Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Alfonso Costa de paso por Compostela

viernes, 02 de octubre de 2020
Alfonso Costa de paso por Compostela Dentro do tempo, a súa última mostra en Fonseca, reúne obras realizadas na última década.

O comisariado da mesma recaeu en alumnado do Máster Interuniversitario en Xestión do Patrimonio Artístico e Arquitectónico, Museos e Mercado da Arte.

Realmente, esta colaboración entre o artista e a USC ten un novo cariz ao substituír o comisariado externo non só por un propio da propia universidade (como podería ser un profesor ou profesora de historia da arte) senón por alumnado dun mestrado que o realiza como prácticas. Unha colaboración ben interesante e que pode abrir novos camiños.

Segundo se conta, o artista, partindo do impacto causado polo desastre de Fukushima (cando un terremoto e un tsunami provocaron un accidente nuclear que liberou abundante radioactividade) busca o centro da esencia para facerse as preguntas fundamentais, aquelas que nos sitúan no principio e no final dos tempos. Regresa, o artista, a ese punto de luz que atravesa as sombras, a modo de camiño construído coas pegadas da humanidade que se vai perdendo. A tensión entre a claridade e a escuridade é a mesma que se crea entre o natural e o artificial, o ben e o mal, nun desacougo que nos leva ós interrogantes que remitimos, finalmente, ás matemáticas. Ese cero que é a ausencia absoluta, ese un que é unidade completa, ese par de dous parella que dá lugar a nova vida...

A mostra está dividida en dúas partes que ocupan o par de salas. “A luz na sombra” no que pretende restablecer a orde dentro do caos cotián, coa reflexión que comparte con nós a través das pezas. Unha obra que vai dende a noite perpetua ao día. Unhas mans, as súas, recíbennos para conducirnos polo camiño de sombras; coa xeometría a modo de fío de Ariadna, vai achegando axuda, para que no profundo do pensamento, nos fagamos cargo do infinito e a nada.

"O tremor da consciencia" quere asociarse á conciencia dos humanos cando sucede algún desastre. Daquela, aparece a cor, os "ser – es" que se moven entre o prometeico que quere traer a luz e as mutacións que a sociedade creou na máis negra das sombras, que nos levan á caverna.

Obras de gran formato, coa xeometría e a figuración mesturándose ou metamorfoseándose; a sobriedade contida que busca a expresión dende o mínimo para falar de baleiro e carencia; cromatismos que se achegan ao gris para situarnos na penumbra que antecede ao caos, o azar xogando nos dados do universo, e a humanidade sabéndose á intemperie.

Despois da exposición, quedan resoando unha serie de imaxes: as que definen a mostra para cada unha de nós. No meu caso, os grises,porque me resultan máis novedosos na obra deste artista, ben traballados e cun certo brillo esperanzador. Uns cadros nos que o gris toma o lenzo para levarnos a unha nova etapa do artista, un pintor que acostuma xogar coas cores introducindo, tamén, os fortes vermellos que semellan berros. Neste caso, detémonos nesa mestura de negro e branco, nos grises que atopamos nas mans que nos acollen na entrada da sala ou os da serie que recibe o nome de infinita-mente, eses lazos sen principio nin final, envolvéndose a si mesmos, dentro do tempo.
Sampedro, Pilar
Sampedro, Pilar


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES