Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Convirtamos as bágoas en perlas (10)

martes, 08 de septiembre de 2020
De solteira roupa nova, e de casada remendada. ¡Xa; iso era daquela, polo XX arriba, pero neste, no XXI, a roupa rota, remendada, indica máis ben solteiría. ¿É unha moda, ou trátase de que, coa crise, aproveitamos a vella, maiormente os pantalóns? Nun parladoiro, que se me ocorreu opinar que agora as mulleres xa non teñen, xa se lles está quitando, ese complexo de poñerse pantalóns coma os homes, e que comezan por romperlles as perneiras, para ir disimulando a súa retirada paulatina..., a pouco me zurran as presentes, por...; ¡chamáronme machista!

Despois, na casa, ocorréuseme abrir Internet, e atopeime cun artigo, referido ás miserias da guerra de España, que, máis ou menos, viña a dicir isto: "...Nais e pais remendando e poñendo parches á roupa dos seus fillos. Xeracións de nenos, ¡de clase media!, que medraron familiarizadas coa presenza de codeiras e de rodilleiras na súa roupa. As caídas nos xogos facían que aquela roupa, vella, podre, de mala calidade, se rachase, así que os pais recorrían aos complementos para alargar a vida dos pantalóns e dos xerseis dos seus rebentos".

De lido o que antecede, a memoria deume en ferver, co cal lembrei aquelas irmás que coincidiron comigo no camiño da Misa, ¡e ían tan elegantes, que nin dúas pombas! Miña nai díxolle á delas:
-¡Esa si que é unha boa costureira, que mira que pombas sacou cos sacos do azucre...!
Cando quedamos sos:
-¿Mamá, que historia é esa dos sacos do azucre; a que viña iso, falando de vestidos e de costureiras?
-Meu fillo, os milagres que pode facer unha artista! Os vestidos desas nenas fíxollelos a Manueliña de González, que aprendeu a coser en Madrid. Os sacos do azucre, de baleiros, que así non houbo problemas na aduana, mandóullelos seu tío, de Cuba, pola escaseza que temos aquí de tecidos, e mira ti que oportunos foron para facerlles ás rapazas eses vestidos de festa! É ben certo que o que un despreza, outro o aprecia; ¡non o esquezas!

Pois, a verdade, é que xa o tiña esquecido, pero as crises tamén teñen algo de bo, ¡que refrescan a memoria!
-.-

As escolas mixtas, crisol de convivencia social. Nas aldeas, unitarias, mixtas; nas vilas, Convirtamos as bágoas en perlas (10)grupos escolares.

Tiñámoslles envexa aos Grupos, mais era infundada. Nas mixtas, todo veciños, todo proximidade; comuna limitada, e por tanto, absoluta. Íamos os veciños, os de cada día, de distancias curtas, e por iso pouco distanciados; máis fraternos, máis achegados.

Quen o tiña peor era o mestre/a, pois con aquel malabarismo de atender a unha variedade, tanto en sexo como en idades, necesitaba dez mans, dez ollos e dez orellas; ¡de circo! Nas unitarias é máis doado anquilosarse, bocexar, aburrirse. A mixta, esixe; as outras..., ¡monotonía! Así que ese obstáculo xeraba perlas, tanto para o mestre como para os alumnos/as.

R.I.P. ¡Morreron, e con elas, as aldeas! Ir en coche aos Grupos Escolares, e neles estar divididos por idades son esquemas urbanos; algo así como..., ¡evacuacións do rural, en vista da súa agonía! ¿Que lle saen máis baratas ao Estado? ¡Xa; e máis caras aos nenos! Xuntar os cativos de Montecubeiro cos do Páramo logo é tanto como xuntar andaluces con magrebís: Outros problemas, outros costumes, outras apetencias.

Os mestres de daquela paraban, comían e durmían, xeralmente, na Casa Grande do lugar; e con iso, dominaban a contorna: os seus avatares, sistemas de cultivo, relacións sociais... Os nenos da escola, xebrados os que ían para Bachareis, iniciábanse en amoríos infantís: ían botándolle o ollo ao neno/á nena que lles entraba polo ollo..., ¡e xa lle dicían algo, algo que podía terse por comezo dun filtreo! Aquel coñecemento, longo e profundo, era a mellor das vacinas contra as separacións conxugais, tan raras que eran, ¡que foron!, no rural.

A pedagoxía, diferente, que ata podía chamárselle “pedagoxía profesional”, pois os nenos/as, ademais da cultura xeral, saían cunha cultura aplicada. ¿En que grupo escolar ensinan aos nenos como se calcula o peso en canal dunha res, ou o volume útil dunha árbore? ¡Pois meu pai, mestre de a ferrado, xa llelo ensinaba, na primeira metade do XX!

Escola de mestres: A convivencia e maila colaboración dos grandes cos cativos estimulaba aos críos, infundíalles envexa, e eles, pola súa parte, sentíanse mestres, führers dos outros.
Convirtamos as bágoas en perlas (10)
-.-

Poucos dos urbanos deste XXI teñen a sorte, e coa sorte a felicidade, de abri-la súa ventá por derriba dunha arbore; naquelas aldeíñas do XX, desde as árbores de enfronte, e cando non as había, os couceiros facían de arbore, saudábannos os paxaros matutinos.

Para a xente do campo a expulsión do Paraíso só dura un inverno pois, a continuación, agroma a primavera, rompendo as monotonías; ¡as bágoas, nisto, tamén nisto, tórnanse perlas, a Deus grazas! Con iso e con todo, a envexa aos da capital estase facendo eterna.

Volverán las oscuras golondrinas
en tu balcón sus nidos a colgar,
y otra vez con el ala a sus cristales
jugando llamarán.
Pero aquellas que el vuelo refrenaban
tu hermosura y mi dicha a contemplar,
aquellas que aprendieron nuestros nombres…
¡esas…, no volverán!

Se non volven as andoriñas é que opositaron..., e ganaron, quedándose achantadas no asfalto! ¡Pobriñas, que pena me dan!

É comprensible, ¡moito!, que os druidas adorasen a Deus debaixo das árbores. ¡Eu declareime á miña Estrela naquela festa de Suegos, no prado de Pérez, debaixo dun daqueles pomares..., e se cadra por iso, tamén por iso, lles quero tanto ás maceiras!
¡Que razón tivo aquel sabio que dixo que só é sabio aquel que plantou unha árbore, escribiu un libro, e tivo un fillo! ¿Será petulancia terme por sabio? ¡Haberá que ter coidado pois os orgullosos non pasan pola porta de San Pedro, que os mandan pola outra, pola Porta Falsa!

Tamén é sabido que o diabro gusta de disfrazarse, e esa debe ser a razón pola que se valeu do frade Rosendo Salvado para meternos en Galicia aos eucaliptos, ¡disfrazados de árbores!
.../...
Gómez Vilabella, Xosé M.
Gómez Vilabella, Xosé M.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES