Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A poesía de Avelino Díaz en Debezos (24): 'As Xestas' (1)

viernes, 25 de septiembre de 2020
As xestas son moi abondosas en Galicia, arbustos sagrados para os druídas e no tempo de Avelino, tamén case sagradas, tóxicas para o gando, pero moi empregada para as cortes, para facer vasallos para o forno ou como vasoiras. Aínda me acordo na miña casa como o meu pai empregaba a parte polo todo facendo unha sinécdoque cando lle chamaba a "xesta" para dicir a "vasoira". As xestas teñen unhas flores preciosas chamadas "chorimas", que poden ser brancas ou marelas, tamén son boas para facer "viortos" porque se deixan retorcer facilmente dependendo das lúas, e para a cubrición de chozos e chozas que había antes polas parroquias. Pois ben, o autor, no chan de Arxentina, se cadra na Pampa, viu un arbusto parecido á nosa xesta e isto trouxo consigo que unha simple planta fose o obxecto desencadeante dun estado anímico e dunha fonda tristura que move o poema cheo de lembranzas da infancia do noso poeta.

O poema ao estar referido a un arbusto tan sinxelo e franciscanista, por ser humilde e labrego, tamén o ten en conta o poeta e por iso emprega unha métrica popular que consiste en seis cuartetas asonantadas e octosilábicas de rima (-a-a), moi popular, que podemos dividir en tres partes ben diferenciadas.

Na primeira parte trátase dun obxecto, (a xesta), que desencadea unha serie de recordos que configuran xa a segunda parte, e estes "recordos" desencadean á súa vez a terceira parte que é a "desgraza" que sofre o poeta ao non poder ir aos lugares que cita.

PRIMEIRA PARTE
Está composta por dúas cuartetas que son o obxecto visionado polo autor en Arxentina, sen saber as razóns; o que tamén nos ocorre a nós, ás veces, sen saber o porqué, referímonos ás "xestas e toxos", que ao velos prodúcenlle un penetrante e intenso desacougo xunguido a unha ganas inxentes de volver á Terra:

"¡Que relembros me viñeron
que deseios de voltar
outra vez á terra miña
ver xesteiras e toxais!"

SEGUNDA PARTE
A visualización destes arbustos fai que o recordo de Avelino agrome como as floriñas dos toxos, lembrando a Noriega Varela, e proceda a poetizar tres cuartetas de lembranzas propias da súa infancia e xuventude referidas aos lugares onde había esta vexetación, ou parecida como os codesos, as queirogas, as silveiras, as fieiteiras e os xunqueiras.

"¡Xesteiras de Santacomba,
codeseiras dos Xuncás,
queirogales de Candédo,
toxales de Valcadal".

Nas xesteiras de Santacomba estase a referir á súa parroquia de Santa Comba de Órrea, ou a Órrea do concello de Riotorto, onde nace Avelino e por onde andara de rapaz. A toponimia á que se refire Avelino Díaz está comprendida entre A Pastoriza, Riotorto e Meira (2).

As "codeseiras dos Xuncás" están no límite entre Meira e Pastoriza e hoxe xa non hai a protuberancia de codesos tal e como as coñeceu o autor.

Os "queirogales de Candédo", sitúanse entre Órrea e Meira, e están ámbalas marxes do río Candedo, pertencendo a Pastoriza na parte baixa e a Meira na parte más alta e do outro lado do río.

Os "toxales de Valcadal" están polo camiño que viña a Meira e atopábanse este toxais, baixando por xunta Igrexa de Meira. Chamábanse así porque en tempos... había un forno para facer o cal dunha veta caliza que pasaba por alí e din que viña de moi lonxe.

Remata esta segunda parte despois de falar dos toxais da serra de Meira e do desexo do poeta de volver miralos.
"¡Verdes chailas da Gadella,
silveirales de Lodás,
fieiteiras de Paredes,
xungueiras de Fumiñá!".

As "verdes chailas da Gadella" son pequenos terreos chans que se atopan entre a Órrea e Meira, sendo un monte enigmático e simbólico porque as xentes da zona teñen un dicir clásico "Hai néboa na Gadella", o que quere dicir que moi axiña principiará a orballar.

Os "silveirales de Lodás": Lodás parece ser o principio das terras de Miranda, que comprenden entre outros os concellos de A Pontenova, Riotorto e Trabada, aínda que para outros amplíase tamén a Asturias, e hai aínda quen fala incluso das terras de Mondoñedo.

As "fieiteiras de Paredes" está xa dentro do concello de Meira e perto de Valcadal.

Nas "xungueiras de Fumiñá" estase a referir aos xuncos que hai nos ollos de Fumiñá, concello de Pastoriza, principal fonte do nacemento do río Miño.

Como vemos, Avelino ten no seu pensamento unha serie de fotos fixas de recordos que deitan como a auga dunha fonte os sentimentos da infancia, dos lugares e carreiros polos que el andou de pequeno coa súa mai e cos seus amigos e compañeiros, lugares que nunca morrerán por ser descritos con esta beleza e sentido, con esta tenrura e amor por eles e ao deixalos asentados neste poema seguirán pola eternidade definidos, admirados e diferenciados. Grazas, Avelino.

TERCEIRA PARTE
Volven os recordos da toponimia infantil que xeran á súa vez a maior desgraza que ten o autor, referímonos á posibilidade de volta á terra que xamais houbo e que está chea da súa admiración, como representan a gran cantidade de admiracións da seguinte e derradeira cuarteta.

"¡Ai, cousas da miña terra,
quén vos puidera mirar!
¡Ai tempos que se me foron!
¡Galicia! ¡Que lonx-estás!".

NOTAS:
1. Opera cit.Páx-58.
2. A saituación da toponimia foi facilitada por: Federico Cachafeiro e Carlos Veiga García.
Otero Canto, Xosé
Otero Canto, Xosé


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PROMOCIÓN
PUBLICACIONES
Publicaciones
Publicaciones Amencer
Revista Egap
Obradoiro de Artesania