Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A aniquilación de procesos culturais

viernes, 25 de septiembre de 2020
Hai temáticas circunstancialmente comprometidas, sobre todo cando algúns políticos, con actitudes iconoclastas, pretenden silenciar os rinchos das estatuas ecuestres, que representan cabalos das diversas formas de gobernos, utilizados por aqueles que cabalgaron nun país; e os tales políticos fano tremelicando agarrados as bridas dos que na actualidade portan arreos dunha indiscutible legalidade, despois de acadar ser irrisorios cabaleiros, que se atreven a cabalgar con menos pericia e escasa simpatía que Sancho Panza na illa do seu goberno.

E visto por onde van os tiros, vou ofrecerlles unhas necesarias nocións previas relativas a produción estética. Utilizo un interesante traballo de Sara Barrena e Jaime Nubiola, referido a C.S.Peirce, publicado no nº 201, pgs. 265-281, da revista Estudios Filosóficos, cuxa lectura aconsello. En primeiro lugar, convén entender por SIGNO a representación dun obxecto facéndoo presente nunha mente, e, tendo isto en conta, os citados intelectuais distinguen tres clases de signos: ICONA, que representa o obxecto en canto se parece a el; ÍNDICE, que é como unha pegada do obxecto (buraco dunha bala; exemplo deles), e SÍMBOLO, unha representación convencional, como as mesmas palabras, que, convencionalmente, designan algo.

Unha estatua ecuestre pode considerarse obra de arte como un signo de algo para alguén, como unha representación que ten punto de partida na EXPERIENCIA dese algo, con alguén cabalgando, que sela a inspiración do artista, aquí na minuciosa observación do escultor, centrada primordialmente en estimulantes valores estéticos, alleos ás motivacións políticas como fundamentais; pero este artista ha de contar cunha excepcional capacidade para ordenar o percibido e darlle unha forma orixinal, cunha facilidade de EXPRESIÓN nada común, e, por último, ha de ter así mesmo unha forma peculiar de comprender as experiencias vividas, o que equivale a dicir que tamén posúe unha maneira propia da INTERPRETACIÓN delas, da que pode haber varias formas, e incluso ser todas CREATIVAS. Velaquí, consecuentemente, toda unha serie de PROCESOS CULTURAIS, realizados, xeralmente, por persoas privilexiadas, especialmente dotadas para desenrolalos.

A desaparición dunha obra de arte, como no caso dunha escultura ecuestre, comporta introducir unha parálise da dinámica cultural da mesma, impedindo a emerxencia de valores estéticos moi concretos e circunstancialmente pertinentes. Polo tanto, hai que entendelo non só como un desprezo á CAPACIDADE DE PERCEPCIÓN do artista mediante a que emerxe certa novidade, e deixa reducida ao esquecemento a orixinalidade expresiva, senón tamén obviando a súa especial intelixencia aplicada á obra, ata silenciar a racionalidade inherente como fonte de INTERPRETACIÓN, e facer desaparecer as experiencias vividas e inxectadas inicialmente polo artista, que deveñen estímulos para outras sucesivas interpretacións creadoras e vinculadas a novas condicións históricas, posto que a hermenéutica aquí é aberta, non unívoca, como ocorre con certas visións científicas e positivistas, para as cales só hai unha interpretación válida, e curiosamente tamén para a incompetencia ideolóxica.

O detestable é que non se aniquila exclusivamente o signo material, senón, o que é peor, o seu significado, dado nas diferentes interpretacións, xa que estamos ante un proceso cultural continuo, no que "cada pensamento anterior - escreben os estudosos citados - suxire algo ao pensamento que lle segue, isto é, ven a ser o significado de algo para ese posterior" (pensamento). Por outra parte, a supresión das mesmas suxestións dos signos iconográficos ecuestres ten un efecto semellante a destrución selectiva de certos capítulos dun tratado de historia, como se o relatado non existira na realidade, e fora silenciado para despexarlles espazos ás falsidades que na mesma historia introducen os afeccionados á iconoclastia de matiz político.

E creo que pode estenderse todo o que queda dito, previas as oportunas matizacións, a outros sectores do vandalismo, como, por exemplo, a queima de bandeiras. Estas tamén representan, convencionalmente, complexos obxectos, e só considerando tal función, merecen respecto, sexan oficiais na actualidade, ou non, representen países, sistemas de goberno ou ideolóxicos, máis ou menos aceptables, xa que aí están simbolizados recordos, actitudes pasionais, reivindicacións, propósitos realizados ou esperanzas abortadas, etc, etc., e todo isto son distintos tipos de realidade, que, pretender ocultar e silenciar, é como teimar traer ao plano do coñecemento a nosa PERSONALIDADE, borrando elementos constitutivos da mesma que contribuíron, positiva ou negativamente, a configurala: NON DEBERÍA CONFUNDIRSE A VALORACIÓN DA REALIDADE DESDE UNHA DETERMINADA PERSPECTIVA HISTÓRICA, COA REALIDADE EN SI MESMA, POSTO QUE UNHA COUSA É EVITALA OFICIALMENTE E OUTRA É OCULTALA FALAZMENTE.

A lectura que se adoita facer politicamente nestes casos, descoñece os procesos culturais e ignora a realidade, primando un desinterese por todo aquilo que pode presentar atrancos no camiño cara ao poder dos aspirantes máis incapaces e menos maduros persoalmente, necesitados sempre de xustificacións vaidosas. Xustamente por isto, tampouco hai reparos en construír as consideradas realidades dun prometido progresismo dende os refugallos do que se quere destruír do pasado, dun pasado que está aí e segue configurando, no facer subrepticio dos presentes, a historia dos países. E non me argüían nada apoiándose na DESTRUCIÓN CREATIVA de Shumpeter. Dela direi algo nun artigo posterior, pois con ela non hai analoxía, senón profunda diversidade!!.

¿Acaso os tan desexados refugallos, e descúlpenme o exemplo, dos chalés dun pasado, discutido e sempre discutible, non estimularon os construídos no presente ao amparo da teórica imaxinaria e pasional iconoclastia sobre aqueles?. E reparen os lectores en que estamos ante actitudes DI-VERSAS, non sinxelamente DI-FERENTES, porque aquí as perspectivas cambian de natureza, non de calidade, abrindo un espazo entre o poder económico e o ideolóxico, onde aniñan as falacias deste último para colar ao pobo contidos de perigosa hipocrisía. E neste ridículo estado só se logra investir de amañada legalidade a aniquilación de excelentes procesos culturais, cubrindo o solo patrio de escombros dun pasado histórico que, máis ou menos glorioso, e incluso, a veces, detestable, segue impulsando a constitución do presente –futuro.

A historia dun país ofrécenos todo un campo de numerosos ensaios de correntes que esixen puntualizacións vectoriais, como armazón de posibles tendencias, que dinamizan os procesos constitutivos, con evidentes orientacións ocasionais e comprometidas con cada configuración ideal, que impón diferentes formas de substantivar a institucionalización estrutural dos procesos. Pero a existencia destas formas, como elementos reais do proceso unitario dun país, non queda comprometida pola cualificación da censura selectiva política desde unha perspectiva diversa da posterioridade, e segue contando como elemento constitutivo, aínda que non se exclúa un desacougante período na historia dos pobos, máis ou menos sanguinolento.

A pretensión de aniquilación desta realidade producida, superficial e temporalmente, mediante a dos procesos culturais dos seus signos representativos, resulta ridícula, porque o vigor configurador do obxecto representado segue operante no armazón das posibles tendencias. Por iso a representación do mesmo diaño, o mal absoluto e supremo dos crentes cristiáns, coherentemente, non foi derribada do frontispicio dalgúns edificios dedicados ao culto, xa que, aínda que non faltou o detestable afán inquisidor, tampouco a reflexión intelixente; salvo nalgunhas ocasións.

No caso concreto de España, polo que se refire a Ditadura franquista, a aniquilación de toda clase de signos públicos da mesma, a igual que aos da República, só serviu para abrir a posibilidade de intentar falsificar a historia, como evidencia o feito de que seguen as bandeiras do republicanismo e do fascismo ondeando na conciencia de moitos españois, non pouco axitadas pola obstinación – malia que en moitos casos máis simulada que real – daqueles cidadáns que critican o alleo atacando os criterios e as razóns que logo eles mesmos utilizan para xustificar o propio.

Quosque tandem, Catilina…!. Ata cando temos que esperar para que a claridade e a transparencia sirvan de medio a uns e outros políticos?.Cando veremos intelixentemente rexeitada a hipocrisía política?. Non obstante, alégranos poder eloxiar o sentido común dalgúns, porque nos permite valorar o recurso ás insensateces dos outros.
Rubal, Pedro
Rubal, Pedro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES