Como romanos
Xiz, Xulio - viernes, 25 de abril de 2008
Esta fin de semana, como Presidente do Orfeón Lucense, tocoume recibir a embaixada romana que visitou Lugo para participar -coro Ars Nova da capital italiana- no IX Encontro Internacional de Música Sacra.
Chegaron de Roma a Compostela, nun deses voos que agora son máis asequibles ca unha viaxe en autobús, e disfrutaron escoitando que Lugo era unha cidade romana, que Roma asoma cada vez que buscamos no sochán, que somos tan romanos coma eles.
Recibiunos no Concello un tanden municipal feminino -Sonia Méndez do PSOE e Cristina Ares do PP- que nos deron un bo exemplo de excelente relación da que poden aprender os seus compañeiros e xefes masculinos.
En tanto, numerosos lucenses (entre os que estaba o alcalde e a vicepresidenta da Deputación) recorrían a pe o tramo recuperado da vía romana que hai dous milenios ía de Braga por Lugo a Astorga, comprobando unha vez máis que as obras de romanos -vía, termas ou muralla- perduran por séculos.
Os romanos fóronse felices desta cidade romana, e convidáronos a ir a Roma para reafirmar a relación. Parece seguro que en 2009 repetiremos o monumental triángulo desta fin de semana: Lugo-Córdoba-Roma.
De Lugo a Roma hai moito menos distancia da que adoitamos pensar. En tempos, foron o mesmo. Este sábado, pola música, foron irmás. Só falta devolverlles a visita e confirmarnos na historia e na actualidade que eles son coma lucenses e nós coma romanos.

Xiz, Xulio
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora