Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Pingas de Orballo: O misterio das sombras

martes, 01 de septiembre de 2020
Subo ó campanario da igrexa de Baños de Molgas para analizar cada recanto da vila no que certos obxectos non fan sombra. A canícula cae con forza e o misterio xoga ós acochos, ás escondidas pola Aira do Pombal. Hai alí un canastro que non fai sombra. Unha rula voa sobre a Aira da Maquieira e tampouco fai sombra. Desde case uns trinta metros de altura deixo que os meus ollos busquen froiteiras que lindan polas rúas do Agro e seguen as sombras sen aparecer. O misterio penetra tamén sobre as campás que me envolven, porque nin estas nin a propia torre da igrexa proxectan sombras sobre o atrio. Boto as mans á cabeza e empezo a desesperar. Que pasa coas sombras, se hai un sol do carallo? Repenico as campás aínda que non saia o santo polas rúas de Baños de Molgas. Ante os golpes dos badalos, aquelas móvense un pouco, pero, abaixo, no adro todo segue igual. A canícula cae en picado sobre a rúa da Igrexa e nin a cancela de ferro que cerca o adro fai sombra. Súo de angustia e vexo, con asombro, que unha pinga de suor ó caer si proxecta unha pequena sombra sobre o chan do campanario. Repenico con máis forza para suar aínda máis e, efectivamente, as pingas de suor proxectan sombras que estimulan a que eu siga repenicando, aínda que non sexa San Salvador, o día do patrón. Cando non podo repicar máis pola dor dos brazos, boto a chorar para que as bágoas amosen o misterio das sombras sobre o campanario da igrexa de Baños de Molgas. Non obstante, baixo feliz e contento porque sei que hai sombras que me arrodean.
Rivas Delgado, Antonio
Rivas Delgado, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PROMOCIÓN
PUBLICACIONES
Publicaciones
Publicaciones Amencer
Revista Egap
Obradoiro de Artesania