Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Ensino secundario en Vilalba en 1935

jueves, 17 de septiembre de 2020
Ensino secundario en Vilalba en 1935 Gozando aínda do verán, os pais dos escolares andan nas ocupacións propias do tempo de empezar a escola. Este inicio de curso todos estamos pensando encomo se vai regular o regreso ás aulas, cantos estudantes estarán con cada profesor, se haberá quendas para entrar e saír, como van ser os recreos, se os estudantes estarán separados ao andarán polos corredores, se haberá comedor...

De retroceder oitenta e cinco anos, a aquel convulso 1935, recordamos, porque así o documentamos e por ser Vilalba cabeceira de partido xudicial, que dous anos antes se creara un colexio-instituto onde impartir docencia de ensino medio. As instalacións emprazábanse nun moderno edificio deseñado en 1907 polo arquitecto Leoncio Bescansa e que se pensou para ser destinado a hospital-asilo e nel atender os desherdados da fortuna. Sen embargo en 1933 foi apropiado para a docencia. Tal decisión, que terxiversaba anos de esforzos realizados polo daquela Padroado, co habaneiro Agustín López Arias ao seu fronte, supuxo que acabasen dimitindo os xestores que achegaron os investimentos necesarios para que o edificio fose unha realidade.

Consumado o cambio de función do edificio, non por todos desexado, as instalacións acomodáronse a centro escolar e os cuartos e despachos transformados en aulas. De arquivos ben gardados recuperamos unha imaxe que ilustra o austero laboratorio do colexio-instituto onde se impartían a física e a química. Un total de nove privilexiados alumnos atenden, seguro que con interese e aplicación, a explicación do profesor don Ricardo Sábada Sanfrutos sobre a lei de Boyle-Mariotte que, recordamos, regula a relación existente entre a presión e o volume dunha cantidade concreta de gas cando se mantén a temperatura constante. A cita verbal da lei acompáñase dos correspondentes gráficos e formulas que farían doada a comprensión do ensinado e darían facilidade para ser asimilados os conceptos. De pararnos a identificar os discentes, recoñecemos que a alumna diante do encerado é Carmen Peña Rodríguez, da liñaxe de don Antonio Peña Novo, xa daquela alumna destacada e que, anos despois, durante máis de tres decenios, fixo da docencia a súa vocación e transmitiu saberes matemáticos a xeracións de vilalbeses.

Na ringleira do fondo, lugar estratéxico sempre escollido por escolares con pretensións de discreción e de non ser molestados, mirando para o fotógrafo, de esquerda á dereita, recoñecemos a René, a Francisco Rodríguez Felpeto, ‘Recho’, e a Agustín López. Francisco, anos despois, convertido en avogado, sería docente na academia Santa María de Vilalba. A Agustín López recordámolo como afamado oculista que durante decenios puxo remedios ás enfermidades dos ollos da xente da Terra Chá e aínda de máis lonxe.

Aquelas amizades formadas durante os anos mozos de estudos nun colexio ou instituto mantivéronse durante moitos anos e serviron de nexo de unión de familias. O inexorable paso dos días provoca, xaora, a chegada á madurez. Para celebrar aqueles tempos que sempre se recordan como marabillosos e con certa morriña, nada como unha reunión de antigos alumnos diante dos locais que noutrora serviron como sede do centro educativo. Ensino secundario en Vilalba en 1935E como a memoria colectiva aínda se mantén, sabemos que a foto que dá testemuño do acto foi precedida de oficio relixioso recordando os que xa non estaban e logo os vellos alumnos, ou non tan vellos, compartiron xantar e sobremesa con pouso de abondo para facer memoria de sucesos pasados e tempos idos. Como resulta conveniente conservar a memoria colectiva, non retrato do grupo, recoñecemos a Francisco Rodríguez Felpeto, o segundo pola esquerda, e a Carmen Peña, en pé, tamén a segunda pola esquerda.

Na década de 1940 o edificio daquel colexio-instituto retornou aos destinos para os que foi concibido, construído e pagado, e alí instalouse o tan ansiado hospital asilo. En anos posteriores a 1950 a docencia tivo continuidade na academia Santa María e xa a partir de 1966 no instituto Basanta Silva actividade que aínda mantén nos nosos días.

Despois do andazo que nos invade nestes días, cómpre recordar a importancia que ten que os escolares reciban educación e instrución acorde ao seu nivel de desenvolvemento persoal para que se formen como cidadáns de pacífica convivencia. Artellar o sistema máis adecuado para lograr este obxectivo será cousa da colaboración imprescindible entre os responsables administrativos da educación e os responsables das familias.


O edificio que albergou en Vilalba o colexio-instituto durante tres cursos escolares (1933-1936) foi concibido en 1907 para atender a saúde de xente sen recursos. Entre 1908 e 1914, mediante subvencións, achegas e mandas testamentarias, construíronse as paredes mestras exteriores e o lousado.

Entre 1914-1923 as obras paralizáronse pola falta de recursos causada pola Guerra Europea e pola crise dos anos seguintes. Foi daquela cando os habaneiros a través da sociedade ‘Unión Villalbesa’, con Agustín López Arias á súa fronte, fixeron seu o obxectivo de rematar a obra á que xa contribuíran.

Os sucesivos recursos económicos enviados dende Cuba xunto con xenerosas doazóns de habaneiros retornados permitiron que se rematase o edificio en 1931.

Proclamada a República, para contrarrestar o poder das congregacións relixiosas no ensino, as autoridades da nación aprobaron que en cada cabeceira de partido xudicial, como era o caso de Vilalba, puidese haber un centro de ensino medio. Dependendo do número de habitantes dividíanse os institutos en tres categorías correspondendo a Vilalba a terceira, que era a de colexio subvencionado ou colexio-instituto. Neste caso serían as autoridades municipais as que se encargasen de poñer o edificio e facerse cargo tanto do seu mantemento coma do material didáctico. O goberno central, con excesiva austeridade, achegaría o profesorado.

Foi neste contexto no que se produce unha tumultuosa reunión o 6 de xuño de 1933 no concello entre o Padroado do hospital-asilo e o daquela alcalde Jesús Ramil Cillero. Tamén estaban presentes as forzas vivas vilalbesas: xuíz, secretario xudicial, notario, rexistrador e representantes de sociedades deportivas, comerciais, maxisterio, agrupacións políticas... Na discusión de se era legal ou non o cambiar os fins fundacionais do edificio participou un público asistente que, a dicir dun relato da época, estaba carente de dirección axeitada pero con dirección intencionada. O resultado foi que despois do alboroto, nunha reunión privada entre o alcalde e o presidente do Padroado, este transixiu en ceder temporalmente a metade do edificio para servicio escolar mentres o Concello non buscaba outros locais que reunisen os requisitos necesarios para colexio. Pouco despois, tras a visita dun inspector de educación, o edificio foi ocupado na totalidade. En 1937 reconverteuse en hospital de retagarda onde atender soldados que, por documentos conservados, padecían enfermidades comúns.

(Nas fotografías, Carmiña Peña dando a lección da lei de Boyle Mariotte, e xuntanza dos antigos alumnos do Instituto vilalbés).
Pombo Mosquera, Xosé Antonio
Pombo Mosquera, Xosé Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES