Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Os mundos de Ayaso (I)

lunes, 14 de septiembre de 2020
Os mundos de Ayaso (I) Manuel Ayaso (Aguiño, 1934 ) é un pintor galego, a pesar de ter emigrado a Estados Unidos con trece anos e pasar alí maior parte da súa vida.

En 1955 inicia os seus estudos artísticos como becario da Newark School of Fine and Industrial Arts. De novo, en 1963,foille concedida unha beca por parte da fundación Tiffanys.

Expón en Texas, México, Roma, Minnesota, New Jersey e, en varias ocasións, en Nova York. Está representado nos museos de Newark, New Jersey, Pennsylvania e Arkansas.
Conta con múltiples galardóns..

Hai uns días, na clausura da súa exposición Reflexos da Costa da Morte, na Sala Lustres Rivas de Ribeira, cinco escritores homenaxearon ao pintor con poesía.
Pareceume unha idea interesante, pasar a versos un mundo creativo: o de Ayaso.

Estas son “Dez variacións sobre os mundos de Ayaso”

1
Aí, no baúl do tesouro
onde se garda o imaxinario,
ten Ayaso imaxes inquietantes
dos tempos nos que visitou o Goya da etapa escura,
O Bosco do xardín das delicias
ou o trasmundo de Laxeiro.
Pesadelos
alucinacións que atemorizan
a imaxe que produce angustia porque lle fai mal ao espírito
o absurdo que xoga coa razón
corpos entangarañados
o mal de ollo mirándonos
os monstros da emoción
a suma de medos do inconsciente
o horror que permanece agachado dende a noite prehistórica
aberracións saíndo do románico
deformidades,
os símbolos e as xentes da Igrexa confundíndonos
porque a relixión intranquiliza nestes orbes,
demos atados aos humanos
o que desexamos que non exista e o miramos para exorcizalo,
unións incomprensibles
a presenza do inesperado
xestos e miradas que destilan vileza
bebés de todas as idades
quimeras,
ese delirio de homes e animais mesturándose
tamén con vexetais,
velas acendidas
os animais á espreita
caretas
humanos monicreques
monicreques humanos
as cabezas que trae alguén tirando por cordas cando sae da auga
seres que voan,
que cabalgan sobre animais
ou que miran por máis de dous ollos,
cabezóns,
o esperpento pairando máis alá da caricatura
estraños fetos
con trasgos e bruxas,
protagonistas do onírico
que desvela.
Todo contado como miniaturas de códices
ás veces esvaecidos,
tenebrismo nas cores
angustia e desazón.
Un surrealismo propio.
O seu cariz tranquilo de vello neno
semella contradicir ese universo.
Hai que botar fóra o mal
para poder mostrarse así,
ocultando os leviatáns que permanecen pechados na caixa dos ferrollos,
as mantícoras de atraínte nome
debaixo da pel,
dentro da tona
unha mitoloxía que desasosega.
Sampedro, Pilar
Sampedro, Pilar


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES