Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Palabras que sandan

jueves, 01 de octubre de 2020
A todas as persoas que dende o mundo sanitario
coidan de nós heroicamente.


Nas últimas semanas fíxose máis presente ca nunca nas nosas vidas o labor heroico de sanitarias e sanitarios. Os hospitais son campos de batalla onde se libra unha guerra sen cuartel contra o coronavirus e todas as persoas que por nós velan neles son as nosas mellores amazonas e espartanos, loitando en condicións ben duras contra un inimigo que a súa profesionalidade e xenerosidade vencerá, non me cabe ningunha dúbida.

O mundo da medicina e a figura da sandadora ou sandador formaron parte da literatura dende a noite dos tempos. Certamente, dende a Antigüidade son innúmeras as aparicións literarias desta temática e personaxes, aínda que, xaora, no pasado con outros nomes: druídas, meigas, físicos, esculapios, compostoras, galenos, menciñeiros…

A medicina moderna, tal como hoxe a entendemos, enraíza no século XIX. Dende aquela ata hoxe moitos grandes escritores exerceron ou se formaron como doutores: Keats, Chekov, Conan Doyle, Ibsen, Joyce, Brech, Cronin, Baroja, Celine, Maugham ou Martín Santos, por poñer só algúns exemplos que se me veñen agora á memoria.

Tan estreita ten sido esta relación medicina-literatura que hai obras clásicas que incorporan descricións ou pasaxes que se estudan nas facultades de Medicina como paradigma para mellor coñecer a percepción sintomatolóxica dalgunhas doenzas e fomentar a empatía dos profesionais da medicina cos enfermos. Así acontece, poño por caso, coa lectura do capítulo de Anna Karenina de Tolstoi que describe a morte por tuberculose do irmán do heroe da novela, Lëvin, un episodio baseado na morte do irmán do propio Tolstoi; ou A morte de Iván Ilyich, tamén de Tolstoi, que axuda aos estudantes a entender o que pasa polas mentes dos pacientes terminais e os seus familiares.

Mesmo ten ocorrido que a profesión médica e a plasmación dos seus saberes acabe contribuíndo a asentar un xénero literario. É o caso da novela detectivesca dun fundador como Conan Doyle, un excelente médico que puxo os seus dotes de observador forense e patolóxico ao servizo dunha narrativa que mudou a bata branca e o fonendoscopio pola gorra con viseira e a cachimba meditativa.

Déronse casos tamén de obras literarias que provocaron que a medicina do seu tempo avanzase e cambiase de rumbo. Pénsese, por exemplo, en A cidadela de A. J. Cronin, unha narración que describe con admirable transparencia a terrible realidade social e sanitaria que padecían os mineiros galeses de principios do pasado século. O impacto que causou a súa lectura foi tan grande que obrigou ao goberno do Reino Unido a crear os National Healt Services (NHS), a primeira organización gobernamental que ofreceu asistencia sanitaria á poboación.

Outro exemplo: John Le Carré publicou no 2001 O xardineiro fiel, unha novela que foi levada ao cinema no 2005 por Fernando Meirelles e que gozou de grande éxito. A historia relata as intrigas das multinacionais farmacéuticas que empregan as doenzas endémicas dos africanos como campo de probas para os seus experimentos. Pois ben, tan estarrecedora narración logrou remover as conciencias ata o punto de que na Declaración de Helsinqui, guía ética para a comunidade médica mundial, na súa revisión do 2013, acabou incorporándose un parágrafo para evitar que os feitos descritos na obra poidan afectar á poboación do terceiro mundo.

Capítulo á parte merecerían aquelas obras nas que o mundo médico e/ou hospitalario cobran protagonismo principal, autenticamente incontables. En centurias precedentes e na pasada, son celebérrimos os casos de Molière, moi crítico cos galenos en O enfermo imaxinario e, sobre todo, en O médico a paus; as patoloxías psiquiátricas que están na base de O estraño caso do doutor Jekyll e Mr. Hyde de Stevenson; O tío Vania de Chekov, que narra o día a día do doutor Ástrov; A montaña máxica de Thomas Mann, que ocorre toda ela nun sanatorio de montaña en Davos, Suíza; A árbore da ciencia de Baroja, delongada conversa entre o protagonista Andrés Hurtado e seu tío o doutor Iturrioz; a difícil vida de Pedro, o investigador sobre o cáncer protagonista de Tempo de silencio de Martín Santos; ou, por rematar cun par de exemplos máis recentes, o bestseller O médico de Noah Gordon, moi coñecido tras o seu paso pola gran pantalla, e Sobre os ríos que van, do portugués António Lobo Antunes, protagonizada por un tal António Antunes dende a cama dun hospital no que está recuperándose dun cáncer de colon, enfermidade que acababa de superar o propio escritor.

Escola de menciñeiros
A literatura sanda o espírito e a medicina os corpos, mais no caso da literatura galega tal parece que ambas as dúas foron decote de mans dadas. Poderían multiplicarse os exemplos, pero abondará agora con lembrar que Pondal foi médico e que tamén o foi Castelao, quen confesaba que cursara a carreira por amor a seu pai e non exercera por amor á Humanidade. E as dúas dedicacións son igualmente a cerna do médico poeta Manuel Leiras Pulpeiro e do narrador Manuel Reimóndez Portela, dos farmacéuticos Florentino López Cuevillas e Antón Vilar Ponte e do saber milenario do pobo sandador recolleito en Escola de menciñeiros e noutros relatos de Cunqueiro.
Requeixo, Armando
Requeixo, Armando


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES