Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Eu, ti, el... todos nós podemos galeguizar

viernes, 11 de septiembre de 2020
Non é a primeira vez que lemos na prensa escrita notas de denuncias polas limitacións ao uso do galego facendo fincapé na responsabilidade que teñen as administracións públicas no proceso de normalización lingüística. As obrigas que teñen son evidentes. Pero esquecemos que as máis das actividades dos cidadáns atinxen a súa esfera persoal e a eles compételles escoller o idioma para realizalas. Non son poucas. A galeguización do país virá tamén da decisión que eles tomen deliberadamente.

Para que así sexa, cómpre que as instancias institucionais incidan na cidadanía salientando a importancia que teñen os seus actos persoais no uso da lingua galega, por acción ou omisión.

É evidente que se un clube de fútbol utiliza o galego nas relacións cos seus siareiros, estes estimarán máis o idioma. Ou se todos, en xeral, amosamos preferenza polos produtos etiquetados en galego, estamos a modificar estratexias comerciais equivocadas. E que dicir se os cemiterios tivesen máis lápidas en galego, como corresponde a un pobo que ten lingua propia que queda esluída na memoria colectiva ao non ser utilizada para perpetuala?

Os xulgados e demáis órganos xurisdicionais ditarán máis sentenzas en galego se todos os que acudimos a eles para dirimirmos conflitos interpersoais nos expresamos oralmente ou por escrito no noso idioma, e a maiores solicitamoslles que se nos dite sentenza en galego.

Non teñen acaso importancia os documentos xurídicos (testamentos e contratos de todo tipo) que gardamos na casa para as xeracións vindeiras? De darmoslles a importancia que teñen, os nosos fillos e fillas, asi como familiares directos, aprenderían a valorar unha lingua na que expresamos sentementos, desexos ou acordos, propiedades e bens mobles e inmobles.

Temos un aplísimo marco xurídico que nos permite exercitar os dereitos lingüísticos. Velaquí un resumido catálogo de galeguización que depende da decisión persoal para aplicalo na vida cotiá:

1.- Actividade xurídica e xudicial.a) Contratos con avogados e procuradores, instando a que a defensa se faga en lingua galega oralmente e por escrito perante os órganos xurisdicionais nas vistas orais, como partes ou testemuñas. b) Solicitar do órgano xurisdicional competente que se dite sentenza en lingua galega.

2.-Actos sociais (relixiosos ou civís). Banquetes (bauticeiros,comuñóns,vodas, funerais, cabodanos…)

3.-Actos xurídicos documentadosen rexistros, notarías e outras instancias oficiais: a) De aluguer. b) De compra e venda. c) Constitución de sociedades mercantís. d) Escrituras de constitución de hipotecas e propiedades horizontais. e) Declaración de herdeiros, e en todos os demais previstos polas leis.

4.- Artes escénicas e Libros. Acudir ás representación das artes escénicas na nosa lingua, e consumo de libros en galego.

5.-Bilingüismo pasivo. Nas relacións cos familiares e xente en xeral, utilizar a lingua galega, aínda que os máis falen en castelán.

6.-Comisións de festas. En calidade de ramista ou membro integrante delas, exercer o dereito a galeguizalas.

7.-Contratos de obras)Con contratistas, arquitectos e aparelladores e demais técnicos para que elaboren proxectos maiores e menores.

8.-Contratos de servizos: a)De gas, electricidade, telefonía...b)Pólizas de seguros e decesos.c)Con entidadesfinancieiras. d) Con outras entidades comerciais.

9.-Ensino.Utilizar a lingua galega: a) Nos apuntamentos escolares. b) Nas relacións co profesorado. c) En exámes. d) Preocuparse pola infancia no ámbito familiar.

10.- Necrolóxicas. Galeguizar lápidas funerarias e esquelas.

11.- Postos de traballo. Utilizar o galego en todo aquilo que a lei permita, que non é pouco.

12.- Produtos comerciais. Amosar a preferenza no consumo polos produtos etiquetados en lingua galega.

13.-Publicidade. a) Comercial -rotulada, estática e impresa-, e b)en todo tipo de negocios.

14.-Relacións coas administracións públicas. Indiscriminadamente.

15.-Relacións documentais coas entidades recreativas.Solicitar das que se é socio que as relacións escritas sexan en galego.

16.-Relacións sindicais. Instar aos comités de empresa para que estes inclúan na negociación colectiva: a) o dereito a recibir información, nóminas e contratos, en galego, e b) incluír os dereitos lingüísticos dos traballadores.

Por lei, as administracións públicas, teñen o deber de fomentar o uso do galego en todas as ordes da vida social,económica e cultural. Pero de cada un de nós depende que a correlación de forzas sexa maior a prol do galego.Todo é posible se o esforzo persoal está dirixido cara a consecución dun fin: darlle maior pulo á lingua e cultura galega.

(Xosé González Martínez é Presidente do Foro E. Peinador)
González Martínez, Xosé
González Martínez, Xosé


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES