Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Que culpa teñen as ovellas?

lunes, 14 de septiembre de 2020
Hai noticias que pasan practicamente desapercibidas, ou ben porque transcorren en aldeas e pequenas vilas, ou ben porque a súa temática non transcende moito na nosa vida cotiá. Iso é o que pensamos, que a certas temáticas non lles damos a importancia debida. A quen lle importa hoxe a agricultura? A quen lle importou sempre a gandaría? Cando na realidade, sen o sector primario, seriamos un cero á esquerda; aínda mellor, non existiriamos. Logo, para máis aquel, a tal noticia aconteceu nun monte de Lucenza, en Cualedro, un pequeno concello da nosa provincia. Alí alguén envelenou a 48 ovellas cando estaban pacendo. Vista así a cousa, alguén pode pensar que por 48 ovellas nin se vai acabar o mundo nin tan sequera merece a pena ler a crónica completa.

Non, non se vai acabar o mundo; pero ó mellor para o gandeiro si. Porque a este gandeiro seica xa era a terceira vez que lle envelenaban cabezas de ovino: 14 a primeira vez e 6 a segunda. Tamén alguén axiña pode pensar que tanto envelenamento pode estar precedido por, por exemplo, o mal carácter do dono das ovellas. Ó mellor o homiño non está ben visto pola contorna. É tan só un exemplo. Pero aínda que fora verdade, aínda que ese veciño fose un home rabudo, que culpa terán as pobres ovellas. Se alguén lle quería facer dano ó home, por que non lle moveron os marcos todos das leiras? Non é a primeira vez que saco nos papeis o que significa para nós un marco e o que adoitamos facer cando nos moven un marco.

Pois non, algún malvado pensa que lle fará máis dano matándolle as ovellas todas. E imaxino que si, que isto é peor que mover os marcos todos dos eidos. Porque as ovellas entendo eu que son o sustento (ou parte do sustento) dese gandeiro. Da noite para a mañá quedou sen a súa gandaría e, intúo, que sen ganas ningunhas de ter máis gando ovino. Saberá que a ese malnacido non lle importará envelenar de novo por cuarta vez. Con tal de facerlle dano ó veciño e sen pensar para nada no gando. Que carallo, o gando está para morrer. A forma de morrer é o de menos; son animais que están aquí só para que nos boten unha man, para que nos axuden a subsistir; baixo sacrificios, baixo maltratos. Nós si que temos veleno no sangue. E con el matamos.
Rivas Delgado, Antonio
Rivas Delgado, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PROMOCIÓN
PUBLICACIONES
Publicaciones
Publicaciones Amencer
Revista Egap
Obradoiro de Artesania