Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Á Beira do Camiño: Cregos do rural galego

sábado, 03 de mayo de 2008
Falamos deles non por seren distintos, mellores ou peores cós outros, senón por
ser/estar de actualidade. Por un lado é noticia que, en tempos de falla de vocacións, 18 cregos, galegos de nacemento, estadía e traballo, celebren as súas vodas de ouro; e por outro, a presenza na TVG dunha serie, con dous curas rurais polo medio (D. Crisanto e D. Horacio) que está a ser tamén unha das mais seguidas polo público galego de todas as idades e crases sociais. Semellan temas só para a lembranza ou o simple recordo a esquecer. ¡Vellas historias!, para outros.

Pero, non é así. Tamén, certamente, porque o rural está esmorecendo e abocado a
morrer e cómpre lembrar. Pero, no fondo dos feitos e tamén dos relatos (con certo
cheiro a fábula e a simplicidade) bule e latexa a realidade dun pobo sinxelo pero
namorado dos seus costumes, cheo de amor á xente e aos seus principios humanos e
relixiosos, gran loitador e moi unido entre si que soubo compartir a súa
pobreza/miseria con gran dignidade e desbordante alegría. Todos os que xa somos algo
maiores e vivimos esa etapa da nosa vida lembramos con moito cariño aquela difícil
etapa histórica que compre non volva asomar endexamais, claro está. Sen embargo,
Galicia enteira, tamén a das grandes cidades e vilas, con outro xeito case ritual,
"globalizado e manipulado" de vivir, segue a ser rural na súa esencia e mentalidade.

Por outro lado, a boa nova dos cincuenta anos dos dezaoito cregos que imos celebrar
as nosas vodas de ouro (entre os que me honro) nacemos e vivimos no mundo rural en
tempos difíciles pero entusiasmados e ledos por traballar e colaborar naqueles
extraordinarios cambios no político, no social, no económico e, sobre todo no relixioso cos Concilios Vaticano II e o Pastoral de Galicia. Nacemos en plena República (do 1930 ao 1936), fomos nenos na guerra incivil (36/39) e segunda mundial (39/45) e estudantes (case os únicos naqueles tempos) no medio de moitas necesidades materiais e de grandes silencios inexplicables daquela (1946/1958). Ordenados como cregos, no 1958. E seguimos,...camiñando polo século XXI, coas forzas físicas algo máis diminuídas pero coa mesma fe e ilusión e cunha boa maleta ben cargada de moitas e boas experiencias vividas e compartidas.



Sen presumir de nada e menos aínda pasar factura a ninguén, o crego rural dos comezos da segunda metade do século XX (3ª emigración masiva da súa historia) tivo
que facer de todo naquela sociedade rural totalmente esquecida e empobrecida que
aínda traballaba a terra co arado romano e se alumeaba á luz do candil de gas e/ou
carburo. Houbo que exercer de mestre, de médico, de enfermeiro, de taxista, de albanel. De diante de cada pista, asociación, cociña, camiño... estaba un crego.
¡Falta aínda alguén, con carraxe e coñecemento, se decida a escribir aquela etapa da
nosa historia colectiva que temos dereito a non esquecer e a recordar!. O labor social dos cregos rurais nas parroquias e máis tarde o labor educativo e tamén social dos mestres e mestras a través das escolas unitarias (moitas delas feitas polos propios labregos) foi dun valor emérito extraordinarios. Todo iso, acompañado por un xeito máis humano de nos tratar e de vivir os ritos cristiáns foi o mellor canle para anunciar e vivir e compartir o Evanxeo de Xesús!. ¡Cómpre facer memoria!.
Mato, Xesús
Mato, Xesús


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES