Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Pingas de Orballo

sábado, 05 de septiembre de 2020
Polo meu Universo
Quixen erguer para marchar tomar café. Pero custábame un mundo darlle á saba para atrás. Seguín na cama un cacho máis. Pensando nos biosbardos. Ou no silencio convertido nunha sinfonía de Beethoven. Tamén pensei no universo, claro. No meu universo. Peguei unha reviravolta e quedei mirando para a ventá. Como a persiana estaba subida vin o ceo azul e o día claro. Xa era tarde. Tiña que erguer para ir tomar café. Hoxe non me apetece café. Que xa é dicir. Así é que peguei outra reviravolta e quedei mirando para a parede. Branca. Núa. Pensei na nudez dunha muller e era como contemplar a nostalxia gravitando polo universo. Por ese universo sen fin. Polo meu universo. Pechei os soños e seguín soñando coa alpabarda dun deixamento que se acoplaba de tal maneira á saba, á cama que non me entraba ningunha ansia de sacar os pés fóra. A nugalla ía máis alá do sono. E se tivera poder para alcanzar a capa de Supermán e voar? Voaría por enriba das leiras de millo e dos campanarios das igrexas e das lagoas secas para aterrar sobre o latexo do peito da muller núa. Cada latexo seu é un suspiro meu. E cada salouco é todo un universo. Quero erguer xa dunha vez para ir ó café. Fago forza na vontade, premo o que hai que premer, boto un pé fóra e logo boto o outro. Nun amén meto os dous pés dentro. Non hai maneira! Tapo coa saba incluso a cabeza e penso neses biosbardos orbitando polo universo. Polo meu universo. Hoxe me parece a min que non haberá café. Ás veces, un simple soño vale máis que toda a cafeína do universo. Seguirei engruñado.

Unha partida de brisca
Somos de sangue quente. Levamos o demo dentro. Desde que o mundo é mundo alporizámonos por unha mingurria de nada ou polo valor dunha palla. Ás veces chega cun simple sinal ou xesto de cando se xoga unha partida de cartas. Algo que debeu suceder a principios do mes de febreiro de 1930 (que xa choveu) en San Martiño de Betán, no concello de Baños de Molgas. Polo menos o día 8 dese mes asomou nos medios de comunicación a liorta que se levou a cabo entre algúns veciños de Sanguñedo cando estaban xogando tres litros de viño á brisca. Por unha simple xogada, por un simple sinal (quizais un chiscar de ollo ou un xesto co ombreiro...) un tal Arturo Feijoo Losada botoulle en cara a xogada, o aceno, o ademán a Diego Cid Guede. Este repúxose, faltaría máis. Mal feito. Por veces é mellor calar a boca e apandar aínda que se teña razón. Non calou e axiña notou sobre a súa cara dúas feridas, producidas, por suposto, por un obxecto cortante. Como as feridas seica eran unha cousiña de nada, o cronista adaptounas a unhas "caricias gatunas". Aínda que, tan pouquiña cousa non debeu ser, porque o agresor, ou sexa, Arturo seica lle deu sebo ós pés ou marchou coma o peido do cu, porque cando a Benemérita o quixo deter xa non o atoparon nin por alí nin pola contorna.
Se pelexamos por isto, como non imos armar a do demo e a mona por un marco. Ou por unha galla que sombrea a leira do veciño. No 1930, no 2020 e no 3150. En Baños de Molgas, en Molina de Aragón e en Dakota do Sur. A carraxe, o veleno, a maldade, a ira, o demo aniñan sempre en nós.
Rivas Delgado, Antonio
Rivas Delgado, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PROMOCIÓN
PUBLICACIONES
Publicaciones
Publicaciones Amencer
Revista Egap
Obradoiro de Artesania