoa conxuntamente coa súa obra" así como crear unha fundación que recollera a produción e posibilitara os estudos arredor do artista.É ela quen toma decisións acerca do que se doa e a que museos, o que se trae dende América para Galicia e como se distribúe; é ela quen se fai omnipresente nas Letras Galegas de 1994 en homenaxe a Seoane e quen coa súa discreción e bo facer achega a tenrura, experiencia, coñecemento e dignidade cando se fai preciso.

Eu pasei a saudala unha tarde de domingo, quería ter un pequeno gravado e alguén me comentou que ela podía vendelo, pensei que non había mellor fonte e alí me dirixín. Recibiume na súa casa, chovía, ensinounos a obra e, de paso, percorremos a vida colgada nas fotos das paredes. Podía emocionarnos estar con ela que cargaba a sabedoría que dá unha existencia plena de encontros co máis escollido da humanidade en canto valores, aqueles que formaron a universidade galega en Bos Aires, todos os exiliados e exiliadas que eran os mellor formados e os máis conscientes. Si, pero tamén nos conmovían as cartas, os debuxos, as creacións daqueles que eu coñecía por ter vivido máis alá do Atlántico como Lam ou Matta, reencontrar aos referentes como Cortázar... estaban todos alí; naquela casa, ías atopándoos como saíndoche ao paso para lembrarche que ti tamén estabas dividida por un océano e por unhas vagas culturais que nos atravesaran o corpo aberto.Se digo que chorei -disimulando como puiden- seguramente non se me entenda, pero si, ela e a casa turbáronme ata límites insospeitados. Cando saín de alí, esquecera o paraugas pero non quixen volver a buscalo, non quería que aquela muller que semellaba maior e débil puidera correr un mínimo risco abrindo, de novo, a porta da súa casa a alguén que non coñecía. Como a nena que algunha vez fóra, eu quería coidar dos adultos porque eles precísano máis.

Funme sen paraugas e coa dor de ter escoitado o que non necesitaba. A ela gustaríalle estar xa do outro lado, con el, acompañándoo como sempre fixera, pero tiña que agardar e ver construída a fundación porque ese era o seu cometido.

Eu non quixen dicirlle o que sabía, o que me fora ensinado en todos os anos de militancia ideolóxica (que non partidista) que me permitían analizar as realidades políticas. Ía ser moi difícil, unha empresa digna de Hércules, porque os responsables políticos non crían no país, na súa cultura nin nos seus creadores, non eran capaces de imaxinar o mundo que eles crearan e do que viñan, estaban nun non lugar para ao galeguismo e os proxectos de Seoane ou Díaz Pardo. E a profecía cumpriuse, cansouse de agardar e tivo que morrer sen ver, e case mellor que asistir a ter a fundación nun local ao paso e posteriormente ver como se inauguraba cunha exposición sobre o castro de Elviña pois o concello aproveitou o edificio para mostrar o que acababan de escavar.

E aínda hoxe non damos visto que a Fundación colla o camiño que tiña marcado, seguimos a velos organizando mostras que pouco achegan a Seoane e o seu tempo, máis ben, un aproveitar o espazo para facer o que apetece a quen pode. Incluso a lea na dirección fala diso, de como os intereses persoais poden sobre os colectivos e sobre todo, sobre os que corresponderían a tan fermosa causa. Ogallá atope o seu lugar, ogallá poda ser esa utopía recreada que nos traia a que eles puxeron en pé, eles sós, coas súas mans, alá e aquí, no aquén e no alén.

Hai que recuperar a Maruxa e a todas as mulleres que se atopan na sombra, sacándoas á parte iluminada, para que elas tamén conten. Ademais, hai que lembrar eses amores compañeiros, de dous dispostos a atravesar continentes e séculos para permanecer xuntos mirando cara a utopía que comparten.
Sampedro, Pilar
Sampedro, Pilar


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES