Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Adeus, Can de San Roque

lunes, 21 de septiembre de 2020
Agochado no seu palleiro, canso e farto de soedade, lamendo as súas feridas, o vello Can de San Roque, matina no seu oficio de fogueteiro e decátase que así son os soños: constrúense con pólvora, amárranse con razóns e bótanse o ar na espera de que o estoupido desperte do seu soño ós veciños.

Mais as estrelas de colorís son efémeras, esgállanse axiña e a sementeira esváecese sen atopar furado ningún onde medrar. De pouco valen as bágoas no ermo da comodidade e apatía.

O Can mírase no espello da Lúa e ve unha nena rubia, de ollos azuis e un sorriso fermoso. Aquela Lúa è comestible e merece mil bicos na ialma e, por un intre, comprende que tamén il foi sol, calor e agarimo en tempos de dor intenso.

O Can ten asumidas as súas miserias e recoñoce que sempre foi tolo, que tamén loitou con xigantes e quixo amañar outros entortos, a imaxe do Andrés do Quixote, mais a súa pócima de mel, esperanzas, sorrisos e cantigas, trocouse por mor da vida en chagas e aceda fel.

Ser sincero e claro é o que tén. Fuxir da comodidade e dos aplausos, camiñar só e ladrándolle ós abusóns, ós golfos, ós ladróns, ós políticos... O Can goza de enemigos que sempre foi gañando a pulso, non para o seu beneficio, senón para defender aquelas cousas que lle pareceron xustas. Como diría Martín Lutero King: “Para ter enemigos, só fai falla dicir o que se pensa”.

E así o Can púxolle proa a buxatos depredadores da beleza do seu pobo, negouse a calar ante as arbitariedades, non aceptou as presións que se trocan en oportunidades, nunca pideu favor algún para si mesmo nin para outros que supuñeran arbitariedades, non soportou contos e mentiras, sempre fuxeu da compaña de soberbios, escapou de prohomes e señorías, viveu alleo a honores e vanidades. Fuxeu de fachendosos, medras e tiralevitas. Non, non foi poderoso endexamais...

Non embargantes, medo dil teñen e tiveron os tramposos e trangalleiros.Veu medrar avaros e outros ladróns, atopou milleiros de cobardes, soportou a desfachatez de oir falsedades de todo tipo, soupo e sabe das patrañas que dil contan os miserables... amou, ama e amará sempre...E ise xeito tan extrano de vivir, alleo o materialismo máis realista e, se cadra, ladrando diante dos abusos, levouno tras un Deus alleo á opulencia e parafernalia distes ruins e cativos compañeiros. E só tivo unha ferramenta: a palabra. Nítida, sincera e sen plegues. E, ainda que algo aprendeu nos estudos, as mellores leccións tivoas nos exemplos, na coherencia e o compromiso vital das personas que admirou e admira por saber vivir con dignidade en cada faceta da vida. Son tres pés onde coce a persoa a súa vida. E todo iso só foi froito do seu esforzo, da súa valentía, da súa sinceridade e da súa constancia.

De cando en vez, érguese para ver o teatro, ise pobo seu onde medra a insolidaridade e a superficialidade dos buxatos que, na súa barbarie devoradora, mercan voluntades, conciencias e lamecús.

O Can coñoce a miseria. Olla na pasarela das vanidades os deuses triunfadores, eses pequenos bonecos vestidos de artistas, na exposición de soberbias e aplausos. Pensa: Non son conscientes nin da mediocridade nin das miserias asumidas.Todo sexa polos loureiros.

O Can coñoce ben á xente e iso, sendo bó, non deixa de ser perigroso, porque da miseria humán todo o mundo fuxe. Non busquedes o Can na compaña de xente importante nin en camarillas, porque ben sabe como funciona a vida vilega. Ben sabe il quen lle escapa, quen fala mal dil, quen realmente é o seu amigo, quen vive alleo á vida como se fose un zombi, o que se arrima a un a buscar o que lle dían, coñece o displicente cos pobres e resulta comecús cos ricos, sabe onde se xuntan os fachendosos, oeu predicar moitas veces de política e sabe do pé que coxea cada un. Na rúa atopou o cheas da dereita e o mentiroso da esquerda, pero tamén se poden trocar os bandos. Veu moitas veces onde abrevan as forzas da orde e o cambalache que se traen sen que ninguén diga ren. Acó non pasa nada. Pasou a vida ladrando e aínda que ladre nada troca .

Non vota porque é un can, pero sabe que, gane quen gane, as cousas van a seguir igual na rúa: o señorito aparcando donde lle sal dalí, o taller amañando os coches na rúa e o funcionario escaqueándose do traballo coma sempre.

Así que o Can, farto de que lle falen de esperanzas, de que lle digan que tén razón, de que lle dían consellos, de que alguen diga que facía falla unha camada... mirando a Lúa, nun último alento, sinte cansanzo, noxo, pena, pregúntase que foi dos presumidos que en conferencias e discursos múltiples tanto amor declaraban ao pobo, ulo son os bós e xenerosos...Ninguen o entende, porque para iso hai que vivi-las mesmas experiencias. E non é doado. E desgraciadamente, agas algún canciño, ninguén colle o relevo.

Así que, no seu palleiro, camiño do Alén, só remata o tolo do Can cos seus soños e o agarimo da súa Dona, que é quen lame as súas feridas con tenrura e agarimo. Magoa que tanto amor non día colleita.
Timiraos, Ricardo
Timiraos, Ricardo


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES