Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Pingas de Orballo

viernes, 04 de septiembre de 2020
Quero ser...
Quero envolverme no fardo, na paca de herba e rodar por Sudalomba abaixo. Quero esmagar bichos e arañas e vermes e toxos e xestas e lavercas e vacalouras e serpes. Quero rebentar o valado de pedra coa forza da miña inercia. Quero ser a Carrie-Anne Moss de "Matrix", pero nin tan sequera son o Clint Eastwood de "Sen perdón". Quizais algún día sexa o campanario dunha torre que non ten fin. Ou a presa do Segundo que non pode conter a auga, e esta borda con ímpeto, con enerxía, con forza moita melancolía ou moita saudade ou moita nostalxia ou moita morriña ou moita señardade. Quero ser o "Blues do autobús" de Miguel Ríos que soa desde o alto da Chaira para que se escoite polo Río Vello e o Río de Vide e Barricobos e a Tapada Nova e Portugalego e a Porfía e a Parrumeira, pero nin tan sequera son o Carlos Núñez de "Negra sombra". O sol ponse polo Outeiro de Brandín e eu caio na conta de que non produzo sombra, nin negra nin branca nin de cor. Quero sentar no alto dun canastro e deixar que os ratos rillen as espigas da miña conciencia, do meu sentido. Por veces, ata eu mesmo recoñezo que nin terei conciencia nin terei sentido (xa mo di a muller: non tes sentidiño ningún). Menos mal que eu quero ser a ovella negra que sempre vai polo camiño que non é. Aínda que, iso si, sempre chego ó meu destino. Con atrancos e con reviravoltas e con carraxe e con cabreos, pero chego. Sempre chego. Quero ser as pedras da presa do Segundo para deixar escapar esas pingas que refrescan a miña vida. Quero ser a Barbra Streisand da música en xeral e nin tan sequera son o asubío, en particular, de Ennio Morricone.

Palabras sobre o teclado
Deixo caer os dedos sobre o teclado do ordenador para escribir algo. Saen palabras raras. Verdades incómodas. Por exemplo: que cerca de vinte inmigrantes morren ó intentar alcanzar as costas das illas Canarias en dúas miserentas canoas. Pobres, como se lles ocorreu botarse así ó mar! Morrer por nada. Queda o consolo de que xa non escoitarán as pestes que terían que oír do país, quizais, máis emigrante do mundo mundial. Sempre foi lei de vida; que o maior emigrante non pode ver a ningún inmigrante. Seguen os dedos dálle que dálle ás teclas para deixar caer palabras que non teñen sentido, que non teñen razón. Non obstante, aí as deixo. Quizais alguén lea torcido e me gabe as mentiras piadosas, ou me confese que un esperpento é unha simple esaxeración para quedar ben ou para chamar a atención. Por exemplo, o esperpento vigués de instalar xa o alumeado de Nadal. Ó final ata eu mesmo fallei nos meus propios cálculos, cando confesaba que, en nada, o Nadal empezaría ó rematar as Novenas de Os Milagres, ou sexa, o 9 de setembro. Este ano en Vigo xa empezou antes. Si, xa sei que, ó final hainas que poñer e, entón, que máis dá. Pero para iso tamén case é mellor deixalas xa instaladas e afórrase un pastón entre instalar e quitar. Digo eu. Si, xa sei, a publicidade que se lle fai á cidade... Pero, será unha publicidade seria ou será esperpéntica?Seguro que aquí tamén as palabras que deixo caer non proceden ou que son parvas. Palabras parvas escritas por un paiolo. Ou por un cretino. É igual. O caso é deixar que os dedos cuspan palabras sobre o teclado.
Rivas Delgado, Antonio
Rivas Delgado, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PROMOCIÓN
PUBLICACIONES
Publicaciones
Publicaciones Amencer
Revista Egap
Obradoiro de Artesania