Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Mongol

miércoles, 23 de septiembre de 2020
Como se non tivera abondo coas tensións político-territoriais en Xinjiang, Tibet ou, doutro signo, en Hong Kong e Taiwán, a China ábreselle outra fronte en Mongolia Interior. Coincidindo coa volta á escola, os pais e alumnos mobilízanse contra unha nova norma que impón o ensino en mandarín dende as idades máis temperás, en detrimento do mongol. Segundo a nova disposición, en todas as clases, literatura, historia ou moral Mongolnon se ensinarán nunca máis en mongol. Os cambios afectan singularmente aos alumnos da escola primaria e os de primeiro ano da escola secundaria.

A decisión, ao parecer, foi do goberno local e vai abertamente en contra do propio espírito da normativa vixente sobre as autonomías que prevé a liberdade das nacionalidades minoritarias para desenvolver e falar a súa propia lingua.

Acontece, ademais, que nos textos legais desta rexión autónoma, cronoloxicamente a primeira das cinco que actualmente existen en China, preceptúase que o mongol é lingua oficial.

Con certa reiteración, dende hai anos, sucédense as campañas de promoción do mandarín ou putonghua, agora asociadas á loita contra a pobreza, incidindo na consideración do seu descoñecemento como un obstáculo para progresar. A extensión do uso do mandarín e dos caracteres chineses constitúe tamén unha parte substancial da política para fomentar a unidade étnica, conforme aos parámetros dominantes.

A autonomía foi sempre un ornamento institucional de escasa miga. Os principais resortes do poder están baixo a man dos Han, secundados por transformacións notables da estrutura demográfica. Hoxe, dos 25 millóns de habitantes de Mongolia Interior só restan 4,5 millóns de mongois, unha consecuencia da inmigración da maioría Han, en curso dende finais do século XIX. Nos últimos tempos, a relevancia das materias primas e, nomeadamente, das terras raras, alentaron unha transformación industrial acompañada do incremento do éxodo rural dos mongois, pobo tradicionalmente nómade, cara as cidades, onde o mandarín é a lingua de uso corrente e maioritario. Ese proceso vese acusado inda máis polo estímulo ao turismo, que folcloriza as súas tradicións culturais para divertimento dos visitantes e acelera o proceso de sinización. A erradicación da lingua materna das escolas incidirá de forma moi acusada na liquidación da lingua e cultura mongolas.

En China, o problema do acomodo territorial suscita un contundente reto a un modelo de gobernanza que nos tempos de Xi Jinping presenta como característica engadida unha clara tendencia ao centralismo, xustificada na necesidade de apurar a reforma integral do sistema. Isto maniféstase tanto no plano da mensaxe como da propia xestión gobernamental. A invocación do soño chinés, por exemplo, é claramente asociable ao soño da maioría Han pero con escasa flexibilidade para incorporar o nivel de diversidade preciso capaz de representar as aspiracións doutras nacionalidades (55), especialmente as máis reivindicativas.

Por outra banda, quen viviron ou viven á marxe da evolución continental, reclaman un espazo para o seu propio soño que dea cabida a unhas singularidades que afectan de cheo ao sistema político. O seu efecto potencialmente desestabilizador é indubidable cando entra en contradición co rumbo marcado polas autoridades centrais.

En Beijing, produto quizais das inercias da historia e dunha matriz ideolóxica tan devota do autoritarismo como do centralismo, as autoridades seguen participando da crenza de que a modernización só pode ser inspirada dende o centro e basearse nos seus patróns. No entanto, as sociedades de hoxe en día manifestan unha complexidade que obriga a establecer un diálogo horizontal que teña tamén en conta os acomodos da subsidiariedade. É este un aspecto difícil de xestionar para quen entendeu sempre que unha iniciativa xurdida á marxe do seu control constitúe non só un desafío senón que conleva implicitamente unha vocación de rivalidade.

A utilización da economía para atar en curto, unha clave común á hora de encarar estes diferendos, non parece ser suficiente para xerar unha empatía política capaz de disolver as reticencias. A falta dunha ambición que recoñeza e valore realmente esa diversidade como un activo que non vai en detrimento do progreso, moi ao contrario, conduce ao bloqueo e a protesta. E benvida sexa.
Ríos, Xulio
Ríos, Xulio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES