Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Labregos 2008

lunes, 05 de mayo de 2008
Andan, cando escribo esta crónica, os labregos revolucionados por Galicia adiante. E eso que temos fama os galegos de xente pacífica, de aturar todo o que nos boten por riba, de dicir que chove aínda que non sexa auga o que nos cae. Pois aínda así.

Non direi eu que os labregos -e gandeiros, que é o mesmo- non teñan razón nos seus plantexamentos iniciais, que sempre foron damnificados nos tratos que recibiron, fose dos políticos, dos concellos ou das empresas leiteiras, que sempre foron conscientes da súa forza case monopolísitica frente a uns proveedores desunidos, temerosos, ignorantes da súa forza.

Pero a razón remata cando se emprega a razón da forza; daquela pérdese a forza da razón.

Cansos de quen sabe cantas agresións morais, xa van varias veces que centos de labregos entran pola forza nunha industria leiteira, arrasando co que atopan sen que as forzas de orde pública, por numerosas que resulten, sexan quen de poñer coto a estes desmáns.

Os sindicatos non se pronuncian moi claramente, pero sempre hai excepcións como a do dirixente -Secretario xeral de Unións Agrarias- que ousou dicir que “nas protestas algúns dos gandeiros só destrúen o que lles rouban pola mañá”.

Non é o mellor xeito de conter os desmáns de quen sinte que non ten moito que perder, que toma a xustiza pola man, e ó que é difícil conter despois de permitir que se desmande.

Aqueles vellos tractores
Tiñamos xa moi lonxe aquela invasión de hai dúas décadas cando os tractores que en principio naceron para arar a terra sustituíndo a forza dunha parella de bois con grande ventaxa, invadiron as cidades de Galicia.

En Lugo, a operación militar puidera ser organizada por calquera aprendiz de estratega porque ó ser unha cidade amurallada con dez portas para entrar ou sair da cidade antiga non facían falla máis que dúas ducias de tractores para colapsar a cidade. Pero non foron dúas ducias senón moitos centos os que viñeron tomar a cidade, para a que nunca os romanos cavilaron unha situación igual.

Para deter o tráfico en Lugo e colapsar a cidade non hai máis que situar unha fileira de tractores na Ronda da Muralla e facela circular lentamente hasta que a cabeceira atopa a súa mesma cola. E logo parar e quedarse ahí. Non hai forza humana que libere á cidade da invasión, porque se hai tractores abondos, polas rúas de acceso hacia o centro fileiras de vehículos van formando atranco, e os coches que quedan no medio están condenados a quietude absoluta ata o momento en que se decida romper o certo.

Nesta invasión de tractores que recordo, o meu coche quedou entre dous vehículos labregos á altura do antigo Restaurante Viveiro, e eu que levaba comigo un magnetoscopio dos antigos tiven que facer longa peregrinaxe pola cidade co valioso aparato que non podía deixar abandoado como deixei o automóbil durante moitas horas.

Están ben estas demostracións de forza que nunca antes os labregos fixeran, se exceptuamos as loitas irmandiñas nas que eran labregos os que loitaban e morrían pero eran señores os que mandaban ós labregos contra outros señores.

Están ben estas demostracións de forza que, seguro, están sempre cargadas de razón. E posiblemente non sexan moi difíciles de organizar porque de paso que se van cargando de razón, tamén os labregos –e os que aturan, en xeral, sexan labregos ou non- se van cargando de xenreira polo que lles fan, e de cando en vez están dispostos a sair na defensa dos seus intereses magoados por tantos e por tantas causas.

Pero se non son difíciles de organizar, si son difíciles de conter, porque fai falla disciplina militar para saber ata donde e ata cando se loita por unha idea ou por uns dereitos, e cando hai que parar de loitar para falar, ou para retirarse ós cuarteis de inverno para seguir preparando pacificamente unha loita que resulte rendible, que todos comprendan e que todos aproben.

Porque do mesmo xeito que é doado lanzar ós catro ventos a consigna de invadir as cidades coas ferreas masas dos tractores, ou de manifestarse diante das emprezas recolledoras e transformadores do leite, é difícil parar logo ós que se senten donos da situación parando o tráfico, invadindo rúas, ou rachando propiedade privada aínda que sexa do seu maior e presunto inimigo.

Aquelo dos tractores fora unha festa. Porque unha vez parado o tráfico, coa cidade colapsada, case á hora de xantar, cada quen buscou xeitoso acomodo e sabido é que Lugo é cidade de bo comer e de bo beber, e ninguén ou case ninguén se sustrae á tentación dun xantar amigable nesta terra.

Se o corte de tráfico fora nun cruce de camiños da Terra Chá, na Legua Longa ou na estrada do Caxado, entre As Pontes e Ortigueira, o corte sería simbólico. Pero cando os cabaleiros tractoristas conquistaron Lugo lembraron posiblemente que a cidade nunca fóra conquistada tan axiña nin tan doado, e en lugar da Pascua Triste que a cidade viviu hai moitos séculos, fixeron festa victoriosa sobre o tráfico, a policía e as normas de circulación e tiveron por súa durante unhas horas á que foi cidade forte dos romanos e mereceu a honra de levar o sobrenome de Augusta.

Pascua de 2008
Mudaron os tempos para os nosos labregos. Antes era traballar de sol a sol, producir para fora os mellores produtos da terra e da casa, ir vendelos a feiras tradicionais onde o comprador impoñía precios e calendarios, e volver para a casa levando en cambio míseros productos utilitarios que garantían a pervivencia dunha situación de autoconsumo.

En medio século cambiou a cara dos labregos e a cara da terra. A emigración fixo milagros abrindo camiños, traballos e conciencias. O que se foi, volveu con medios. O que quedou, aprendeu do que se foi. E se as terras se despoboaron en beneficio dos pobos e cidades, comerciais ou industriais, os que quedaron no campo aprenderon a traballar cun norte, a investir e amortizar, a mecanizarse e camiñar.

Hoxe en Galicia non se pode falar de aldea e cidade como sinónimos de atraso e progreso, senón que a cousa é moito máis complexa, e hai cidades con arrabaldos miserentos e hai aldeas con todos os adiantos destes tempos. E se algún desfase hai é que para moitos lugares, aldeas ou territorios, o progreso chegou un pouco tarde. E hoxe hai asfalto, enerxía, teléfono… en lugares que a xente abandonou tempo atrás porque non vía posibilidade de mellora inmediata.

Non hai moito tempo que se comentaba que o mellor negocio no campo era poñer unha granxa de vellos porque todos cobraban “paga” e gastaban pouco porque non estaban afeitos. E o primeiro que compraban, despois de aforrar relixiosamente con ese fin, era un coche para o neto, de xeito que a mecanización no campo non parou nos artiluxios de labor senón que os automóbiles eran tan abundantes como no urbano.

Hoxe os labregos dependen do precio do gando para consumo pero en moita maior medida do precio a que lle pagan o leite, despois de telos convencido que é o traballo máis rendible, e que Galicia está especialmente preparada para que as explotacións se dediquen á producción leiteira.

E cando o precio do leite nas grandes superficies ou nos supermercados está ó mesmo nivel que a gasolina, veñen as empresas leiteiras a recortar uns céntimos que son vitais para os labregos, e estes non están polo labor.

Non están polo labor porque non hai pacto previo, non hai lista de precios, non hai contrato, e as empresas son as que fixan día a día, recolla a recolla, o precio. E os labregos entéranse cando lles chega a factura mensual de a como lle pagaron o froito das súas vacas e do seu traballo. Previsións para futuro, cero.

Xúntase a esto o mal tempo. O tempo anormalmente bo, que resta auga ás explotacións, e fai que se calcule en máis de cen millóns de euros (122, concretamente) as perdas do sector por falta de choiva nos últimos dous anos.

Arrebátanse os labregos seguindo as directrices dos sindicatos, e maniféstanse. E algúns desmándanse. Xa dixen que é difícil conter unha masa, que se sabe en posesión da razón, cando hai polo medio algún “incendiario”.

As baixas no precio que se lles paga é mínima, só uns céntimos, pero veñen significar arredor de 1.000 euros por explotación segundo Xóvenes Agricultores, cun total que supera os catro millóns de euros nun só mes. E agora si, chove sobre mollado.

E neso estamos, en plena crise.

Dahí o labor e a responsabilidade dos sindicatos. Que é moi doado quentar ánimos e xuntar vontades para sair en defensa dos propios intereses. Pero -o mar é o mellor exemplo- cando unha ola se alza por riba das nosas cabezas, sábese que o impacto vai ser terrible e que para a súa caída non temos ningún paraugas que terme.

Ollo coas mobilizacións dos labregos. Sabemos como empezan, pero non como rematan. Sabemos como acabou aquela tractorada, pero daquela a garda civil non facía controis cos alcoolímetros polas estradas. Cuidado, que o que empeza cunha protesta razoable e razoada pode rematar coma o rosario da aurora.
Xiz, Xulio
Xiz, Xulio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES